AGE

Anova, entre a vella e a nova cultura política

Os planos non son a obra. A advertencia é de Xosé Manuel Beiras. Anova iniciou a súa I Asemblea Nacional cun encontro deliberativo o 21 de abril. As conclusións políticas e a elección dunha nova dirección agardarán até o 8 e 9 de xuño. Nos seus acordos fundacionais, a Anova sinalou como obxectivo crear un Novo Proxecto Común para a esquerda soberanista  e a concreción dunha Nova Cultura Política baseada na radicalidade e horizontalidade democrática, o asemblearismo e a afiliación individual dos militantes.

Anova cualifícase como un partido-movemento, un novo espazo de acción política para favorecer o empoderamento dos cidadáns e como un catalizador da rebeldía cívica fronte á ofensiva neoliberal e á mercadocracia. Anova pénsase, por cabo, como unha forza comprometida co apertura dun novo proceso constituínte en Galiza e no Estado para dar resposta, desde os valores republicanos, á crise do noso autogoberno nacional e á creba da Segunda Restauración Borbónica.

Os planos de obra animaban un proxecto de renovación (e innovación) de prácticas e ideas para estimular novas formas de participación e a produción de políticas ao servizo da soberanía dos cidadáns e da nación galega. Eran os planos da ilusión constituínte, mais o calendario da obra viuse alterado polo adianto das eleccións autonómicas. A creación da AGE en alianza con EU, como socio maior, e co Espazo Ecosocialista e Equo, foi bendicida cun rotundo éxito electoral, pero impuxo tamén unha política dirixente de pequeno comité que deixou en suspenso as dinámicas asemblearias, amorteceu a participación decisoria dos militantes e certificou a pervivencia de prácticas ben próximas á vella cultura partitocrática.

A desviación respecto dos planos de obra foi presentada, con moi diferentes graos de resignación, como consecuencia do “estado de excepción electoral” e da necesidade de dotar de eficacia política a unha estrutura organizativa xermolar, aínda pouco operativa e cunha presenza territorial e social moi feble. Mais preocupa (moito) que o “estado de excepción” se converta en norma e que a Nova Cultura Política fique como un recurso residual, impracticable e retórico.

A Asemblea Constituínte de Anova deitou unha formulación organizativa imprecisa, definida máis polo que non quere ser (un partido clásico ou unha fronte ao xeito do BNG) que polo que aspira ser: un partido-movemento. A afiliación individual dos militantes non disolve o problema da existencia de partidos e colectivos operando no seu seo e Anova, por veces, ofrece a fasquía dunha fronte cos partidos externalizados e, en ocasións, se proxecta a imaxe do Encontro Irmandiño –que ocupa as principais responsabilidades executivas– como unha sorte de partido-guía difuso.

A coordinación das asembleas como espazos decisorios e afianzar unha cultura de goberno ao xeito dos zapatistas e o seu “mandar, obedecendo” é un correlato da horizontalidade democrática no que hai que encaixar a existencia dun núcleo fortemente executivo e o liderado de Xosé Manuel Beiras.

O partido-movemento pide tamén  unha xestión intelixente da súa pluralidade política e ideolóxica e a definición das súas estratexias non como a expresión acartonada e burocrática dunha abstracta vontade xeral (nacida dun debate nos órganos de dirección) senón como expresión da participación dos militantes, simpatizantes e mesmo electores. O mellor procedemento para creación dunha Nova Cultura Política compartida polas diferentes tradicións da Anova non será unha fusión en frío senón unha demorada deliberación onde se prime a inclusividade e o coidado das minorías.

David Rodríguez sinalou algunhas das marcas de identidade que deben ser propias de Anova como partido-movemento: democracia radical, liderados compartidos, toma de decisións colectivas, socialización da información, apertura total á participación social. Requirimentos esenciais para que Anova poida ser unha forza construtora de comunidade política e favorecer a creación de espazos na sociedade civil para o empoderar aos cidadáns-electores.

A Palmiro Togliatti gustáballe dicir que “o partido era a democracia organizada”. A Anova debería aspirar a ser democracia en movemento para socializar, dentro e fóra da organización e das institucións, poder e capacidade decisoria e para idear, co concurso de cidadáns e movementos sociais, novas políticas.

Na axenda estratéxica salientan ademais dúas cuestións: as alianzas  e a construción dun liderado compartido. AGE estreouse cuns magníficos resultados o 21-O e as sondaxes sinálanlle unhas excelentes perspectivas electorais, isto non quita que haxa en Anova enfrontadas visións sobre o seu valor estratéxico como confluencia da esquerda (soberanista e federalista).

A oferta realizada por X.M. Beiras para a construción dunha Fronte Ampla que sume, ademais das forzas hoxe integradas en AGE, ao BNG e Compromiso por Galicia abeira, a día de hoxe, posicións moi diferentes, desde alianzas de xeometrías variables, segundo o ámbito das convocatorias electorais, que non presupoñen o concurso de Esquerda Unida nas novas ofertas unitarias até outras que pensan que a Fronte Ampla debe ser unha proposta inclusiva sen renunciar ás forzas que hoxe son o núcleo de AGE.

