Monthly Archives: Maio 2013

Na zona gris

Vivimos na zona gris. Nas comunicacións aeronáuticas, chámase ‘zona gris’ ao espazo que queda fóra dos varridos dos radares. En xeopolítica, fálase de ‘zonas grises’ para identificar territorios nos que o Estado non é quen de exercer a súa soberanía nin as súas obrigas básicas. En democracia, as zonas grises cartografan políticas que escapan á soberanía dos cidadáns e cidadás; decisións que se furtan ao noso control ou resolucións políticas e económicas sobre aspectos esenciais da nosa vida que se nos agachan.

As zonas grises sinalan lugares de non-poder cidadán, son espazos ocupados por decisións de gobernos que están blindados fronte á vontade popular. Espazos ocupados por resolucións impostas por corporacións económicas ou lobbies na sombra que queren que esteamos acantoados permanentemente na zona gris.

Canto máis baixa é a intensidade dunha democracia, maiores son as súas zonas grises. As zonas grises son un ecosistema de dominación da dereita neocon, un ecosistema que ofrecen como complemento dunha democracia vixiada, garantía autoritaria fronte á protesta da indignación, da rebeldía e do disenso.

As zonas grises son a antesala do que Dalton Trumbo chamou o tempo do sapo. Inspirouse en Émile Zola que, para acostumarse a tragar as grandes mentiras do seu tempo, dicía que todos os días comía cru un sapo vivo. Despois desta dieta, Zola aseguraba estar preparado para ler calquera xornal co estómago tranquilo.

Trumbo escribiu: «Todas as nacións pasaron por períodos que poderían denominarse o Tempo do Sapo, unha época na que a nación se envorca sobre si mesma, nunha sorte de loucura compulsiva que nega todo aquilo que ten de inocente a súa tradición, exalta todo o que é vil, e destrúe calquera minoría herética que afirme que a carne de sapo non é a delicia proclamada polo edito gobernamental».

A Confraría do Gran Poder e da Nova Orde Archicapitalista di que no seu reino de desigualdades apenas hai tres formas de tomar as decisións. Unha hai tempo que está en desuso. Estaba apadriñada pola decaída socialdemocracia e insistía en que había que elixir sempre o que era menos malo para verdugos e vítimas. As outras dúas formas son variantes dun mesmo credo conservador: hai que elixir o que é bo para o verdugos e menos malo para as vítimas. Ou hai que elixir, simplemente, o que é mellor para os verdugos. Cando din que non hai alternativa queren dicir que no seu reino non hai posibilidade de elixir o que é bo ou é mellor para as vítimas.

Tras as deliberacións dos poderosos, nas zonas grises ofrécense degustacións de carne de sapo. Con todo, a súa delicada textura non pode impedir que o padal desexe outras alternativas.

Alternativas que nos convocan a abandonar as zonas grises para crear un movemento comprometido con loitas constituíntes en defensa da soberanía cidadá e o autogoberno dos bens comúns. Loitas que nos chaman a construír o común como solar de novas fórmulas para o exercicio da liberdade, a garantía da igualdade ou o fortalecemento dunha fraternidade solidaria. Loitas que fan posibles novas prácticas sociais que erosionan a hexemonía conservadora e callan en contrapoderes, focos de resistencia e novos espazos de empoderamento que son unha emenda da doutrina de imposibilidades e voracidade destrutora que representa o neoliberalismo.

Anoten na súa axenda constituínte: O domingo día 2 de xuño agardan por nós, en Compostela, para que a rúa diga non á megaminería. Os proxectos mineiros deseñados para Galicia chuchan a riqueza e déixannos paisaxes de morte. Hai que evitar que a loucura do seu afán de lucro supoña a ruína dos nosos ben comúns en Corcoesto, Xinzo, A Fonsagrada, Santa Comba, Ordes, Cartelle, na Terra Chá, nas Fragas do Eume ou na Serra do Galiñeiro.

Saïamos da zona gris para dicirlles que non nos gusta a súa dieta de sapo.

Disparando aos reloxos 4 | Disimulen #29, 2 de maio de 2013

» Escoitar Disimulen #29

Anova, entre a vella e a nova cultura política

Os planos non son a obra. A advertencia é de Xosé Manuel Beiras. Anova iniciou a súa I Asemblea Nacional cun encontro deliberativo o 21 de abril. As conclusións políticas e a elección dunha nova dirección agardarán até o 8 e 9 de xuño. Nos seus acordos fundacionais, a Anova sinalou como obxectivo crear un Novo Proxecto Común para a esquerda soberanista  e a concreción dunha Nova Cultura Política baseada na radicalidade e horizontalidade democrática, o asemblearismo e a afiliación individual dos militantes.

Anova cualifícase como un partido-movemento, un novo espazo de acción política para favorecer o empoderamento dos cidadáns e como un catalizador da rebeldía cívica fronte á ofensiva neoliberal e á mercadocracia. Anova pénsase, por cabo, como unha forza comprometida co apertura dun novo proceso constituínte en Galiza e no Estado para dar resposta, desde os valores republicanos, á crise do noso autogoberno nacional e á creba da Segunda Restauración Borbónica.

