Monthly Archives: Outubro 2012

O debate Feijóo-Vázquez foi un grande acto de confirmación política. Militantes e simpatizantes do PPdeG aplaudiron a vitoria esmagadora de Feijóo e a parroquia socialista felicitouse polo triunfo indiscutible de Pachi Vázquez. É sabido que os seres humanos peneiramos a información que recibimos para que non violente as nosas conviccións e emocións profundas. En Por qué somos como somos, Eduard Punset repara nesas disonancias cognitivas e anota: «Cando o cerebro percibe unha explicación distinta ao que el cre non só a cuestiona, é que corta os circuitos de comunicación para que non penetre. Por iso non cambiamos de voto». Cítao en Micropolítica, Antoni Gutiérrez-Rubí onde inclúe «Coñecer o cerebro para liderar», un esclarecedor artigo no que repara sobre a blocaxe de informacións racionais que nos poderían facer cambiar de opinión e recupera unha expresiva cita de Daniel Eskibel («Buscar a verdade é complexo, é máis sencillo validar unha opinión previa»). A súa conclusión non nos deixa moita marxe: «Preferimos escoitar o que queremos escoitar, ler o que queremos ler, opinar o que queremos opinar.»

Onte pola noite, tamén. É bastante indiscutible que para unha boa parte da audiencia da TVG e para o medio de comunicación de referencia en Galicia o resultado do debate entálase nese patrón de blocaxe cognitiva. Cun pouco de afastamento brechtiano podemos ir alén das nosas crenzas, filias e conviccións emocionais. Vouno intentar.

Para a miña idea, Pachi Vázquez aproveitou mellor o #debatiño que Feijóo, polo menos en media ducia de cuestións.

Aproveitamento 1: Maior coñecemento entre a audiencia. Posiblemente o debate foi a aparición máis longa do secretario xeral do PSdeG na televisión nos tres últimos anos, Vázquez ten unha cota de coñecemento moito menor que Feijóo e hoxe coñéceno máis e mellor moitos máis cidadáns que onte. Un pequeno pero relevante paso adiante.

Aproveitamento 2: A dialéctica bipartidista beneficia ao PSdeG como partido alternativo. O formato de debate a dous reforza o papel antagonista e retador do PSdeG e contribúe a diluír, ante moitos electores, os evidentes consensos e posicións que PSOE e PP tiveron (e aínda teñen en gran medida) respecto das políticas sociais e económicas do último Zapatero e o primeiro Rajoy para enfrontar a crise.

Aproveitamento 3: Maior dominio da situación de tensión. Pachi Vázquez ofreceu unha imaxe contundente á vez que tranquila e a Feijóo notóuselle moito máis nervioso, o candidato do PPdeG demostrou que só esta afeito a debater desde posicións de vantaxe e onte estaba nun plató e non no hemiciclo do Hórreo. Tendo en conta que Núñez Feijóo é moitísimo mellor comunicador que Pachi Vázquez, a ganancia do candidato socialista é dobre: o que anotou el e o que deixou de anotar Feijóo.

Aproveitamento 4: Mellor identificación de destinatarios do seu relato. Pachi Vázquez tiña un plan, usou o debate para identificar os destinatarios preferentes do seu discurso: todos os damnificados polas política marradas fronte á crise, que son moitos máis que os prexudicados á altura de 2009, mentres que Feijóo falaba para os seus fieis que, todo apunta, son algúns menos que en 2009 e bastantes menos que o 20-N de 2011.

Aproveitamento 5: Mellor elección para a toma á terra do relato. Intelixentemente, Vázquez elixiu falar de Galicia e para «as familias que non chegan á fin de mes»; este encadre de política de proximidade e plebea contrastou fortemente cos intentos de Feijóo de xulgar a oferta socialista coma se estivese nun debate do estado da autonomía en Andalucía. Neses lances o candidato do Partido Popular abandonou a súa gran vantaxe (ser presidente e líder do partido do goberno) para enterrarse nun dificilmente entendible papel como xefe da oposición a Griñan.

Aproveitamento 6: Maior habilidade na prestidixitación política: a carta e a foto. Feijóo quitouse unha carta (de Pemex) da manga para defender a existencia dos fabulados contratos cos estaleiros galegos, o candidato conservador enfrontábase así a un dos seus problemas maiores, a crise de credibilidade, e para solventalo volveu pedir que o creamos dando por boa unha carta, que coma os contratos coa compañía mexicana, só el pode ler. Pachi recorreu habilmente a unha icona de Feij009: a fotografía do contrato de programa electoral cos cidadáns galegos, enfrontando ao presidente Feijóo coa súa perda de crédito e coas promesas incumpridas. Fallou Vázquez amagando e non mostrando a fotografía das alegrías de Feijóo con Gayoso, Méndez, Prego e Varela. O fair play, ou mellor aínda escapar de complicadas e comprometedoras areas movediza como apunta David Rodríguez, impedíronlle anotarse un tanto: identificar a complicidade de Feijóo coa deostada casta bancaria.

