Partido Popular

Feijóo e as teses de abril

Feijóo, presidente eivado, acudiu ao Parlamento para certificar que abril é o mes máis triste no que a memoria se mestura co desexo. A memoria de Feijóo é fráxil, o seu desexo de poder infinito. Unhas fotografías comprometedoras bateron coa súa ambición. Compareceu para compadecerse. Escudouse nunha medida ignorancia e atacou cegamente á oposición.

Agardando que o escándalo se apague antes que tarde, Feijóo enrocouse nas teses de abril. A saber:

1) Foi un erro de mocidade.

2) Descoñecía quen era Marcial Dorado e a que se dedicaba.

3) Dorado non era narcotraficante nin el era presidente daquela.

4) Cando soubo que Dorado tivera problemas coa xustiza, preguntou a unha persoa de confianza, Manuel Cruz, íntimo do contrabandista, que lle asegurou que estaba limpo.

5) Foi Cruz, home (tamén) de confianza de Romay Beccaria e militante do PP en Ferrol (onde era coñecido polas súas credencias democráticas como Manuel Cruz Gamada), quen o introduciu na dolce vita de Dorado & Cia.

6) Cruz negoulle ser un home de palla de Dorado.

7)  Con Dorado só compartía o seu ocio e (teoricamente) ían a escote nos gastos das viaxes e esmorgas xuvenís.

8) Feijóo non tiña, daquela, responsabilidades políticas, non era militante do PP e cumpría unha modesta función técnica na Consellería de Sanidade.

9) Rompeu toda relación con Dorado en 1997 aínda que persistiron contactos esporádicos até 2003, certificados polas escoitas telefónicas ordenadas polo xuíz Vázquez Taín.

10) Non incorreu en ningún delito por tratar con Dorado.

11) Nunca asinou contrato ou concesión ningunha que beneficiase a Dorado.

12) O goberno que deu máis subvencións ás empresas de Dorado é, segundo as contas de Feijóo, o de Touriño.

13) A publicación das fotos ten como obxectivo lograr que se amedrente politicamente.

14) Non é a primeira vez que intentan chantaxealo por causa desas fotografías.

15) Advertiu da existencia das fotos a Manuel Fraga e a Mariano Rajoy que lle quitaron toda importancia e ratificaron a súa confianza na decencia de Feijóo.

16) Todo é unha infamia.

17) Feijóo obrou con absoluta transparencia, honestidade e humildade.

18) A única preocupación da oposición son unhas fotos de hai vinte anos e non os problemas auténticos dos galegos.

19) BNG, AGE e PSdeG só perseguen facerlle dano persoal xa que non hai delito nin responsabilidade política ningunha.

20) Feijóo gañou as eleccións por maioría absoluta en 2009 e repetiu con maioría agrandada en 2012 e isto é un aval indiscutible ao seu recto proceder.

21) A verdade asístelle, a oposición fai insinuacións que a realidade desarma contundentemente.

22) É máis probable que incerto que o PSdeG sexa responsable da difusión das fotos.

23) El País argalla esta campaña de desprestixio movido por escuros intereses.

E 24) Feijóo está moi orgulloso do seu pasado e do seu presente.

As 24 teses do noso presidente non impiden que queden á vista algunhas evidencias:

1) Feijóo, como Romay e Cruz, sabía perfectamente quen era Dorado aínda que facía esforzos considerables por non querer saber.

2) O PP e os clans do contrabando e, despois, os primeiros narcotraficantes galegos formaban parte do mesmo ecosistema de poder.

3) A industria do dobre F (Fume e Fariña) contribuíu decisivamente a financiar a hexemonía conservadora nas Rías Baixas e na Costa da Morte no prefraguismo e no fraguismo e, a pouco que se investigue, no posfraguismo.

4) Feijóo mente e tortura habilmente os feitos para defender actitudes política e éticas reprobables.

5) Os medios dominantes en Galicia están dispostos a comprar calquera versión que exculpe a Feijóo e minimice danos na súa imaxe política.

6) As escasas simpatías que suscita as súas ambicións en Génova 13 explican que a cobertura do PP fose de moi baixa intensidade (en comparación coa despregadas con Camps, Ana Mato ou Bárcenas).

Todo indica que o desconto electoral que sufrirá Feijóo en Galicia por causa das narcofotos será cativo. Entre nós non se penaliza o cinismo e, moi ao contrario, o nihilismo canalla é valorado como un don dos moi poderosos. A ética non cotiza no noso mercado de valores electorais. Feijóo zafará e, no entanto, comezou a súa conta atrás como presidente de Galicia. A súa estratexia para acadar a súa ambición política maior (ser presidente do Goberno de España) resultou gravemente danada e as ociosas fotografías con Dorado botárono da carreira polo relevo de Mariano Rajoy.

Eivada a súa aspiración de poderes supremos, Feijóo ten que comezar a remoer noutros futuros alternativos. Basicamente ten que pensar se toma a porta xiratoria que o leve ao diñeiro fácil no consello de administración dunha podente corporación ou se se aferra con unllas e dentes á roda do poder. É improbable que Feijóo renuncie ás súas ambicións políticas e a súa única vía de supervivencia pasa por intentar repetir os éxitos de Manuel Fraga pelexando por lograr unha terceira maioría absoluta. Feijóo fará das urnas de 2016 unha fermosa lavandería onde branqueará os trapos sucios da súa convivencia ociosa co narcontrabando e nelas intentará asinar un éxito clamoroso que o devolva ao top ten do PP.

