Debate electoral

O debate Feijóo-Vázquez foi un grande acto de confirmación política. Militantes e simpatizantes do PPdeG aplaudiron a vitoria esmagadora de Feijóo e a parroquia socialista felicitouse polo triunfo indiscutible de Pachi Vázquez. É sabido que os seres humanos peneiramos a información que recibimos para que non violente as nosas conviccións e emocións profundas. En Por qué somos como somos, Eduard Punset repara nesas disonancias cognitivas e anota: «Cando o cerebro percibe unha explicación distinta ao que el cre non só a cuestiona, é que corta os circuitos de comunicación para que non penetre. Por iso non cambiamos de voto». Cítao en Micropolítica, Antoni Gutiérrez-Rubí onde inclúe «Coñecer o cerebro para liderar», un esclarecedor artigo no que repara sobre a blocaxe de informacións racionais que nos poderían facer cambiar de opinión e recupera unha expresiva cita de Daniel Eskibel («Buscar a verdade é complexo, é máis sencillo validar unha opinión previa»). A súa conclusión non nos deixa moita marxe: «Preferimos escoitar o que queremos escoitar, ler o que queremos ler, opinar o que queremos opinar.»

Onte pola noite, tamén. É bastante indiscutible que para unha boa parte da audiencia da TVG e para o medio de comunicación de referencia en Galicia o resultado do debate entálase nese patrón de blocaxe cognitiva. Cun pouco de afastamento brechtiano podemos ir alén das nosas crenzas, filias e conviccións emocionais. Vouno intentar.

Para a miña idea, Pachi Vázquez aproveitou mellor o #debatiño que Feijóo, polo menos en media ducia de cuestións.

Aproveitamento 1: Maior coñecemento entre a audiencia. Posiblemente o debate foi a aparición máis longa do secretario xeral do PSdeG na televisión nos tres últimos anos, Vázquez ten unha cota de coñecemento moito menor que Feijóo e hoxe coñéceno máis e mellor moitos máis cidadáns que onte. Un pequeno pero relevante paso adiante.

Aproveitamento 2: A dialéctica bipartidista beneficia ao PSdeG como partido alternativo. O formato de debate a dous reforza o papel antagonista e retador do PSdeG e contribúe a diluír, ante moitos electores, os evidentes consensos e posicións que PSOE e PP tiveron (e aínda teñen en gran medida) respecto das políticas sociais e económicas do último Zapatero e o primeiro Rajoy para enfrontar a crise.

Aproveitamento 3: Maior dominio da situación de tensión. Pachi Vázquez ofreceu unha imaxe contundente á vez que tranquila e a Feijóo notóuselle moito máis nervioso, o candidato do PPdeG demostrou que só esta afeito a debater desde posicións de vantaxe e onte estaba nun plató e non no hemiciclo do Hórreo. Tendo en conta que Núñez Feijóo é moitísimo mellor comunicador que Pachi Vázquez, a ganancia do candidato socialista é dobre: o que anotou el e o que deixou de anotar Feijóo.

Aproveitamento 4: Mellor identificación de destinatarios do seu relato. Pachi Vázquez tiña un plan, usou o debate para identificar os destinatarios preferentes do seu discurso: todos os damnificados polas política marradas fronte á crise, que son moitos máis que os prexudicados á altura de 2009, mentres que Feijóo falaba para os seus fieis que, todo apunta, son algúns menos que en 2009 e bastantes menos que o 20-N de 2011.

Aproveitamento 5: Mellor elección para a toma á terra do relato. Intelixentemente, Vázquez elixiu falar de Galicia e para «as familias que non chegan á fin de mes»; este encadre de política de proximidade e plebea contrastou fortemente cos intentos de Feijóo de xulgar a oferta socialista coma se estivese nun debate do estado da autonomía en Andalucía. Neses lances o candidato do Partido Popular abandonou a súa gran vantaxe (ser presidente e líder do partido do goberno) para enterrarse nun dificilmente entendible papel como xefe da oposición a Griñan.

Aproveitamento 6: Maior habilidade na prestidixitación política: a carta e a foto. Feijóo quitouse unha carta (de Pemex) da manga para defender a existencia dos fabulados contratos cos estaleiros galegos, o candidato conservador enfrontábase así a un dos seus problemas maiores, a crise de credibilidade, e para solventalo volveu pedir que o creamos dando por boa unha carta, que coma os contratos coa compañía mexicana, só el pode ler. Pachi recorreu habilmente a unha icona de Feij009: a fotografía do contrato de programa electoral cos cidadáns galegos, enfrontando ao presidente Feijóo coa súa perda de crédito e coas promesas incumpridas. Fallou Vázquez amagando e non mostrando a fotografía das alegrías de Feijóo con Gayoso, Méndez, Prego e Varela. O fair play, ou mellor aínda escapar de complicadas e comprometedoras areas movediza como apunta David Rodríguez, impedíronlle anotarse un tanto: identificar a complicidade de Feijóo coa deostada casta bancaria.

Como a experiencia televisiva foi intensa é posible que algunhas conviccións se remexerán, quizais non para provocar un cambio de lealdade en beneficio de Pachi Vázquez, si para estender as dúbidas entre electores conservadores descontentos que, despois do debate, estarán hoxe máis preto da abstención. Pachi sae máis líder do PSdeG do que entrou no plató e, se aínda queda alguén na war room de Rueda que mantén a cabeza fría, o PPdeG debería preparar mellor ao seu candidato para enfrontarse con Francisco Jorquera, outro debate esvaradizo e Feijóo verá como mingua a euforia dos propios e ese é o primeiro paso de toda derrota.