Neste momento, a ofensiva diplomática do BNG para lograr unha alianza do nacionalismo independentista tensiona á Anova tanto como cuestiona a validez estratéxica de AGE. Pairando sobre as alianzas está unha concepción non menos contrastada da estratexia soberanista. Máis próxima, nuns casos, á idea do BNG do soberanismo como identificación do nacionalismo independentista e, noutros, no entendemento de que, desde o recoñecemento do dereito á autodeterminación, o soberanismo é un espazo de encontro das forzas que queren dotar a Galicia de maiores cotas de autogoberno ao que se poden sumar independentistas e federalistas.

Pola súa capacidade política e o seu capital simbólico e ético, Beiras identifica, a un tempo, un dos principais atractivos electorais de AGE e o máis relevante referente público de Anova. Este hiperliderado concilia mal coas as reiteradas manifestacións nas que di estar no epílogo da súa vida política. O propio Beiras aleitou a necesidade de construír un liderado colectivo, para crear as condicións do seu relevo, ao redor da figura de Martiño Noriega, no que se ve representada toda unha xeración de militantes de Anova e algúns dos seus principais cargos públicos como os deputados Antón Sánchez e David Fernández Calviño.

Enfriar a concreción dese liderado compartido para o relevo é a opción dunha parte influente do grupo dirixente de Anova que ve como unha ameaza para a súa posición de poder a emerxencia de Noriega como referente dunha nova cultura política que vai alén das fidelidades orgánicas do Encontro Irmandiño e coa que mesmo empatizan, extramuros, amplos sectores de AGE. Que Beiras actúe como facilitador do relevo será, sen dúbida, determinante para atenuar a fractura política e xeracional que xa se enxerga en Anova.

Daguerrotipo: Elixir en aberto ou pechado

Elixir a dirección con listas abertas ou candidaturas pechadas é o debate organizativo máis vivo de Anova. As listas pechadas, aínda garantindo unha representación proporcional a cada candidatura, son rexeitadas por parte importante da militancia que cre que contribuirán a enquistar a política de pequeno comité na Coordinadora Nacional. A ninguén se lle escapa que Beiras, encabezando unha lista pechada, crea condicións de competición electoral moi desfavorables para calquera outra alternativa. Coas listas abertas moitos queren evitar que ningún grupo de poder poida abeirarse no prestixio de Beiras para limitar o control e a capacidade decisoria que Anova lle concede, estatutariamente, aos militantes nas asembleas territoriais.

Contra o silencio do disenso

O Parlamento de Galicia deixou de ser o pavillón de repouso do PP. O enfrontamento político de alta intensidade retornou ás salas de comisión, ao Pleno e, mesmo, á tribuna de convidados. Desde a apertura da IX Lexislatura, as sesións parlamentarias son escoltadas por unidades de antidisturbios que cercan o Pazo do Hórreo. As beirarrúas son ocupadas por cidadáns que fan saber as súas protestas e esixen solucións aos seus problemas. Mal que ben, a orde do día da cámara faise eco do malestar da rúa e o Diario de Sesións rexistra, a cada pouco, enfrontamentos verbais, ameazas de sancións, apupos e abandonos, cando non expulsións, de deputados da oposición.

No ollo do furacán, os parlamentarios da Alternativa Galega da Esquerda e, un pouco máis timidamente, os do BNG. A autoridade democrática da presidenta Pilar Rojo vive horas baixas e os espasmos autoritarios do seu vicepresidente, Miguel Santalices Vieira, non conseguen domesticar aos deputados críticos. O PP, acantoado na Mesa e parapetado no Regulamento, fai todo o que pode por acalar a voz da protesta. Moi ao seu pesar, non todo é silencio, pero non falta quen se alporiza pola multiplicación de episodios de política contenciosa no noso Parlamento ao tempo que os despreza como banais transgresións da cortesía parlamentaria.

A cuestión ten moita máis fondura xa que, como ten sinalado Manuel Castells, en Europa “estase operando unha transición entre unha democracia liberal esgotada nas súas formas e procesos e unha nova democracia aínda por descubrir”. A crise de confianza nas institucións e os políticos profesionais abona a antipolítica e o populismo pero tamén chama por unha radicalización democrática e unha acción política transgresora e rebelde. Aguilloados pola crise, son moitos os cidadáns que transitan da indignación cara á asunción da necesidade dunha política contenciosa como vía para mudar o estado actual das cousas activando propostas colectivas disruptivas e desobedientes e dando voz á crítica dos déficits das institucións que se someten mansamente á democracia dos mercados ou ás retóricas baldeiras de significado do bipartidismo.

Hai tempo que McAdam, Tarrow e Tilly diferenciaron, en A dinámica da contenda política (2001), a política contenciosa contida da transgresiva. A primeira acomódase ao que denominamos política institucional. A  transgresiva identifica a política que actúa desde as marxes da oficialidade e excede ­–ou forza– o marco institucional. Como sinala o politólogo Raimundo Viejo, “a política contenciosa comeza alí onde acaba a ‘política institucional institucionalizada’ e se inicia o terreo da produción de novas formas de facer política; onde as institucións non responden xa necesariamente ás regras de xogo do réxime político en vigor e onde resulta posible a experimentación de alternativas ao devandito réxime”.