Para conservar opcións na loita sucesoria, Feijóo deberá facer de Galicia o seu Reino de Taifas e acaudillar unha política de submisións e rebeldías fixas-discontinuas coa autoridade central dos conservadores e, se é preciso, coa Moncloa. Para cementar en Galicia un poder autónomo, persoal e indiscutible, as políticas de austeridade non serán suficientes e precisará aumentar o gasto público para engraxar a hexemonía conservadora. Necesitará dun programa de fidelización política intensiva e a modesta acupuntura de investimentos actuais resulta pouco eficiente para evitar a drenaxe de lealdades políticas. Para sobrevivir Feijóo deberá conseguir financiamento e mellores condicións de gasto. Está será unha das súas primeiras batallas co PP e con Mariano Rajoy.

Ademais terá que vixiar aos principais damnificados polo seu acantonamento forzoso en Galicia: ao amigo que intimamente aspiraba a sucedelo tras o seu salto ao hiperespazo madrileño (Carlos Negreira) e ao colaborador necesario no noso Non-Goberno (Alfonso Rueda). Estará obrigado igualmente a ser expeditivo con quen queira aproveitarse da súa convalecencia para mellorar posicións (Baltar Jr.) e non deberá tensar demasiado a corda cos marianistas leais nin co aparato de Génova 13 que, a pouco que sexan amolados, poden activarlle un rival galeguista e rexeneracionista (Xosé Manuel Barreiro) ou unha killer tecnocrática (Ana Pastor) que poden operar comodamente en Galicia para socavar o seu liderado.

Se Feijóo consegue facer de Galicia o seu Reino de Taifas terá moitas opcións para volver á carreira pola Moncloa. Se fracasa, sempre está a tempo de tomar a porta xiratoria do diñeiro fácil axudado polo seu currículo como habelencioso xestor e pola súa axenda de favores e comenencias. Feijóo sábese moi tocado pero non fundido.

Daguerrotipo: Marcial Dorado Baúlde

Marcial Dorado Baúlde (Illa de Arousa, 1950). Iniciado no contrabando con Vicente Otero, Terito, aos 25 anos tiña xa gran fama como piloto de planeadoras. A comezos dos anos oitenta, ROS, a banda de Dorado e a de Sito Carnicero controlan o “negocio do fume”. Escapa a Portugal en 1983, volve en 1984 e queda en liberdade co pago dunha fianza de 20 millóns de pesetas. Será un dos capos que lidere a conversión do contrabando do fume en narcotráfico. Detido na Operación Nécora (1990), sen probas, sae en liberdade. En 2003 é condenado polo xuíz Vázquez Taín por contrabando de cocaína a 14 anos de cárcere. Daquela estimóuselle un patrimonio inmobiliario de 15 millóns e depósitos bancarios de 3 millóns de euros en Suíza, Portugal e Bahamas.

Tempos Novos # 191, abril de 2013

 

Porta xiratoria ou Reino de Taifas?

Un pato coxo compadeceuse onte no Parlamento. Feijóo fixo o que mellor saber facer: mallou rabiosamente na oposición parlamentaria. Gañouse o aplauso dos propios e a complicidade dos medios amigos. Puxo a funcionar a máquina do lixo para minimizar danos na súa carreira política e desacreditar aos partidos do bipartito e mais o piano e os estudos na Sorbona de Beiras. O desconto electoral en Galicia serálle cativo, entre nós non se penaliza o cinismo. Ao contrario, o nihilismo canalla recoñécese como un don dos poderosos. A ética non cotiza. Mal que ben Núñez Feijóo zafou e, non obstante, comezou a súa conta atrás como presidente. A súa ambición política maior resulta a día de hoxe inalcanzable. As ociosas fotografías con Marcial Dorado botárono fóra da carreira cara á Moncloa. Como se dedicou a xibarizar o autogoberno galego terá que xogar na Autonomía de Rexional Preferente o que queda de tempada. Como cando coñeceu a Dorado, Feijóo está diante dun dilema: daquela tiña que elixir entre o diñeiro fácil ou a política fácil. O seu padriño Romay Beccaría tomou a decisión: foi abrindo portas ao prometedor e ambicioso tecnócrata.

O noso presidente eivado ten que comezar a remoer noutros futuros alternativos. Tomar a porta xiratoria que o leva ao diñeiro fácil no consello de administración dunha podente corporación ou aferrarse á roda da política? Onte tiña que elixir entre ética ou poder a calquera prezo, elixiu poder, por iso Feijóo deixarase levar pola ambición maior. Tentará repetir os logros de Manuel Fraga pelexando por unha terceira maioría absoluta. Fará das urnas de 2016 unha fermosa lavandería onde branqueará os trapos sucios da súa convivencia ociosa co narcontrabando. Intentará asinar un éxito político clamoroso que o devolva ao top ten do Partido Popular. Para triunfar converterá a Galicia no seu Reino de Taifas e terá que acaudillar unha política de submisións fixas discontinuas con Genova 13 que lle permita aleitar un poder autónomo, persoal e intransferible.

