Monthly Archives: Abril 2013

O BNG entre o continuísmo e a renovación

 

Nos congresos partidarios a autocrítica é materia reservada para o oitavo día da semana. A escenografía congresual adoita a trucar os espellos e a cegar as fiestras das organizacións políticas. As ventás tapiadas impiden ver as demandas que existen fóra do espazo de decisión doméstico e os espellos devolven unha imaxe compracente dos fracasos, distorsionada non poucas veces por unha épica enchoupada en vitimismo. Os erros só existen porque a prensa insiste neles para magnificalos. O inferno son os outros e eses outros pretenden, teimudos, a destrución dos xustos. A Asemblea do BNG non foi unha excepción a este males pero tampouco é de xustiza esixirlle ao Bloque a apertura autocrítica que ningún outro partido practica.

A XIV Asemblea non foi unha cita para airear discrepancias, tratábase de pasar páxina das consecuencias cismáticas da XIII Asemblea, acabar coa sensación de baleiro estratéxico e repoñerse colectivamente da desmoralización causada polo revés electoral do 21-O. Nela afondáronse nalgunhas directrices saídas da Asemblea Extraordinaria de 2009, na que se axustaron contas co quintanismo e a experiencia de goberno do bipartito, e radicalizouse asemade o relato político de Amio.

Habendo trazos continuístas, hai tamén sinais inequívocos de renovación. Continuísta é a despluralización ideolóxica e organizativa do BNG. A abdicación á discrepancia construtiva por parte de Abrente é a última manifestación da perda de voces claramente diferenciadas na organización. A hibernación do colectivo liderado por Carlos Aymerich priva ao BNG dunha referencia de esquerda democrática que empobrece á fronte. O envés da despluralización é o reforzamento do dominio da UPG. A súa identificación co BNG nunca foi tan acusada; o seu peso político nas bases, nos cadros intermedios e nos representantes institucionais nunca maior. Os contrapesos ao seu poder son liviáns e as referencias ideolóxicas moito máis monocordes.

A UPG fixo valer a súa condición de partido guía na fixación do campo de acción posible e nos criterios de elección do portavoz nacional. A súa Conferencia Política, en xaneiro, sinalou con dous meses de antelación as liñas vermellas dos aliñamentos políticos fundamentais. Na remuda do voceiro acoutou o perfil dun candidato sen vencello orgánico coa UPG, pero que, como no caso da escolla de Guillerme Vázquez en 2009, carecese de ascendencia política sobre o aparato e o grupo parlamentario.

Non hai xa marxe para inocencia política nin para o maniqueísmo, o papel dirixente da UPG non é unha superprodución de maquiavelismo, é un resultado democrático debido a súa potencia militante e influencia política no Bloque. A súa capacidade para artellar coalicións internas, solidamente maioritarias, permítelle determinar o que o BNG vai dicir e facer ou, se as circunstancias o aconsellan, deixar maior liberdade discursiva e operativa.

No relatorio político da Asemblea a UPG exerceu menor control que en Amio e a achega dos independentes, con Vence ou Goretti Sanmartín á cabeza, na definición da estratexia foi substancial pero sen pretensión ningunha de emendar ou sobardar o posicionamento marco da Conferencia Política da UPG. Con todo, o destacado papel dos “independentes” na redacción e defensa das teses políticas foi un elemento clave para afianzar unha renovación moi destacada da Comisión Executiva e confirmar a Xavier Vence como o seu portavoz.

Xavier Vence é un potente reforzo na dirección do BNG nun momento delicado por mor do seu devalo electoral. Achega unha solvente formación como economista e unha gran solidez ideolóxica que o capacitan non só para interpretar o novo relato político do Bloque senón tamén para facelo máis propositivo. A Vence concédeselle amplo crédito para dotar de maior eficacia electoral á política do nacionalismo frontista e confíase nas súas habilidades relacionais para callar unha alianza con outras forzas soberanistas. Non se dubida da súa valía para ser voceiro, pero a ninguén se lle escapa o complicado que será dar proxección pública ao seu liderado estando ausente do cara a cara con Feijóo no Parlamento de Galicia.