Como a experiencia televisiva foi intensa é posible que algunhas conviccións se remexerán, quizais non para provocar un cambio de lealdade en beneficio de Pachi Vázquez, si para estender as dúbidas entre electores conservadores descontentos que, despois do debate, estarán hoxe máis preto da abstención. Pachi sae máis líder do PSdeG do que entrou no plató e, se aínda queda alguén na war room de Rueda que mantén a cabeza fría, o PPdeG debería preparar mellor ao seu candidato para enfrontarse con Francisco Jorquera, outro debate esvaradizo e Feijóo verá como mingua a euforia dos propios e ese é o primeiro paso de toda derrota.

 

 

Ninguén pode sorprenderse moito se a photofinish do 21-O pinta unha estampa como a que presenciaron Walter Benjamin e Asja Lacis en Nápoles en 1925: «Un sacerdote que cometera actos considerados inmorais era transportado enriba dun carro polas rúas de Nápoles. Ían paseándoo entre insultos. Ao dobrar unha esquina apareceu o cortexo dunha voda. O sacerdote ponse en pé, fai o sinal da beizón e todos os que ían tras o carro caen de xeonllos. Nesta cidade o catolicismo é capaz de reestablecerse en calquera situación. Se desaparecese da face da terra, o derradeiro lugar do que desaparecería tal vez non sería Roma, senón Nápoles». As enquisas cartografan (borrosamente, iso si) a Galicia como o país onde a ineficacia conservadora é quen de restablecerse de case todo.

A hexemonía do PPdeG é tan sólida que parece legalizar toda a súa incompetencia, tanta fraude electoral e excesos no poder. As sondaxes semellan bendicir o goberno de Núñez Feijóo. O PPdeG está na cabeza da pole e, agás xenialidade ou accidente, nas vindeiras xornadas pode ratificar nas urnas o que os inquéritos lle certifican anticipadamente: unha vitoria electoral mínima, mais suficiente. O encadramento da campaña de Feijóo é obvio, pero non por iso menos eficaz: pide unha segunda oportunidade fronte ao caos que sementaría en Galicia un novo goberno bipartito ou, máis peor aínda, un tripartito. Algúns medios contribúen decisivamente a construír a imaxe de Feijóo como un bo gobernante ao que lle fallaron os tempos. A prórroga de mandato preséntase como unha mostra cívica de pía confianza. O continuísmo é un valor que cotiza aínda moi alto na política galega, pero nada está decidido e a historia do 21-O, afortunadamente, aínda ten que ser escrita polos cidadáns.

Buques pantasma ou o inicio do milagre económico? Resulta difícil aclararse entre tanto balbordo de comunicados, desmentidos e compracentes apelacións de honestidade empresarial e política. Cun pouco de transparencia, todos sairiamos gañando. Bastaría con que Feijóo mostrase os contratos asinados por Pemex. Se quere, pode seguir mareando a perdiz ata que se canse, é o privilexio de gobernar un país onde a prensa placebo manda e ordena ao seu capricho a opinión pública.

En Pensar el siglo século XX, Tony Judt lembra como os intelectuais renunciaron a valorar se algo é bo ou malo para pasar a preguntarse tan só se unha posición política é eficiente ou ineficiente. Os medios de comunicación, na súa maltratada condición de intelectuais colectivos, en moitos casos nin tan sequera iso: nin se pregunta sobre as bondades ou maldades morais das decisións, nin se avalía a súa eficiencia para gobernar o ben común.

Abundan as cabeceiras xornalísticas pero escasea a pluralidade informativa crítica. A inmensa maioría dos nosos xornais ofrécense como distintas variantes dunha mesma cepa conservadora. Nas últimas décadas, os valores da dereita montaraz ocuparon exitosamente a linguaxe da política e a economía, pero esta colonización atrofia tamén os medios que deberían soster a conversa cidadá sobre o exercicio do poder ou a calidade das políticas públicas.

Triunfa o infoentretemento e do cuarto poder como vixiante crítico de todos os demais poderes xa case que ninguén se acorda. Imos afacéndonos a ver desaparecer medios que garantían pluralismo e crítica, e vemos como, no minguado espazo dos quioscos, só resisten follas informativas paraobernamentais dedicadas a vixiar o desencanto dos cidadáns e a fomentar novas e vellas submisións e servidumes.