Feijóo debera revisar as biografías de Xosé Luís Barreiro e Xosé Cuíña para non reeditar erros. Tamén terá que vixiar aos principais damnificados polo seu recunque en Galicia: ao amigo que intimamente aspiraba a sucedelo tras o seu salto ao hiperespazo madrileño (Carlos Negreira) e ao colaborador necesario no Non-Goberno (Alfonso Rueda). Estará obrigado igualmente a ser brutal cos que queiran aproveitarse da súa convalecencia para mellorar posicións (Baltar Jr.) e non deberá tensar demasiado a corda cos marianistas crepusculares que, a pouco que sexan amolados, poden activarlle un rival galeguista e rexeneracionista (Xosé Manuel Barreiro) ou unha killer tecnocrática (Ana Pastor), que poden instalarse comodamente en Galicia para facer cirurxías maiores na orde do poder popular. Se triunfa, volverá estar na carreira da Moncloa. Se fracasa, sempre está a tempo de tomar a porta xiratoria do diñeiro fácil. Cal pode ser o peor escenario? Que en 2016 Marcial Dorado sexa un narcotraficante rehabilitado e Feijóo non sexa presidente. Non hai mal que por ben non veña, poderán volver compartir sol, fotos e paisaxes nevadas; e ser amigos para sempre.

Feijóo non ten pasado

[Fotogalería de El País]

Zafará desta. Se fose sueco, alemán ou inglés a súa carreira na política remataría de vez o 31 de marzo e a súa estampa necrolóxica sería a información asinada por Xosé Hermida e Elisa Lois en El País. É un político galego dos que sabe que nunca choveu que non escampase e que os medios amigos están para abrir o paraugas protector en tempos de dioivo. Sobraralle abeiro e os asesores seguro que lle lembrarán a sabedoría de McNulty en The Wire: «Poden mastigarte, pero terán que cuspirte.» Feijóo está sendo remoido nas redes sociais e non medios de comunicación que non lle renden honras pero, finalmente, será cuspido. Doído, enfurecido, envelenado de rabia, mais será cuspido… e zafará.

O grande éxito de imaxe de Núñez Feijóo foi consagrarse como un político sen pasado. A garantía do seu brillante presente e glorioso futuro era a desmemoria. Desmemoriouse de Fraga e o fraguismo para non cargar con ningunha pexa do pasado. As follas do almanaque sonlle unha devasa insuperable. Non rende contas dos negocios de Crespo e Gürtel en Galicia porque el non se afiliou ao Partido Popular até 2002. Cando interesa, o calendario feijoniano sinala o seu primeiro ano triunfal co seu nomeamento como presidente do PPdeG en 2006. Antes das datas  sinaladas, case nada, apenas retallos biográficos dun brillante xestor público que apuntaba submisas maneiras, intelixencia tecnocrática e ambición sen límite.

O affaire Dorado é incómodo porque permite esculcar na cara oculta de Núñez Feijóo (se os paraugas protectores do presidente deixan enxergar algo de luz). En Monte Pío non hai lugar para o desacougo. Nos próximos días o único que quedará en claro é que o que está a proba é o cinismo de Feijóo (e os medios amigos), non a súa credibilidade. Comezamos: segundo o xornal galego de referencia, Feijóo tiña tan só unha «relación indirecta» con Dorado antes das súas condenas. Para El País o presidente mantivo nos anos noventa unha estreita amizade con Marcial Dorado, un sabido contrabandista de, cando pouco, tabaco. As fotografías do paseo náutico ilustran claramente unha «relación indirecta».

O empate persoal entre o contrabandista e Feijóo foi facilitado por Manuel Cruz López, home de palla de Dorado en numerosos negocios, militante do PP e chofer de influentes conselleiros de Manuel Fraga, de Romay Beccaría, entre outros. Antes de finar, Cruz López argallou a compra de diversas empresas de comercialización de combustible que, finalmente, acabaron en mans de Dorado Baúlde a quen Galicia Confidencial sinala como un dos provedores de combustible da Consellería de Sanidade no tempo en que Feijóo era secretario xeral. O pasado peta molestamente na porta do presidente Feijóo.

As «relacións indirectas» ou a «estreita amizade» de Feijóo con Dorado son un reflexo crepuscular das «estreitas relacións de amizade indirecta» que o Partido Popular mantivo historicamente cos contrabandistas do tabaco nos anos oitenta e noventa nas Rías Baixas. Daquela comentábase con sorna que cando alguén aparecía nas listaxes electorais do PP como «industrial» había que ler «contrabandista». Eran os anos do contrabando do fume e dos «contrabandistas bos» que cultivaban a amizade cos «caciques bos». Non hai moito Laureano Oubiña declaraba, sen maior escándalo, que el financiara con diñeiro do contrabando aos partidos de Suárez e Fraga a finais dos anos setenta.

A biografía de Dorado exemplifica a metamorfose do contrabando do fume en narcotráfico. A pegañenta tea de araña tecida por empresarios do fume e narcotraficantes coa política agarda maiores investigacións e o episodio vacacional de Feijóo no iate de Dorado vén remover vellas e silenciadas afinidades afectivas. Pero Feijóo zafará porque sobrará quen venda e compre toda esta historia como un erro de mocidade (delongada) ou a cándida ignorancia dun home de terra dentro que non sabe con que patrón compartía derrotas náuticas e alegres festas jolgorio.