A unanimidade incontestada coa se que aprobou as teses políticas garante a estabilidade e deixa pouca marxe para a discrepancia nunha Comisión Executiva moi renovada nas responsabilidades (cunha remuda do 80% dos seus membros) e xeracionalmente (ninguén supera a idade do voceiro nacional, 52 anos). O calendario axuda. Hai tempo abondo de rodaxe antes das eleccións europeas de 2014.

Oficialmente insístese en negar novidade á definición soberanista do BNG, o que non quita que a proclama independentista para facer efectivo o dereito a decidir e dotar a Galicia dun Estado propio introduza un cambio estratéxico de alcance. Historicamente, o independentismo non foi un sinal de identificador do BNG, referenciado discursivamente á defensa da soberanía nacional e ao dereito de autodeterminación sen precisar, maiormente, cal era o  horizonte último de soberanía que se perseguía nin como se concretaría o encaixe institucional de Galicia no Estado español ou en Europa.

A reorientación soberanista e a elección do dereito a decidir como elemento condutor da estratexia do BNG formula dúas grandes dúbidas. Primeira: en que medida é factible unha estratexia soberanista á luz da escasa adhesión que teñen as propostas independentistas (e mesmo as federalistas) e o moi consolidadas que están en Galicia as opinións favorables ao proceso de recentralización que anima o PP. Segunda: se será o seu electorado tradicional quen de metabolizar a viraxe independentista tendo en conta que a autolocalización ideolóxica do seu votante medio é sensiblemente máis moderada en termos identitarios que a eles atribúen ao BNG.

En Amio, o BNG estragou a súa condición de casa común do nacionalismo. Para recuperar centralidade avógase agora pola construción dun polo soberanista que asuma a confrontación política co centralismo e faise convite a todas as forzas nacionalistas sen exclusións. O dereito a decidir sinala o novo horizonte unitario. Nos-UP e Causa Galiza empatizan coa iniciativa. Compromiso por Galicia vén de facer un chamamento para materializar unha alianza con BNG e Anova para concorrer xuntos ás eleccións europeas. Estas ofertas teñen escaso engado en Anova que non quere circunscribir as alianzas ao campo delimitado polo nacionalismo e reitera a necesidade dunha Fronte Ampla que sume as forzas xa coaligadas en AGE, ao BNG e a Compromiso por Galicia.

O BNG pasa páxina cunha solución de continuidade e renovación coa que aspira a recuperar audiencia, mais crear un clima de confianza favorable á unidade non lle será doado. Por veces a política de alianzas parece deseñada como unha continuación da guerra de Amio por outros medios. Parece que é demasiado tarde para retomar o deseño do Novo Proxecto Común que fracasou en Amio. E é demasiado pronto para atopar un común denominador unitario que proscriba de vez toda tentación hexemonista.

Daguerrotipos: Xavier Vence

Cuarto portavoz do BNG desde a súa fundación. Dirixente destacado no BN-PG e secretario xeral de ERGA (1980-81) pasou á  reserva tras a liquidación da AN-PG (1982). No segundo plano na vida orgánica do BNG, a partir da Asemblea Extraordinaria de 2009 Xavier Vence gañou peso político. Brillante economista, tornouse nun referente imprescindible na crítica das políticas neoliberais. Incorporouse ao Consello Nacional na Asemblea de Amio (2012) como independente na candidatura de APU que promoveron a UPG e o MGS. Sinalado como un dos principais redactores da estratexia política da XIV Asemblea, gañouse a confianza maioritaria dos frontistas para comandar a súa posta en práctica.

 

Tempos Novos # 190, marzo de 2013

 

O Elefante Branco e a República

 

O Centro de Investigaciones Sociológicas non pregunta pola Monarquía. Non quere saber, as respostas imprimirían unha mala noticia. E a Coroa xa está cangada de pésimas noticias. O CIS coida con mimo do non querer saber da Monarquía borbónica.

