Clientelismo

Feijóo non ten pasado

[Fotogalería de El País]

Zafará desta. Se fose sueco, alemán ou inglés a súa carreira na política remataría de vez o 31 de marzo e a súa estampa necrolóxica sería a información asinada por Xosé Hermida e Elisa Lois en El País. É un político galego dos que sabe que nunca choveu que non escampase e que os medios amigos están para abrir o paraugas protector en tempos de dioivo. Sobraralle abeiro e os asesores seguro que lle lembrarán a sabedoría de McNulty en The Wire: «Poden mastigarte, pero terán que cuspirte.» Feijóo está sendo remoido nas redes sociais e non medios de comunicación que non lle renden honras pero, finalmente, será cuspido. Doído, enfurecido, envelenado de rabia, mais será cuspido… e zafará.

O grande éxito de imaxe de Núñez Feijóo foi consagrarse como un político sen pasado. A garantía do seu brillante presente e glorioso futuro era a desmemoria. Desmemoriouse de Fraga e o fraguismo para non cargar con ningunha pexa do pasado. As follas do almanaque sonlle unha devasa insuperable. Non rende contas dos negocios de Crespo e Gürtel en Galicia porque el non se afiliou ao Partido Popular até 2002. Cando interesa, o calendario feijoniano sinala o seu primeiro ano triunfal co seu nomeamento como presidente do PPdeG en 2006. Antes das datas  sinaladas, case nada, apenas retallos biográficos dun brillante xestor público que apuntaba submisas maneiras, intelixencia tecnocrática e ambición sen límite.

O affaire Dorado é incómodo porque permite esculcar na cara oculta de Núñez Feijóo (se os paraugas protectores do presidente deixan enxergar algo de luz). En Monte Pío non hai lugar para o desacougo. Nos próximos días o único que quedará en claro é que o que está a proba é o cinismo de Feijóo (e os medios amigos), non a súa credibilidade. Comezamos: segundo o xornal galego de referencia, Feijóo tiña tan só unha «relación indirecta» con Dorado antes das súas condenas. Para El País o presidente mantivo nos anos noventa unha estreita amizade con Marcial Dorado, un sabido contrabandista de, cando pouco, tabaco. As fotografías do paseo náutico ilustran claramente unha «relación indirecta».

O empate persoal entre o contrabandista e Feijóo foi facilitado por Manuel Cruz López, home de palla de Dorado en numerosos negocios, militante do PP e chofer de influentes conselleiros de Manuel Fraga, de Romay Beccaría, entre outros. Antes de finar, Cruz López argallou a compra de diversas empresas de comercialización de combustible que, finalmente, acabaron en mans de Dorado Baúlde a quen Galicia Confidencial sinala como un dos provedores de combustible da Consellería de Sanidade no tempo en que Feijóo era secretario xeral. O pasado peta molestamente na porta do presidente Feijóo.

As «relacións indirectas» ou a «estreita amizade» de Feijóo con Dorado son un reflexo crepuscular das «estreitas relacións de amizade indirecta» que o Partido Popular mantivo historicamente cos contrabandistas do tabaco nos anos oitenta e noventa nas Rías Baixas. Daquela comentábase con sorna que cando alguén aparecía nas listaxes electorais do PP como «industrial» había que ler «contrabandista». Eran os anos do contrabando do fume e dos «contrabandistas bos» que cultivaban a amizade cos «caciques bos». Non hai moito Laureano Oubiña declaraba, sen maior escándalo, que el financiara con diñeiro do contrabando aos partidos de Suárez e Fraga a finais dos anos setenta.

A biografía de Dorado exemplifica a metamorfose do contrabando do fume en narcotráfico. A pegañenta tea de araña tecida por empresarios do fume e narcotraficantes coa política agarda maiores investigacións e o episodio vacacional de Feijóo no iate de Dorado vén remover vellas e silenciadas afinidades afectivas. Pero Feijóo zafará porque sobrará quen venda e compre toda esta historia como un erro de mocidade (delongada) ou a cándida ignorancia dun home de terra dentro que non sabe con que patrón compartía derrotas náuticas e alegres festas jolgorio.

O paseo en iate sairalle máis barato que a Anxo Quintana, entre outras razóns porque moitos votantes do BNG foron convencidos de que a amizade con Jacinto Rey era comprometedora e, como castigo, se abstiveron o 1-M, mentres que entre os electores do PPdeG vaise impoñer unha paternal comprensión coa malas compañas do honesto presidente e, como no 21-O, daranlle unha segunda oportunidade malia ter desbaldido apocalipticamente a primeira. A máquina da desmemoria traballa para que todo volva ao seu curso. Marcial Dorado é pasado e o noso presidente non ten pasado. A desmemoria é o opio dun pobo despreocupado do seu presente e do seu futuro. Feijóo sábeo ben.

Charla sobre a corrupción e a rexeneración

O pasado 22 de marzo fun convidado polo Espazo Ecosocialista de Compostela a dar unha charla sobre a corrupción política e a rexeneración democrática. Daniel R.C. gravouno en vídeo.

Botei man dalgunhas referencias da cultura visual para caracterizar Compostela como escenario político emparentado coa Ghotam de Batman, Sin City e, moi especialmente, co Baltimore de The Wire. Caractericei SCQ como capital das elites de Galicia e principal parqué do mercado de favores que empata empresas, gobernos e sottogovernos. Estes parrafeos van até o minuto 15.

Despois, apoiándome nunha cita de Gramsci («Entre o consenso e a forza está a corrupción-fraude que é característica de certas situacións de exercicio difícil da función hexemónica»), analizo a conexión entre clientelismo, corrupción e o modelo de hexemonía dominante da dereita (pero non só da dereita senón tamén da esquerda do réxime bipartidista). Debullo as prácticas do clientelismo parroquial e do clientelismo de empresa e reparo na clasificación cromática da corrupción –branca, gris e negra– que nos fixo Arnold Heidenheimer. Tamén valoro (con bastante pesimismo) os contrapesos e as devasas cidadás dispoñibles para coutar a extensión das prácticas corruptas e a deterioro das institución democráticas. Este bloque dura até o minuto 43.

A última parte da charla dediqueina a facer unha reflexión a partir de O artesán, o libro no que Richard Sennett debulla as características básicas das actividades artesás. O labor artesán ten unhas características que reivindico como centrais para a construción dunha nova política e unha nova esquerda. Algúns dos trazos desa esquerda artesá son o vencello de praxe e unha teoría ligada a narracións de longo alcance; a creación de novas formas (de socialización e empoderamento); a achega de valores substanciais ás novas formas da política; o entendemento da política como unha resolución de problemas que nos enfronta a novos problemas ou, dito ao xeito de Agnes Heller, unha acción destinada a satisfacer necesidades compatibles co actual sistema que nos conduza a enfrontar a resolución de necesidades radicais incompatibles con ese mesmo sistema. Tamén fago unha reivindicación da política da esquerda como un código aberto, comprensible e accesible a todos, con actores implicados no que se fai e se predica e alicerceadio na obrigada dimensión cooperativa que debe ter a construción da esquerda nova.