O paseo en iate sairalle máis barato que a Anxo Quintana, entre outras razóns porque moitos votantes do BNG foron convencidos de que a amizade con Jacinto Rey era comprometedora e, como castigo, se abstiveron o 1-M, mentres que entre os electores do PPdeG vaise impoñer unha paternal comprensión coa malas compañas do honesto presidente e, como no 21-O, daranlle unha segunda oportunidade malia ter desbaldido apocalipticamente a primeira. A máquina da desmemoria traballa para que todo volva ao seu curso. Marcial Dorado é pasado e o noso presidente non ten pasado. A desmemoria é o opio dun pobo despreocupado do seu presente e do seu futuro. Feijóo sábeo ben.

O Pacto de Darwin

En pouco tempo deixará de ser noticia. Desta volta aínda ocupou un curruncho nas primeiras planas dos xornais e un minuto nos informativos de radio e televisión. Co tempo, serán frangullas na axenda dos medios. Por vez primeira, no Reino de España, superáronse os 5 millóns de desempregados. En Galicia sumamos 300 mil parados. O  desemprego comeza a deixar de ser noticia, estáse a converter nunha rutina.

A pouco que nos extraviemos, as industrias da consciencia do poder conservador vannos convencer de que o paro masivo é unha sorte de catástrofe natural, un accidente da natureza. Como ben sabemos xa, o goberno non é responsable nin da chuvia nin da seca. É algo natural.

E, coa mesma naturalidade, o goberno deixará de ser responsable do paro masivo. Ministros, heraldos do Partido Popular e podentes homes de negocios lémbranos que é magoante, pero… éche o que hai. A crise obríganos a vivir nun ecosistema de destrución de emprego. O natural non é mudar as políticas económicas da austeridade. O natural é agardar a que escampe.

E non escampa. Medra o número de persoas que viven por debaixo do limiar da pobreza e aumentan os traballadores precarios e empobrecidos. As diferenzas sociais avivécense brutalmente. A pobreza esténdese.

Hai vinte anos á esquerda resultáballe inaceptable a chamada sociedade dos tres terzos. Aquela obra de enxeñería social que establecía que iamos ter que vivir cun terzo de ricos, un terzo de clases medias e traballadores cualificados, e un último terzo de cidadáns entregados ao abismo social e á pobreza.

A sociedade dos tres terzos xa é pasado. Agora, a Gran Depresión está sentando as bases da sociedade 20/80. Un 20% da poboación saberá de farturas, traballo digno e benestar. O 80% restante simplemente malvivirá entre miserias.

A Orde Nova xa invisibilizou aos pobres. Son, desde hai décadas, cidadáns inexistentes. A seguir, serán demonizados os desempregados e os traballadores pobres. Primeiro, coa lingua pequena, despois nos relatorios dos think tank da sociedade decente e, por cabo, nos faladoiros radiofónicos e televisivos. Se é pola dereita, non tardaremos en volver ás leis de pobres, esmoleiros e vagabundos.

Descontados os pobres e a clase traballadora en precario, quedan as clases medias e a minoría poderosa. O «capitalismo de rostro humano» prometeu que todos iamos ser clase media. A bonanza económica esvaecería as fronteiras entre as vellas clases e cerraría o abano entre os que máis tiñan e os que menos posuían. O imperio das clases medias era un dos finais felices do capitalismo popular que máis lle gustaba a Tony Blair e aos apóstolos da Terceira Vía.

Agora a crise canibaliza ás clases medias e demedia a súa riqueza e benestar. Alguén botou as contas. En 2009 correspondíalle ás clases medias o 60% do consumo mundial. En 2030 será tan só o 30%. Funcionarios, mestres, investigadores ou persoal sanitario…  sofren as consecuencias das políticas de adelgazamento do gasto público. A política de mega-recortes do PP damnifica ás clases medias despois sacrificar ás clases menos que medias.

A dereita mol e a socialdemocracia light lamentan o maltrato que a crise lles está dando e cren que hai que centrarse na protección das clases medias e esquecerse de todas as demais clases empobrecidas. Hai quen pensa que solución á crise pasa por un pacto das clases medias coas clases altas para transferir os custes aos desherdados do último terzo.

Está estratexia macera en corporativismo e darwinismo social. E consagra a desigualdade. Non hai para todos, quéixanse. Alguén ten que perder. E de perder, conclúen cinicamente, deberán perder os de sempre. O goberno perfecto do Pacto de Darwin para a salvación das clases medias sería unha feliz e gran coalición entre o PP e o PSOE.

Afortunadamente, para as clases medias demediadas hai outra alternativa. Sinalouna Jorge Riechmann: «Os que aínda temos as necesidades cubertas, dispoñemos dunha marxe de pensamento e acción que permitiría derrubar o sistema que crea pobres e se nutre de pobres; e sería criminal desbaldir esa marxe».

Cando máis ennegrece a crise, toca elixir entre o final feliz para as clases medias que vocean os propagandistas do novo darwinismo ou facer posible a solidariedade como materia imprescindible para defender a igualdade e as nosas liberdades. A vacina contra o «sálvese quen poida» é a solidariedade.