A última vez que a opinión pública riu as grazas de Juan Carlos I foi, en 2007, por causa daquel «Por que no te callas?» que dirixiu a Hugo Chávez e que se pintou nos medios de comunicación con soberbias cores coloniais.

Houbo un tempo en que os motíns e as revoltas populares contra os poderosos se facían ao berro de «Viva El-Rei e abaixo o mal goberno!» Moito cambiou o conto. Agora, o CIS non pregunta por El-Rei.

Quen si preguntou foi Metroscopia no seu Barómetro de Confianza Institucional de finais de marzo. Un 53% dos cidadáns consultados desaproba o labor de Juan Carlos I. A valoración do Borbón Maior derrubouse dramaticamente nos últimos  meses.

O datos de Metroscopia subliñan o devalo de confianza que padece a Monarquía. En 1996, o 66% das persoas preguntadas preferían a Monarquía parlamentaria como forma de goberno. A República era a escolla de tan só o 13%.

Na sondaxe de 2012, a monarquía era apoiada por un 53% e a República polo 37%. Nos cidadáns máis novos as preferencias son máis favorables á República. Entre os menores de 34 anos, un 43% é partidario da monarquía e o 48% declárase republicano. Os optimistas din que a chegada da República é só cuestión de tempo.

 

Durante moitos anos vernizouse a figura de Juan Carlos I coa Cultura da Transición para presentalo como un protagonista fundamental da consolidación democrática. O que consolidou Juan Carlos I foi, fundamentalmente, a Monarquía; se a democracia era para uns poucos ou para moitos máis non deixaba de ser, no seu ideario, unha cuestión totalmente secundaria como quedou claro na tentativa golpista do 23-F.

O asalto ao Congreso non foi un ataque á Monarquía, foi un ataque á Democracia. Na trama militar, o indutor do golpe era coñecido en clave como «Elefante Branco». Son moitas as sospeitas e, cada día máis, as certezas que sinalan a Juan Carlos I como o enigmático «Elefante Branco».

A El-Rei, que nos legou o Franquismo, tanto lle valía unha democracia feble como unha ditadura branda. O 23-F, para evitarse problemas maiores, Juan Carlos I, no seu discurso televisivo, inclinouse por unha democracia branda.

Desde aquela, as voces da ala esquerda do Réxime sostiveron que en España había máis juancarlistas que monárquicos e que unha transferencia apresurada da Xefatura do Estado a Felipe de Borbón podería precipitar a chegada da Terceira República.

Hoxe en día, moitos daqueles voceiros afirman, co mesmo entusiasmo, todo contrario e o Partido da Abdicación multiplica militancias e declaracións.

A solución é, agora, o Borbón Menor que suma nas sondaxes un 61% de aprobación fronte á diminuída estima popular do Borbón Maior. Os pro-monárquicos insisten coa lingua pequena en que toca cambiar de cabalo para salvar a corte.

Felipe VI pode ser investido, vestido e vendido como un monarca escandinavo, austero, indoloro e discretamente progresista; e, a pouco que se lle traballe a imaxe, pode ser máis popular que Belén Esteban.

O Partido Monárquico sabe que hai que apresurarse porque a crise económica está asentando a idea de que a Coroa é un pesado elefante branco, inútil, voraz e moi custoso de manter. A Casa Real preséntase como un apodrecido foco de corrupción, comisionismo e impunidade. A Coroa apesta e resulta máis falsa nos seus valores democráticos que un euro de cartón ou unha promesa electoral do silente Mariano Rajoy.

Hai 150 anos, Aureliano Pereira, pioneiro do galeguismo republicano, escribía: «A monarquía deixou de existir e a sombra da República tomará entón forma, cor e vida, trocando a mísera e triste España monárquica nunha República federal, tan elevada como grande, tan próspera como honrada, tan rica como feliz.»

Podemos aplaudir, pero en 2013 a correlación de forzas é pouco máis favorable que nos días nos que escribía Aureliano Pereira. A República está, agora, máis presente no relato da esquerda, pero está apenas presente nos seus programas practicables. A República é un ideal pero, en Galicia e España, aínda carecemos dunha política activa que permita que a democracia republicana tome forma, cor e vida.