A política contenciosa contida non está exenta de conflito, pero este non ameaza consensos fundamentais do réxime nacido da Constitución de 1978. Cando menos, desde 2004, o xogo bipartidista do PP e do PSOE armouse con numerosas estratexias de tensión e distensión, máis agudas e delongadas as primeiras, nunha tirapuxa de acusacións e retruques que se deu en chamar “crispación” e que no terreo da comunicación política conduciunos de cabeza ao “negativismo” para privilexiar o ataque ao contrario antes que a defensa das alternativas propias. Esta política contenciosa contida que se resolve e se esgota nos marcos convencionais das institucións de representación e na guerra de papel, tinta e bytes está tan naturalizada como ritualizada e apenas preocupan os seus efectos empobrecedores sobre a política ou como catalizador da desafección cidadá. Malia a intensidade das retesías, as diferenzas das principais forzas políticas subróganse en amplos e asentados consensos respecto do que é posible, necesario e desexable e exprésase nunha deliberada vontade de acoutar ou negar de vez a existencia doutras alternativas practicables aquí e agora.

Un dos logros máis duradeiros da Cultura da Transición foi a exaltación (case relixiosa) do consenso para convertelo nunha fórmula máxica coa que desproblematizar debates políticos substanciais ou encaixalos comodamente no inmobilismo constitucional. Esta democracia de consensos condena o disenso e o pluralismo. En A trampa do consenso (2005), Thomas Darnstädt analiza a dinámica política en Alemaña e conclúe que o seu Parlamento xa só vale para bendicir a posteriori compromisos negociados previamente polas forzas maioritarias; na súa idea, este consenso fáctico fai inviable a democracia en Alemaña. Nos nosos incertos tempos, a política contenciosa denuncia que o consenso  baleira de sentido a democracia como expresión das diferenzas.

O caso de Galicia é singular. O consenso é unha práctica desaparecida da vida política e do Parlamento. As iniciativas lexislativas que tiveron o aplauso de todos os grupos parlamentarios foron ben poucas na VIII lexislatura e serán aínda máis contadas na IX. Ao goberno cordial de Feijóo bástalle coa súa maioría absoluta e demostra unha incapacidade total para acordar coa oposición. Das 1.066 emendas que PSdeG, BNG e AGE presentaron ao Orzamento de 2013, o Partido Popular aprobou, xenerosamente, tres. Desterrado o consenso, o PP aspira acadar unha unanimidade uniformizadora e para iso precisa anular o disenso e limitar a capacidade de crítica e discrepancia da oposición. O ultradominio neoconservador pasa por non practicar ningún consenso e por desterrar todo disenso.

Ao finado de Noberto Bobbio gústaballe lembrar que “o disenso é unha necesidade democrática xa que é o que pode facer posible as promesas non cumpridas pola democracia”. A transgresión, a rebeldía e o disenso son materias necesarias para a redemocratización das nosas institucións nacionais de autogoberno, pero para que a política contenciosa que as visualiza non deveña nunha escenografía esterilizante precisa dun proxecto alternativo, de propostas de cambio e de novas estratexias cooperativas para lograr o empoderamento efectivo dos movementos da sociedade civil e a recuperación da soberanía cidadá.

A quen queira o cambio político en Galicia e lle incomode a política contenciosa debería reparar nas valiosas achegas que, segundo McAdam, Tarrow e Tilly, nos fai: “crea incerteza e incita a repensar e a buscar novas identidades; revela liñas defectuosas e posibles realiñamentos dentro do corpo político; ameaza e anima aos desafiadores a emprender novas accións; forza ás elites a reconsiderar os seus compromisos e as súas lealdades; e deixa un residuo de cambio nos repertorios de acción política, nas prácticas institucionais e nas identidades políticas en nome dos cales as xeracións futuras formularán as súas reivindicacións”.

Para impedir que o silencio do disenso empobreza a nosa democracia, precisamos de ruído no Parlamento e na rúa e será ese ruído transgresor o que nos permitirá recuperar a palabra para que unha nova maioría cidadá poida decidir soberanamente o noso futuro.

Daguerrotipos: Pilar Rojo

53 anos. Arquitecta. De 1996 a 2001 foi delegada provincial en Pontevedra da Consellería de Cultura e Comunicación Social que dirixía o todopoderoso Xesús Pérez Varela. Deputada na cámara do Hórreo na VI , VII, VIII e IX Lexislatura. Conselleira de Familia, Xuventude e Deporte (2003-2005) con Manuel Fraga. É dos poucos altos cargos do fraguismo que acadou relevancia institucional con Feijóo. Presidenta do Parlamento de Galicia desde 2009, no saúdo da súa web fai votos “para que, nos debates e demais traballos que se desenvolven nesta casa, se impoña a concordia en beneficio de Galicia”. Sempre pendente dos caprichos da bancada do goberno, nese obxectivo, até o momento, Pilar Milagros Rojo Noguera tivo escasos logros.

 

Tempos Novos # 189, febreiro 2013