Miñas donas e meus señores de clase media, pénseno ben… sería criminal equivocarse de bando. En caso de dúbida, esquézanse dos acólitos neoconservadores de Darwin e acorden facer alianza co común dos mortais.

 

Disparando aos reloxos 2 | Disimulen #21, 11 de marzo de 2013

» Escoitar Disimulen #21

 

Talking With The Taxman About Poetry (1)

 

La lógica cultural del capitalismo tardío

[...]

3

Los pobres

no pueden permitirse una depresión:

cuando no están cubiertas ni las necesidades básicas

hay cosas más importantes en que pensar

Y quienes sí las tenemos cubiertas

no debemos permitirnos una depresión:

somos nosotros los que disfrutamos del margen

de pensamiento y acción que permitiría

derribar el sistema que crea pobres y se nutre de pobres

y sería criminal

malbaratar ese margen

Jorge Riechmann,  El común de los mortales

Antagonistas e siameses

Na Guerra Fría, os enxeñeiros do terror deseñaron un escenario de supervivencia imposible. Chamáronlle Destrución Mutua Asegurada. A agresión nuclear dunha das superpotencias tería como resposta automática un apocalíptico contraataque que arrasaría a nación agresora.

Cancelábase así a lóxica milenaria da guerra. Sempre houbo vencedores e vencidos. Os casos bélicos menos contundentes saldábanse con vitorias pírricas ou derrotas doces. A guerra nuclear, pola contra, prometía un desenlace onde todos resultarían derrotados. A Destrución Mutua aseguraba un equilibrio de terror que era beneficioso para as dúas superpotencias. Axudaba a consolidar o dominio de cada quen na súa área de influencia. E todos felices. Chamaron Coexistencia Pacífica a este estado de felicidade aterrorizada.

Agora, a Guerra Fría é tan só un capítulo morto da historia da Humanidade, pero a súa lóxica bipolar prendeu con forza na nosa política, onde revive baixo a fórmula simplificadora do bipartidismo. A súa dialéctica redúceo todo a simple elección entre PP e PSOE. Fóra dos dous, non hai alternativa. Todo o demais é secundario ou residual.

Os dirixentes do PSOE están abducidos pola lóxica bipartidista de Guerra Fría. A Realpolitik, segundo a doutrina dominante en Ferraz, é binaria. A solución dos males do país é cousa de dous. O PSOE está cómodo na gaiola de ferro do bipartidismo. PP e PSOE ofrécense como irmáns siameses que comparten órganos vitais e que se necesitan mutuamente para garantir a súa supervivencia. Só así se explica a morna crítica do PSOE diante dos casos de corrupción e financiamento ilegal que apodrecen o Partido Popular.

Os papeis de Bárcenas certifican que as mañas dos Soprano reinan desde hai moito tempo en Génova 13. A credibilidade do PP acada mínimos históricos e Rajoy é un zombi que non atopa onde caer morto. De caer Rajoy, caerá só. O PSOE non fará nada por derrubalo. Temen que a liquidación da alternativa conservadora represente a súa propia liquidación. A pantasma da Destrución Mutua Asegurada sacrifica a vontade de cambio en Ferraz. É un novo triunfo da lóxica dos siameses.

Hai tempo que o PSOE decidiu inmolarse como opción socialdemócrata. A súa condición de proxecto alternativo derramouse. Hoxe é unha forza complementaria, correctora, mol e amable, dos excesos da dereita neocon. Canto máis avivece a crise da Segunda Restauración Borbónica máis dramática resulta a desorientación do Partido Socialista.

Para a saída da crise da Segunda Restauración, diante de nós, deséñanse catro escenarios.

Primeiro escenario. Continuísmo bipartidista. Ferraz optará por esperar e ver como o PP se coce só no caldo da corrupción. O PSOE confía en que o apodrecemento do PP creará as condicións de alternancia no Goberno. O relevo na Moncloa sería, na súa idea, condición suficiente para a rexeneración do sistema.

Segundo escenario. Reformismo gatopardiano. Se a situación resulta insostible, as forzas benpensantes e benestantes do Reino pedirán unha Gran Coalición que irmande a PP e PSOE. Algo haberá que cambiar para que todo siga como antes. Haberá renovación cosmética e relevos na dirección dos partidos para refrescar a súa credibilidade e consensos mínimos para conter o malestar cidadán.

Terceiro escenario. Segunda Transición. Coa procura dun consenso das forzas bipartidistas, ampliable aos nacionalismos gobernantes en Euskadi e Cataluña. Cun novo acomodo dos autogobernos na Constitución, mediante un federalismo asimétrico, cambios no sistema electoral e, mesmo, a remuda no trono coa coroación de Felipe VI.

Cuarto escenario. Apertura dun auténtico proceso constituínte. Radicalización democrática. Reformulación confederal do Estado. Institucionalización de políticas de defensa dos bens comúns. Saída republicana para a recuperación da soberanía cidadá.

Hai que disparar aos reloxos. A esquerda necesita un tempo novo. Precisa dun tempo constituínte, Cómpre comezar a preparar o futuro. Hai que evitar que o volvan elixir por nós.