Cómpre non enganarse. De momento, hai máis malestar antimonárquico que vontade republicana. A diferenza non é pequena. A República non nacerá dun  malestar apático, precisa concretarse como un movemento democrático radical comprometido co dereito a decidir da cidadanía e das nacións do Estado.

Pero non teñan dúbida, nin mágoa, antes que tarde, as nosas futuras rebeldías ocuparán as prazas e as rúas ao berro de «Abaixo El-Rei. Viva un bo goberno republicano!»

Saúde e República!

 

Disparando aos reloxos 3 | Disimulen #25, 15 de abril de 2013

» Escoitar Disimulen #25

Porta xiratoria ou Reino de Taifas?

Un pato coxo compadeceuse onte no Parlamento. Feijóo fixo o que mellor saber facer: mallou rabiosamente na oposición parlamentaria. Gañouse o aplauso dos propios e a complicidade dos medios amigos. Puxo a funcionar a máquina do lixo para minimizar danos na súa carreira política e desacreditar aos partidos do bipartito e mais o piano e os estudos na Sorbona de Beiras. O desconto electoral en Galicia serálle cativo, entre nós non se penaliza o cinismo. Ao contrario, o nihilismo canalla recoñécese como un don dos poderosos. A ética non cotiza. Mal que ben Núñez Feijóo zafou e, non obstante, comezou a súa conta atrás como presidente. A súa ambición política maior resulta a día de hoxe inalcanzable. As ociosas fotografías con Marcial Dorado botárono fóra da carreira cara á Moncloa. Como se dedicou a xibarizar o autogoberno galego terá que xogar na Autonomía de Rexional Preferente o que queda de tempada. Como cando coñeceu a Dorado, Feijóo está diante dun dilema: daquela tiña que elixir entre o diñeiro fácil ou a política fácil. O seu padriño Romay Beccaría tomou a decisión: foi abrindo portas ao prometedor e ambicioso tecnócrata.

O noso presidente eivado ten que comezar a remoer noutros futuros alternativos. Tomar a porta xiratoria que o leva ao diñeiro fácil no consello de administración dunha podente corporación ou aferrarse á roda da política? Onte tiña que elixir entre ética ou poder a calquera prezo, elixiu poder, por iso Feijóo deixarase levar pola ambición maior. Tentará repetir os logros de Manuel Fraga pelexando por unha terceira maioría absoluta. Fará das urnas de 2016 unha fermosa lavandería onde branqueará os trapos sucios da súa convivencia ociosa co narcontrabando. Intentará asinar un éxito político clamoroso que o devolva ao top ten do Partido Popular. Para triunfar converterá a Galicia no seu Reino de Taifas e terá que acaudillar unha política de submisións fixas discontinuas con Genova 13 que lle permita aleitar un poder autónomo, persoal e intransferible.

Feijóo debera revisar as biografías de Xosé Luís Barreiro e Xosé Cuíña para non reeditar erros. Tamén terá que vixiar aos principais damnificados polo seu recunque en Galicia: ao amigo que intimamente aspiraba a sucedelo tras o seu salto ao hiperespazo madrileño (Carlos Negreira) e ao colaborador necesario no Non-Goberno (Alfonso Rueda). Estará obrigado igualmente a ser brutal cos que queiran aproveitarse da súa convalecencia para mellorar posicións (Baltar Jr.) e non deberá tensar demasiado a corda cos marianistas crepusculares que, a pouco que sexan amolados, poden activarlle un rival galeguista e rexeneracionista (Xosé Manuel Barreiro) ou unha killer tecnocrática (Ana Pastor), que poden instalarse comodamente en Galicia para facer cirurxías maiores na orde do poder popular. Se triunfa, volverá estar na carreira da Moncloa. Se fracasa, sempre está a tempo de tomar a porta xiratoria do diñeiro fácil. Cal pode ser o peor escenario? Que en 2016 Marcial Dorado sexa un narcotraficante rehabilitado e Feijóo non sexa presidente. Non hai mal que por ben non veña, poderán volver compartir sol, fotos e paisaxes nevadas; e ser amigos para sempre.

