República

O Elefante Branco e a República

 

O Centro de Investigaciones Sociológicas non pregunta pola Monarquía. Non quere saber, as respostas imprimirían unha mala noticia. E a Coroa xa está cangada de pésimas noticias. O CIS coida con mimo do non querer saber da Monarquía borbónica.

A última vez que a opinión pública riu as grazas de Juan Carlos I foi, en 2007, por causa daquel «Por que no te callas?» que dirixiu a Hugo Chávez e que se pintou nos medios de comunicación con soberbias cores coloniais.

Houbo un tempo en que os motíns e as revoltas populares contra os poderosos se facían ao berro de «Viva El-Rei e abaixo o mal goberno!» Moito cambiou o conto. Agora, o CIS non pregunta por El-Rei.

Quen si preguntou foi Metroscopia no seu Barómetro de Confianza Institucional de finais de marzo. Un 53% dos cidadáns consultados desaproba o labor de Juan Carlos I. A valoración do Borbón Maior derrubouse dramaticamente nos últimos  meses.

O datos de Metroscopia subliñan o devalo de confianza que padece a Monarquía. En 1996, o 66% das persoas preguntadas preferían a Monarquía parlamentaria como forma de goberno. A República era a escolla de tan só o 13%.

Na sondaxe de 2012, a monarquía era apoiada por un 53% e a República polo 37%. Nos cidadáns máis novos as preferencias son máis favorables á República. Entre os menores de 34 anos, un 43% é partidario da monarquía e o 48% declárase republicano. Os optimistas din que a chegada da República é só cuestión de tempo.

 

Durante moitos anos vernizouse a figura de Juan Carlos I coa Cultura da Transición para presentalo como un protagonista fundamental da consolidación democrática. O que consolidou Juan Carlos I foi, fundamentalmente, a Monarquía; se a democracia era para uns poucos ou para moitos máis non deixaba de ser, no seu ideario, unha cuestión totalmente secundaria como quedou claro na tentativa golpista do 23-F.

O asalto ao Congreso non foi un ataque á Monarquía, foi un ataque á Democracia. Na trama militar, o indutor do golpe era coñecido en clave como «Elefante Branco». Son moitas as sospeitas e, cada día máis, as certezas que sinalan a Juan Carlos I como o enigmático «Elefante Branco».

A El-Rei, que nos legou o Franquismo, tanto lle valía unha democracia feble como unha ditadura branda. O 23-F, para evitarse problemas maiores, Juan Carlos I, no seu discurso televisivo, inclinouse por unha democracia branda.

Desde aquela, as voces da ala esquerda do Réxime sostiveron que en España había máis juancarlistas que monárquicos e que unha transferencia apresurada da Xefatura do Estado a Felipe de Borbón podería precipitar a chegada da Terceira República.

Hoxe en día, moitos daqueles voceiros afirman, co mesmo entusiasmo, todo contrario e o Partido da Abdicación multiplica militancias e declaracións.

A solución é, agora, o Borbón Menor que suma nas sondaxes un 61% de aprobación fronte á diminuída estima popular do Borbón Maior. Os pro-monárquicos insisten coa lingua pequena en que toca cambiar de cabalo para salvar a corte.

Felipe VI pode ser investido, vestido e vendido como un monarca escandinavo, austero, indoloro e discretamente progresista; e, a pouco que se lle traballe a imaxe, pode ser máis popular que Belén Esteban.

O Partido Monárquico sabe que hai que apresurarse porque a crise económica está asentando a idea de que a Coroa é un pesado elefante branco, inútil, voraz e moi custoso de manter. A Casa Real preséntase como un apodrecido foco de corrupción, comisionismo e impunidade. A Coroa apesta e resulta máis falsa nos seus valores democráticos que un euro de cartón ou unha promesa electoral do silente Mariano Rajoy.

Hai 150 anos, Aureliano Pereira, pioneiro do galeguismo republicano, escribía: «A monarquía deixou de existir e a sombra da República tomará entón forma, cor e vida, trocando a mísera e triste España monárquica nunha República federal, tan elevada como grande, tan próspera como honrada, tan rica como feliz.»

Podemos aplaudir, pero en 2013 a correlación de forzas é pouco máis favorable que nos días nos que escribía Aureliano Pereira. A República está, agora, máis presente no relato da esquerda, pero está apenas presente nos seus programas practicables. A República é un ideal pero, en Galicia e España, aínda carecemos dunha política activa que permita que a democracia republicana tome forma, cor e vida.

Cómpre non enganarse. De momento, hai máis malestar antimonárquico que vontade republicana. A diferenza non é pequena. A República non nacerá dun  malestar apático, precisa concretarse como un movemento democrático radical comprometido co dereito a decidir da cidadanía e das nacións do Estado.

Pero non teñan dúbida, nin mágoa, antes que tarde, as nosas futuras rebeldías ocuparán as prazas e as rúas ao berro de «Abaixo El-Rei. Viva un bo goberno republicano!»

Saúde e República!

 

Disparando aos reloxos 3 | Disimulen #25, 15 de abril de 2013

» Escoitar Disimulen #25