Disparando aos reloxos 1 | Disimulen #17, Radio CUAC, 11 de febreiro de 2013

» Escoitar Disimulen #17

Os capataces da hexemonía conservadora

 [Fotografía de Anxo Iglesias, El País-Galicia]

Que traballo me dá ser eu! José Luís Baltar Pumar, como Frankie Machine, o killer mafioso nacido da imaxinación de Don Winslow, pode queixarse do fatigoso que lle resulta ser el mesmo. Agora non se lle permite a bondade dun retiro tranquilo. O epílogo da súa vida política complícase pola imputación nun delito continuado de prevaricación. O minúsculo vértice dun inmenso iceberg, apenas un centenar de contratos irregulares, realizados en 2010, nas vésperas do Congreso do PP de Ourense, como investimento paternal para que seu fillo, Xosé Manuel Baltar, fose líder dos conservadores na súa provincia.

“Que é un cacique bo?” –preguntoulle naqueles días o xornalista de El País, José Precedo–, e Baltar deuse á sinceridade: “Que político non é un cacique!” e, de seguido, matizouse: “Se se entende como solucionar problemas, eu fágoo desinteresadamente e atendo igual ás persoas influentes e as que non o son. Iso non é caciquismo e menos caciquismo malo.” Antes, coa mesma convicción, declarara: “Eu non vendo os favores, nin llos boto en cara a ninguén, entre outras cousas porque non hai favores, son prazas conquistadas por merecemento.” Boa parte da opinión pública galega tiña outra idea. Púxolle palabras F. J. Arias, traballador da Deputación desde 1998: “Entramos todos igual, enchufados.”

En 2011, cando o relevo dinástico na Deputación, José Luís Baltar exhibía, fachendoso, un historial con 37 rotundas vitorias electorais. Nas municipais dese mesmo ano apañou o 49,5% dos votos, o 60% dos concelleiros e 68 das 92 alcaldías. Un palmarés que levou a Rajoy a enxalzalo: “Baltar ti es o Partido Popular”. El tiña, porén, outra idea que desvelou aos xornalistas de El Mundo, Ana Bravo Cuíñas e Marcos Sueiro: “Un 50% da xente vota por min e o outro 50% polo PP.” A metade do dominio conservador debíase, en modesta repartición, ao seu indiscutible liderado persoal.

Algunhas estimacións apoucadas sinalan agora que, entre 1987 e 2012, Baltar contratou unhas 1.500 persoas. A cifra do PSdeG é máis rotunda, falan da colocación de 5.000 persoas na Deputación e en entidades dependentes ou relacionadas con ela. Unha mesta rede de fieis na que se recoñecen as máis ilustres liñaxes da nova e vella dereita que ocupou o poder político en Ourense tras a deleiba da UCD, a creba de Coalición Galega, en 1985, e a absorción dos Centristas de Galicia polo PP en 1991.

Na homenaxe tributada na súa despedida, en abril de 2012, Baltar Sénior entregouse á franqueza: “Vós sodes os meus traballadores, non os traballadores da Deputación”. Baltar era Caudillo, Pai e Patrón. A trindade do liderado conservador. Desde a Deputación, exerceu, sen controis políticos, sindicais, mediáticos e xudiciais, como un rudo e populista condottiero e, con diñeiro público, recrutou e pagou un exército profesional dedicado ao mantemento da hexemonía da dereita e ao coidado da súa xefatura. Unha eficaz milicia privada, agradecida e incondicional, especializada en abonar submisións e en carretar votos e mobilizar adhesións nos períodos electorais.

Este Gangs Clientelar Style, tras a denuncia do fiscal, é o centro dunha apoteótica atención informativa, tanto como antes o foi dunha mesta e impenetrable indiferenza mediática. As hemerotecas conservan algunha incisiva reportaxe que denunciaba que as Deputacións galegas estaban cangadas por 160 asesores e peritos de obediencia partidaria e na que se daba a palabra a Baltar Pumar para proclamar que na de Ourense só había dous cargos de libre designación: un xefe de prensa, que coordinaba tamén a información del PP, e un asesor en materia deportiva que era igualmente concelleiro na capital. As árbores non deixaban ver o bosque.

Hai quince anos, o Foro Luzes de Galiza fixo público Máis democracia para Galicia, un manifesto anticaciquil que conserva, hoxe, todo o seu valor crítico: “O conservadorismo local atopou na trama gobernamental, e apoiándose nas súas maiorías absolutas, unha maneira de racionalizar, centralizar e modernizar aquel vello caciquismo que non só marcou a historia de Galicia, senón que, unha e outra vez, condenou á súa sociedade ao inmobilismo, ao bloqueo das súas posibilidades. En Galicia, aínda hoxe, en 1998, as oportunidades dos individuos dependen en gran medida das súas conexións e vínculos a un poder político que posúe unha ampla marxe de discrecionalidade. Ademais, é obvio que ese clientelismo é perpendicular á democracia. O PP facilita, ao usar e estender eses medios, unha desvalorización da democracia.”