Maggie is dead

[Non todo serán bágoas: How are you celebrating?]

 

Morreu Margaret Thatcher, pero a súa ideoloxía e herdanza política están máis vivas que cando ela almorzaba en Downing Street 10 e Ronald Reagan durmía na Ala Oeste da Casa Branca. O Archicapitalismo goberna o planeta coma nunca e o imperio dos mercados financeiros ameaza con esmagar toda resistencia democrática nunha Europa que asiste á deleiba da socialdemocracia e ao estertor do Estado de benestar. No apoxeo do thatcherismo, os Sex Pistols cantaban «There is no future in England’s dreaming», entrementres os neocons facían coros adoutrinando: «This is not alternative». A síndrome TINA atopou acomodo no Novo Laborismo de Tony Blair como un rebaixadísimo sucedáneo da socialdemocracia ao que lle acae a fórmula que  descubriu Vázquez Montalbán: o seu talante é pactar coa vítima o menos malo para o verdugo e a vítima.

Volvamos a Maggie. Cando celebrou o seu 80 aniversario, Roberto Fendt, vicepresidente do Instituto Liberal do Brasil, dedicoulle unha sentida homenaxe e resumiu a súa herdanza: «A lucidez e a firmeza de propósitos lhe granjearam um desses reconhecimentos raros ― a denominação de “tatcherismo” ao conjunto de políticas que pôs em prática: uma política fiscal de redução da carga fiscal combinada com menor despesa pública; um amplo programa de desregulamentação, para permitir que o setor privado retomasse a iniciativa tolhida pelo trabalhismo e tirasse o país do marasmo distributivista sem crescimento; uma política monetária calcada no reconhecer de que “a inflação é um fenômeno estritamente monetário” ― e usada com o propósito de erradicá-la; e um amplo programa de privatização dos gigantescos elefantes brancos das empresas estatais herdadas de décadas de visão trabalhista do mundo. Não é pouco.»

Non foi pouco porque Thatcher era moito, tanto que nin a interpretación fabulosa de Meryl Streep foi quen de humanizala en The Iron Lady. Nestes días de loito e relembranzas non faltará quen intente encontrar algún valor humanista, ou discretamente humano, en Margaret para enfrontala a Angela Merkel, a súa máis adiantada discípula neoliberal. Mellor que non pasen moito traballo porque nas dúas atopamos a mesma mensaxe (outra vez no retrouso de Sex Pistol): «There’s no future, no future, no future for you.» Se alguén quere amolar a Merkel e deixar a porta aberta á esperanza, é preferible lembrarlle o parrafeo que, en House of Cards, Ian Richardson lle dedica a Maggie mentres deita boca abaixo unha fotografía da Dama de Ferro: «Nada dura para sempre, mesmo ao reinado máis longo e brillante ten que chegarlle a súa fin algún día.»

Eu non chorarei por Margaret Thatcher, un día da miña vida quedei sen bágoas cando Roibeárd Gearóid Ó Seachnasaigh finou, aos 27 anos, no cárcere de Long Kesh tras 66 días de folga de fame.

Feijóo non ten pasado

[Fotogalería de El País]

Zafará desta. Se fose sueco, alemán ou inglés a súa carreira na política remataría de vez o 31 de marzo e a súa estampa necrolóxica sería a información asinada por Xosé Hermida e Elisa Lois en El País. É un político galego dos que sabe que nunca choveu que non escampase e que os medios amigos están para abrir o paraugas protector en tempos de dioivo. Sobraralle abeiro e os asesores seguro que lle lembrarán a sabedoría de McNulty en The Wire: «Poden mastigarte, pero terán que cuspirte.» Feijóo está sendo remoido nas redes sociais e non medios de comunicación que non lle renden honras pero, finalmente, será cuspido. Doído, enfurecido, envelenado de rabia, mais será cuspido… e zafará.