Imponse a melancolía. Choramos cabeceiras desaparecidas hai moitas décadas, como o Galicia de Paz-Andrade, e outras dos nosos días como a recuperada e perdida A Nosa Terra, o Xornal de Galicia e Galicia Hoxe, ou o dixital Vieiros que nos ensinou a lernos na Rede. Até deitamos bágoas polo Galicia de Díaz Pardo que nunca chegou a saír da rotativa. Temos razóns para dar renda solta ás nosas amargas queixas pero os lectores non somos totalmente inocentes da desaparición dos medios que queremos. Si, hai responsables maiores. Tamén neste caso para dar cos culpables hai que seguir a pista do diñeiro.

En 2005, David Edwards e David Cromwell escribiron Los guardianes del poder para convencernos do declive e imposibilidade dunha prensa progresista, encorada, como está, pola dependencia dos seus xestores dos caprichos de grandes bancos e fondos de investimento. Hai altos directivos e espílidos financeiros que lles dan a razón cando afirman que as empresas informativas, para producir cartos e seguir competindo no mercado, necesitan esnaquizar redaccións e liquidar o xornalismo que indaga nos feitos en procura da verdade para publicala como materia prima da cidadanía.

Soledad Gallego-Díaz lembrábanos, non hai moito tempo, que o xornalismo serviu á democracia e que segue sendo vital para garantir un auténtico debate cidadán e para poder construír unha axenda informativa e política sobre a que debemos deliberar e decidir colectivamente. Ese xornalismo cada día ten menos espazo nos quioscos, nas emisoras e nas pantallas de televisión e dos computadores. Estamos advertidos por Paul Starr das consecuencias da súa desaparición: “A fin da era dos xornais implica un cambio no sistema político. Os xornais axudaron a controlar a tendencia á corrupción tanto nos gobernos como nos negocios”. Sen estes medios podemos ir despedíndonos dunha democracia esixente e da soberanía dos cidadáns.

O xornalismo e os xornais que se extinguen contan a mesma historia que o relato da troita d’O Inicio que nos deixou Ánxel Fole e que tanto lle gusta a Xosé Manuel Pereiro. As troitas teñen, entre nós, fama de peixes sagrados. Soubo Fole que, nun gran pío da Ferreiría, había unha troita celibata que daba fe da calidade da auga. Se unha troita finaba, ían a por outra ao río. E moitos eran os que sacaban a gorra cando pasaban por diante dela como sinal de agradecemento pola súa vixilancia da saúde das augas. Un día un desalmado comeu a troita. Alguén papou un xornal que daba conta da limpeza do noso autogoberno en Galicia. Que non espere perdón. Grazas aos que coidaron da troita, do xornal e das nosas liberdades nestes últimos seis anos.

[Viñeta de Machiavelli de Don MacDonall]

 

Á carta non lle falta moito para cumprir cincocentos anos. Coa súa belleza, José Ángel Valente compuxo un donoso poema e incluíuno en La memoria y los signos. Pasa por ser unha das cartas máis fermosas das letras do Renacemento. Escribiuna na súa querida e odiada Florencia e datouna un 10 de decembro de 1513. Envíalla ao seu compadre, Francesco Vettori, daquela embaixador ante o Sumo Pontífice en Roma. Dallé conta de que está recluído na súa vila de San Casciano, despois de sufrir tortura e pasar pola cadea tras o fracaso dunha conxura contra os Medici.

Debúllalle ao amigo o timeline das súas xornadas: acordar co sol, supervisa a tala dun bosque e mediar nas retesías entre os leñadores. Baixo o brazo un libro deses que xa daquela eran clásicos e hoxe o seguen a ser con máis razóns e glorias: Dante ou Petrarca, Ovidio… A carón dunha fonte le as súas paixóns e amores, rememora os propios e entrégase aos seus pensamentos. Cara ao mediodía fai un alto na hospedería, indaga novas sobre a provincia entre os que están de paso. Xanta cos seus o pouco que lle deita na mesa unha pobre terra e un minguado patrimonio.

Coa primeira hora da tarde retorna ao parador onde fai parroquia co pousadeiro, cun carniceiro, cun muiñeiro e con dous panadeiros. Xoga as cartas e as damas entre disputas, ofensas, palabras inxuriosas e pobres apostas, un exercicio que, segundo declara, sérvelle, naquela sórdida mesquindade, para desbalorecer o cerebro e desafogarse da súa mala sorte. Na tardiña percorre as dúas millas que o arredan de San Casciano, muda as roupas de faena luxadas polas fatigas do día e, con mellores galas, escribe sobre as accións e razóns dos homes antigos. Durante catro horas confesa que non sente ningún aburrimento, esquece toda ambición, non teme á pobreza e non lle dá medo a morte. Da conversa cos antigos destila sabedorías sobre o poder coas que arma un opúsculo que titulará O Príncipe.