O caciquismo é noticia, mais non é novidade, e axuda a iluminar tanto unha realidade clientelar certa como a invisibilizar outras de igual ou maior intensidade corruptora. Así, por sinalar un caso homologable, Rafael Louzán fica, maiormente, fóra de foco das indagacións xornalísticas e nos faladoiros de Madrid sinálase o caciquismo como un  particularismo (galaico) que non se aprecia no PP en Madrid, Valencia ou Baleares. Os homes do presidente Feijóo alédanse de que Baltar renda contas nos tribunais e confían en aproveitar ao seu debilitamento para domar o PPdeOU baltarista, mentres que fan todo o posible para esquecer a imputación dun dos seus, Rogelio Martínez, superdelegado ourensán da Xunta, nuns supostos delitos de prevaricación, malversación e estafa relacionados con subvencións de fondos comunitarios. Transparencia e opacidade.

A realidade é moito máis sucia como vén poñer de manifesto a investigación da Audiencia sobre os delitos fiscais de Luís Bárcenas e o estoupido do affaire dos pagamentos en negro das nóminas do núcleo dirixente do PP, segundo a denuncia de El Mundo. No Partido Popular, o caciquismo de proximidade, local e familiar, compleméntase cun clientelismo de grande empresa que financia a contabilidade B dos conservadores e engraxa as súas relacións co mundo dos negocios.O caciquismo de proximidade permitiu ao Partido Popular a creación dunha sorte de Estado de benestar bastardo que redistribuía, deturpando a igualdade de oportunidades, cartos, concesións e contratacións públicas entre persoas politicamente afíns e valeu, tradicionalmente, para tecer unha sólida rede de adhesións como recurso imprescindible para afianzar o seu dominio político. A maiores, artellouse un mercado de favores para acomodar as políticas públicas ás preferencias das grandes corporacións económicas a cambio dunha xenerosa repartición de dividendos en negro e doazóns en gris que se converteron nunha fonte principal da tesourería partidaria.

Baltar Pumar tan só perfeccionou o sistema clientelar de proximidade, que herdou da Restauración e  o Franquismo, como un dos máis sólidos piares da hexemonía da dereita en Galicia. Luís Bárcenas ofrece un exemplo inmellorable de xestor da infraestrutura financeira do Aznarato e o Marianismo. E don Vito Correa e Gürtel infórmanos sobre como se operaba no mercado de favores e influencias artellados á sombra dos gobernos conservadores. Baltar, Bárcenas e Correa son os encofradores dos que se vale o PP para cementar o seu dominio político.

Daguerrotipos: Luis Bárcenas

Os sumidoiros de Génova 13 acabaron botando por fóra. As augas sucias chegan á porta de Rajoy. Os seus inimigos íntimos afían os coitelos. Luís Bárcelas, home forte do aparato durante décadas, caído en desgraza polo caso Gürtel, acosado por branqueo e delito fiscal pola Audiencia Nacional, non quere ser o comedor de pecados do PP. Para protexerse, fixo saber da contabilidade en negro de cartos procedentes do tráfico de favores e do pago de sobresoldos non declarados a dirixentes conservadores. O imaxinario do PP como “partido da España decente” recibe outro durísimo golpe. Rajoy e Cospedal agóchanse tras un “Non nos consta”. Triunfa a omertá, os panos de fume e a xestión mediática de danos. Rexeneración democrática: cero.

Tempos Novos, xaneiro 2013

 

O debate Feijóo-Vázquez foi un grande acto de confirmación política. Militantes e simpatizantes do PPdeG aplaudiron a vitoria esmagadora de Feijóo e a parroquia socialista felicitouse polo triunfo indiscutible de Pachi Vázquez. É sabido que os seres humanos peneiramos a información que recibimos para que non violente as nosas conviccións e emocións profundas. En Por qué somos como somos, Eduard Punset repara nesas disonancias cognitivas e anota: «Cando o cerebro percibe unha explicación distinta ao que el cre non só a cuestiona, é que corta os circuitos de comunicación para que non penetre. Por iso non cambiamos de voto». Cítao en Micropolítica, Antoni Gutiérrez-Rubí onde inclúe «Coñecer o cerebro para liderar», un esclarecedor artigo no que repara sobre a blocaxe de informacións racionais que nos poderían facer cambiar de opinión e recupera unha expresiva cita de Daniel Eskibel («Buscar a verdade é complexo, é máis sencillo validar unha opinión previa»). A súa conclusión non nos deixa moita marxe: «Preferimos escoitar o que queremos escoitar, ler o que queremos ler, opinar o que queremos opinar.»

Onte pola noite, tamén. É bastante indiscutible que para unha boa parte da audiencia da TVG e para o medio de comunicación de referencia en Galicia o resultado do debate entálase nese patrón de blocaxe cognitiva. Cun pouco de afastamento brechtiano podemos ir alén das nosas crenzas, filias e conviccións emocionais. Vouno intentar.

Para a miña idea, Pachi Vázquez aproveitou mellor o #debatiño que Feijóo, polo menos en media ducia de cuestións.

Aproveitamento 1: Maior coñecemento entre a audiencia. Posiblemente o debate foi a aparición máis longa do secretario xeral do PSdeG na televisión nos tres últimos anos, Vázquez ten unha cota de coñecemento moito menor que Feijóo e hoxe coñéceno máis e mellor moitos máis cidadáns que onte. Un pequeno pero relevante paso adiante.