O grande éxito de imaxe de Núñez Feijóo foi consagrarse como un político sen pasado. A garantía do seu brillante presente e glorioso futuro era a desmemoria. Desmemoriouse de Fraga e o fraguismo para non cargar con ningunha pexa do pasado. As follas do almanaque sonlle unha devasa insuperable. Non rende contas dos negocios de Crespo e Gürtel en Galicia porque el non se afiliou ao Partido Popular até 2002. Cando interesa, o calendario feijoniano sinala o seu primeiro ano triunfal co seu nomeamento como presidente do PPdeG en 2006. Antes das datas  sinaladas, case nada, apenas retallos biográficos dun brillante xestor público que apuntaba submisas maneiras, intelixencia tecnocrática e ambición sen límite.

O affaire Dorado é incómodo porque permite esculcar na cara oculta de Núñez Feijóo (se os paraugas protectores do presidente deixan enxergar algo de luz). En Monte Pío non hai lugar para o desacougo. Nos próximos días o único que quedará en claro é que o que está a proba é o cinismo de Feijóo (e os medios amigos), non a súa credibilidade. Comezamos: segundo o xornal galego de referencia, Feijóo tiña tan só unha «relación indirecta» con Dorado antes das súas condenas. Para El País o presidente mantivo nos anos noventa unha estreita amizade con Marcial Dorado, un sabido contrabandista de, cando pouco, tabaco. As fotografías do paseo náutico ilustran claramente unha «relación indirecta».

O empate persoal entre o contrabandista e Feijóo foi facilitado por Manuel Cruz López, home de palla de Dorado en numerosos negocios, militante do PP e chofer de influentes conselleiros de Manuel Fraga, de Romay Beccaría, entre outros. Antes de finar, Cruz López argallou a compra de diversas empresas de comercialización de combustible que, finalmente, acabaron en mans de Dorado Baúlde a quen Galicia Confidencial sinala como un dos provedores de combustible da Consellería de Sanidade no tempo en que Feijóo era secretario xeral. O pasado peta molestamente na porta do presidente Feijóo.

As «relacións indirectas» ou a «estreita amizade» de Feijóo con Dorado son un reflexo crepuscular das «estreitas relacións de amizade indirecta» que o Partido Popular mantivo historicamente cos contrabandistas do tabaco nos anos oitenta e noventa nas Rías Baixas. Daquela comentábase con sorna que cando alguén aparecía nas listaxes electorais do PP como «industrial» había que ler «contrabandista». Eran os anos do contrabando do fume e dos «contrabandistas bos» que cultivaban a amizade cos «caciques bos». Non hai moito Laureano Oubiña declaraba, sen maior escándalo, que el financiara con diñeiro do contrabando aos partidos de Suárez e Fraga a finais dos anos setenta.

A biografía de Dorado exemplifica a metamorfose do contrabando do fume en narcotráfico. A pegañenta tea de araña tecida por empresarios do fume e narcotraficantes coa política agarda maiores investigacións e o episodio vacacional de Feijóo no iate de Dorado vén remover vellas e silenciadas afinidades afectivas. Pero Feijóo zafará porque sobrará quen venda e compre toda esta historia como un erro de mocidade (delongada) ou a cándida ignorancia dun home de terra dentro que non sabe con que patrón compartía derrotas náuticas e alegres festas jolgorio.

O paseo en iate sairalle máis barato que a Anxo Quintana, entre outras razóns porque moitos votantes do BNG foron convencidos de que a amizade con Jacinto Rey era comprometedora e, como castigo, se abstiveron o 1-M, mentres que entre os electores do PPdeG vaise impoñer unha paternal comprensión coa malas compañas do honesto presidente e, como no 21-O, daranlle unha segunda oportunidade malia ter desbaldido apocalipticamente a primeira. A máquina da desmemoria traballa para que todo volva ao seu curso. Marcial Dorado é pasado e o noso presidente non ten pasado. A desmemoria é o opio dun pobo despreocupado do seu presente e do seu futuro. Feijóo sábeo ben.