Bipartidismo

[Peixe do día:] Desafección

O Reino dos 5 millóns de parados suma 20 millóns de abstencionistas. O Barometro electoral e social  de Celeste-Tel sinala que, de celebrarse hoxe as eleccións, apenas acudiría ás urnas o 45% do censo. A participación o 20-N atinxiu o 69% e, daquela, quedaron na casa sen votar algo máis de 11 millóns de cidadáns.

A cata demoscópica de Celeste-Tel ofrece tamén un desagregado xeracional da abstención. A deserción electoral é sensiblemente maior entre os cidadáns novos (de 18 a 30 anos) onde chega ao 61,5% e nos de maior idade ­(máis de 65 anos­) nos que atinxe o 55,9%. É de interese salientar que a franxa de idade máis activa no exercicio do voto é a dos 45-64 anos e que nela se inclúen aquelas persoas que estaban na preadoslecencia, eran adolescente ou adultos novos cando se aprobou a Constitución de 1977, é dicir, sinala a aquelas xeracións máis novas que viviron en directo o tardofranquismo e a transición cara á democracia no Reino de España.

O luns 11 de marzo, na Tribuna do Club Araguaney, Fermín Bouza insistiu en presentar as altas cotas de desafección actual como unha suma da desafección estrutural (vinculada á desconfianza, ou desprezo, do sistema democrático e da falta de accesibilidade dos partidos políticos­) e dunha nova desafección que xermola como consecuencia da crise económica.

Na idea de Bouza, os altos índices de deserción electoral actuais son debidos a emerxencia dunha nova desafección que atopa o seu motor na crise económica que deteriora as condicións de vida de moitos de nós. Noutras palabras, súmase unha desafección de natureza político-crítica con outra que bota as súas raíces nas condicións materiais nas que se exerce a cidadanía. Na súa previsión, a medida que remita a crise, minguará esa desafección «materialista» para retornarmos aos niveis doutrora da desafección estrutural.

Enxergo un resultado distinto, máis preocupante. De igual modo que as xeracións que participaron, cando eran (eramos) novos, na democratización de 1974 a 1982, agora fan gala dun maior activismo electoral, non é difícil predicir que as xeracións novas que, actualmente, padecen o proceso de desdemocratización e a crise de lexitimidade da Segunda Restauración Borbónica, van afianzar nunha actitude distante e non implicada respecto da política institucional.

O retorno destas xeracións ao activismo político mínimo (como electores) ou máis comprometido (cunha acción militante) só será factible se callan doutro tipo de organizacións políticas ou se produce unha (re)politización dos movementos sociais (nos que moitos aínda se referencian). O desafecto da crise amalgamado coa creba de lexitimidade democrática de institucións e partidos situará aos abstencionistas de hoxe nas marxes da política durante moito tempo. Serán precisos novos partidos e prácticas políticas para a recuperación as persoas que se están afiliando ao Partido da Abstención desde a esquerda. E a experiencia apunta, pola contra, que resultará moito máis doada a mobilización daqueles que se suman desde a dereita ao Partido da Abstención como xa ocorre en moitos países de Europa cando abrollan movementos populistas ou as novas dereitas.

A segunda nota destacada da sondaxe é que as dúas forzas do bipartidismo apenas recibirían o 52,7% dos votos emitidos. No último Barómetro de Metroscopia (marzo, 2013), o PP e o PSOE sumaban aínda menos: o 47,4% dos votos válidos, un resultado semellante rexistrado no seu Barómetro de febreiro e que confirma a tendencia á baixa que se arrastra desde 2012.

Celeste-Tel pinta un cadro con máximos de desafección e mínimos de adhesión cidadá aos partidos de Rajoy e Rubalcaba. Unha lectura apresurada pode levarnos a unha conclusión enganosa; a saber, que a crise do bipartidismo aleita a abstención. Si, pero non só engorda coa falta de confianza no PP e PSOE. A sondaxe dinos que, neste momento, dos seus electores de 2011 ao PSOE se lle abstería o 26,8%, ao PP o 43,1% e a Izquierda Unida o 32,2% a pesar de ser a forza que ten unha porcentaxe máis alta de fidelidade electoral (63,7 fronte ao 57,9 do PSOE e o 45,3% do PP).

A fuga de antigos electores de Izquierda Unida cara á abstención apunta tres elementos claramente preocupantes: unha fráxil sintonía cos electores máis novos; as dificultades para tornar o malestar cidadá inmediato en fidelidade a un proxecto de resistencia e de transformación ao medio e longo prazo; e a volatilidade dunha expansión electoral prometedora pero que semella que ten febles raíces na sociedade civil.