Aproveitamento 2: A dialéctica bipartidista beneficia ao PSdeG como partido alternativo. O formato de debate a dous reforza o papel antagonista e retador do PSdeG e contribúe a diluír, ante moitos electores, os evidentes consensos e posicións que PSOE e PP tiveron (e aínda teñen en gran medida) respecto das políticas sociais e económicas do último Zapatero e o primeiro Rajoy para enfrontar a crise.

Aproveitamento 3: Maior dominio da situación de tensión. Pachi Vázquez ofreceu unha imaxe contundente á vez que tranquila e a Feijóo notóuselle moito máis nervioso, o candidato do PPdeG demostrou que só esta afeito a debater desde posicións de vantaxe e onte estaba nun plató e non no hemiciclo do Hórreo. Tendo en conta que Núñez Feijóo é moitísimo mellor comunicador que Pachi Vázquez, a ganancia do candidato socialista é dobre: o que anotou el e o que deixou de anotar Feijóo.

Aproveitamento 4: Mellor identificación de destinatarios do seu relato. Pachi Vázquez tiña un plan, usou o debate para identificar os destinatarios preferentes do seu discurso: todos os damnificados polas política marradas fronte á crise, que son moitos máis que os prexudicados á altura de 2009, mentres que Feijóo falaba para os seus fieis que, todo apunta, son algúns menos que en 2009 e bastantes menos que o 20-N de 2011.

Aproveitamento 5: Mellor elección para a toma á terra do relato. Intelixentemente, Vázquez elixiu falar de Galicia e para «as familias que non chegan á fin de mes»; este encadre de política de proximidade e plebea contrastou fortemente cos intentos de Feijóo de xulgar a oferta socialista coma se estivese nun debate do estado da autonomía en Andalucía. Neses lances o candidato do Partido Popular abandonou a súa gran vantaxe (ser presidente e líder do partido do goberno) para enterrarse nun dificilmente entendible papel como xefe da oposición a Griñan.

Aproveitamento 6: Maior habilidade na prestidixitación política: a carta e a foto. Feijóo quitouse unha carta (de Pemex) da manga para defender a existencia dos fabulados contratos cos estaleiros galegos, o candidato conservador enfrontábase así a un dos seus problemas maiores, a crise de credibilidade, e para solventalo volveu pedir que o creamos dando por boa unha carta, que coma os contratos coa compañía mexicana, só el pode ler. Pachi recorreu habilmente a unha icona de Feij009: a fotografía do contrato de programa electoral cos cidadáns galegos, enfrontando ao presidente Feijóo coa súa perda de crédito e coas promesas incumpridas. Fallou Vázquez amagando e non mostrando a fotografía das alegrías de Feijóo con Gayoso, Méndez, Prego e Varela. O fair play, ou mellor aínda escapar de complicadas e comprometedoras areas movediza como apunta David Rodríguez, impedíronlle anotarse un tanto: identificar a complicidade de Feijóo coa deostada casta bancaria.

Como a experiencia televisiva foi intensa é posible que algunhas conviccións se remexerán, quizais non para provocar un cambio de lealdade en beneficio de Pachi Vázquez, si para estender as dúbidas entre electores conservadores descontentos que, despois do debate, estarán hoxe máis preto da abstención. Pachi sae máis líder do PSdeG do que entrou no plató e, se aínda queda alguén na war room de Rueda que mantén a cabeza fría, o PPdeG debería preparar mellor ao seu candidato para enfrontarse con Francisco Jorquera, outro debate esvaradizo e Feijóo verá como mingua a euforia dos propios e ese é o primeiro paso de toda derrota.

 

 

Ninguén pode sorprenderse moito se a photofinish do 21-O pinta unha estampa como a que presenciaron Walter Benjamin e Asja Lacis en Nápoles en 1925: «Un sacerdote que cometera actos considerados inmorais era transportado enriba dun carro polas rúas de Nápoles. Ían paseándoo entre insultos. Ao dobrar unha esquina apareceu o cortexo dunha voda. O sacerdote ponse en pé, fai o sinal da beizón e todos os que ían tras o carro caen de xeonllos. Nesta cidade o catolicismo é capaz de reestablecerse en calquera situación. Se desaparecese da face da terra, o derradeiro lugar do que desaparecería tal vez non sería Roma, senón Nápoles». As enquisas cartografan (borrosamente, iso si) a Galicia como o país onde a ineficacia conservadora é quen de restablecerse de case todo.

A hexemonía do PPdeG é tan sólida que parece legalizar toda a súa incompetencia, tanta fraude electoral e excesos no poder. As sondaxes semellan bendicir o goberno de Núñez Feijóo. O PPdeG está na cabeza da pole e, agás xenialidade ou accidente, nas vindeiras xornadas pode ratificar nas urnas o que os inquéritos lle certifican anticipadamente: unha vitoria electoral mínima, mais suficiente. O encadramento da campaña de Feijóo é obvio, pero non por iso menos eficaz: pide unha segunda oportunidade fronte ao caos que sementaría en Galicia un novo goberno bipartito ou, máis peor aínda, un tripartito. Algúns medios contribúen decisivamente a construír a imaxe de Feijóo como un bo gobernante ao que lle fallaron os tempos. A prórroga de mandato preséntase como unha mostra cívica de pía confianza. O continuísmo é un valor que cotiza aínda moi alto na política galega, pero nada está decidido e a historia do 21-O, afortunadamente, aínda ten que ser escrita polos cidadáns.