Máis peixe do día

Na patela de hoxe había moito máis peixe de interese: a nova estación do Via Crucis de José Blanco, a primeira e marrada sesión do cónclave vaticano ou a noticia sobre o colapso financeiro da Sanidade catalá. Coa última descarga, a heroica vitoria do Barça ante o Milán e o anuncio de que Carlos Aymerich abandona o Grupo Parlamentario do BNG. E esta nova na que se formulan en voz alta algunhas das directrices darwinistas da Nova Orde.

Antagonistas e siameses

Na Guerra Fría, os enxeñeiros do terror deseñaron un escenario de supervivencia imposible. Chamáronlle Destrución Mutua Asegurada. A agresión nuclear dunha das superpotencias tería como resposta automática un apocalíptico contraataque que arrasaría a nación agresora.

Cancelábase así a lóxica milenaria da guerra. Sempre houbo vencedores e vencidos. Os casos bélicos menos contundentes saldábanse con vitorias pírricas ou derrotas doces. A guerra nuclear, pola contra, prometía un desenlace onde todos resultarían derrotados. A Destrución Mutua aseguraba un equilibrio de terror que era beneficioso para as dúas superpotencias. Axudaba a consolidar o dominio de cada quen na súa área de influencia. E todos felices. Chamaron Coexistencia Pacífica a este estado de felicidade aterrorizada.

Agora, a Guerra Fría é tan só un capítulo morto da historia da Humanidade, pero a súa lóxica bipolar prendeu con forza na nosa política, onde revive baixo a fórmula simplificadora do bipartidismo. A súa dialéctica redúceo todo a simple elección entre PP e PSOE. Fóra dos dous, non hai alternativa. Todo o demais é secundario ou residual.

Os dirixentes do PSOE están abducidos pola lóxica bipartidista de Guerra Fría. A Realpolitik, segundo a doutrina dominante en Ferraz, é binaria. A solución dos males do país é cousa de dous. O PSOE está cómodo na gaiola de ferro do bipartidismo. PP e PSOE ofrécense como irmáns siameses que comparten órganos vitais e que se necesitan mutuamente para garantir a súa supervivencia. Só así se explica a morna crítica do PSOE diante dos casos de corrupción e financiamento ilegal que apodrecen o Partido Popular.

Os papeis de Bárcenas certifican que as mañas dos Soprano reinan desde hai moito tempo en Génova 13. A credibilidade do PP acada mínimos históricos e Rajoy é un zombi que non atopa onde caer morto. De caer Rajoy, caerá só. O PSOE non fará nada por derrubalo. Temen que a liquidación da alternativa conservadora represente a súa propia liquidación. A pantasma da Destrución Mutua Asegurada sacrifica a vontade de cambio en Ferraz. É un novo triunfo da lóxica dos siameses.

Hai tempo que o PSOE decidiu inmolarse como opción socialdemócrata. A súa condición de proxecto alternativo derramouse. Hoxe é unha forza complementaria, correctora, mol e amable, dos excesos da dereita neocon. Canto máis avivece a crise da Segunda Restauración Borbónica máis dramática resulta a desorientación do Partido Socialista.

Para a saída da crise da Segunda Restauración, diante de nós, deséñanse catro escenarios.

Primeiro escenario. Continuísmo bipartidista. Ferraz optará por esperar e ver como o PP se coce só no caldo da corrupción. O PSOE confía en que o apodrecemento do PP creará as condicións de alternancia no Goberno. O relevo na Moncloa sería, na súa idea, condición suficiente para a rexeneración do sistema.

Segundo escenario. Reformismo gatopardiano. Se a situación resulta insostible, as forzas benpensantes e benestantes do Reino pedirán unha Gran Coalición que irmande a PP e PSOE. Algo haberá que cambiar para que todo siga como antes. Haberá renovación cosmética e relevos na dirección dos partidos para refrescar a súa credibilidade e consensos mínimos para conter o malestar cidadán.

Terceiro escenario. Segunda Transición. Coa procura dun consenso das forzas bipartidistas, ampliable aos nacionalismos gobernantes en Euskadi e Cataluña. Cun novo acomodo dos autogobernos na Constitución, mediante un federalismo asimétrico, cambios no sistema electoral e, mesmo, a remuda no trono coa coroación de Felipe VI.

Cuarto escenario. Apertura dun auténtico proceso constituínte. Radicalización democrática. Reformulación confederal do Estado. Institucionalización de políticas de defensa dos bens comúns. Saída republicana para a recuperación da soberanía cidadá.

Hai que disparar aos reloxos. A esquerda necesita un tempo novo. Precisa dun tempo constituínte, Cómpre comezar a preparar o futuro. Hai que evitar que o volvan elixir por nós.

Disparando aos reloxos 1 | Disimulen #17, Radio CUAC, 11 de febreiro de 2013

» Escoitar Disimulen #17