Os planos de obra animaban un proxecto de renovación (e innovación) de prácticas e ideas para estimular novas formas de participación e a produción de políticas ao servizo da soberanía dos cidadáns e da nación galega. Eran os planos da ilusión constituínte, mais o calendario da obra viuse alterado polo adianto das eleccións autonómicas. A creación da AGE en alianza con EU, como socio maior, e co Espazo Ecosocialista e Equo, foi bendicida cun rotundo éxito electoral, pero impuxo tamén unha política dirixente de pequeno comité que deixou en suspenso as dinámicas asemblearias, amorteceu a participación decisoria dos militantes e certificou a pervivencia de prácticas ben próximas á vella cultura partitocrática.

A desviación respecto dos planos de obra foi presentada, con moi diferentes graos de resignación, como consecuencia do “estado de excepción electoral” e da necesidade de dotar de eficacia política a unha estrutura organizativa xermolar, aínda pouco operativa e cunha presenza territorial e social moi feble. Mais preocupa (moito) que o “estado de excepción” se converta en norma e que a Nova Cultura Política fique como un recurso residual, impracticable e retórico.

A Asemblea Constituínte de Anova deitou unha formulación organizativa imprecisa, definida máis polo que non quere ser (un partido clásico ou unha fronte ao xeito do BNG) que polo que aspira ser: un partido-movemento. A afiliación individual dos militantes non disolve o problema da existencia de partidos e colectivos operando no seu seo e Anova, por veces, ofrece a fasquía dunha fronte cos partidos externalizados e, en ocasións, se proxecta a imaxe do Encontro Irmandiño –que ocupa as principais responsabilidades executivas– como unha sorte de partido-guía difuso.

A coordinación das asembleas como espazos decisorios e afianzar unha cultura de goberno ao xeito dos zapatistas e o seu “mandar, obedecendo” é un correlato da horizontalidade democrática no que hai que encaixar a existencia dun núcleo fortemente executivo e o liderado de Xosé Manuel Beiras.

O partido-movemento pide tamén  unha xestión intelixente da súa pluralidade política e ideolóxica e a definición das súas estratexias non como a expresión acartonada e burocrática dunha abstracta vontade xeral (nacida dun debate nos órganos de dirección) senón como expresión da participación dos militantes, simpatizantes e mesmo electores. O mellor procedemento para creación dunha Nova Cultura Política compartida polas diferentes tradicións da Anova non será unha fusión en frío senón unha demorada deliberación onde se prime a inclusividade e o coidado das minorías.

David Rodríguez sinalou algunhas das marcas de identidade que deben ser propias de Anova como partido-movemento: democracia radical, liderados compartidos, toma de decisións colectivas, socialización da información, apertura total á participación social. Requirimentos esenciais para que Anova poida ser unha forza construtora de comunidade política e favorecer a creación de espazos na sociedade civil para o empoderar aos cidadáns-electores.

A Palmiro Togliatti gustáballe dicir que “o partido era a democracia organizada”. A Anova debería aspirar a ser democracia en movemento para socializar, dentro e fóra da organización e das institucións, poder e capacidade decisoria e para idear, co concurso de cidadáns e movementos sociais, novas políticas.

Na axenda estratéxica salientan ademais dúas cuestións: as alianzas  e a construción dun liderado compartido. AGE estreouse cuns magníficos resultados o 21-O e as sondaxes sinálanlle unhas excelentes perspectivas electorais, isto non quita que haxa en Anova enfrontadas visións sobre o seu valor estratéxico como confluencia da esquerda (soberanista e federalista).

A oferta realizada por X.M. Beiras para a construción dunha Fronte Ampla que sume, ademais das forzas hoxe integradas en AGE, ao BNG e Compromiso por Galicia abeira, a día de hoxe, posicións moi diferentes, desde alianzas de xeometrías variables, segundo o ámbito das convocatorias electorais, que non presupoñen o concurso de Esquerda Unida nas novas ofertas unitarias até outras que pensan que a Fronte Ampla debe ser unha proposta inclusiva sen renunciar ás forzas que hoxe son o núcleo de AGE.

Neste momento, a ofensiva diplomática do BNG para lograr unha alianza do nacionalismo independentista tensiona á Anova tanto como cuestiona a validez estratéxica de AGE. Pairando sobre as alianzas está unha concepción non menos contrastada da estratexia soberanista. Máis próxima, nuns casos, á idea do BNG do soberanismo como identificación do nacionalismo independentista e, noutros, no entendemento de que, desde o recoñecemento do dereito á autodeterminación, o soberanismo é un espazo de encontro das forzas que queren dotar a Galicia de maiores cotas de autogoberno ao que se poden sumar independentistas e federalistas.

Pola súa capacidade política e o seu capital simbólico e ético, Beiras identifica, a un tempo, un dos principais atractivos electorais de AGE e o máis relevante referente público de Anova. Este hiperliderado concilia mal coas as reiteradas manifestacións nas que di estar no epílogo da súa vida política. O propio Beiras aleitou a necesidade de construír un liderado colectivo, para crear as condicións do seu relevo, ao redor da figura de Martiño Noriega, no que se ve representada toda unha xeración de militantes de Anova e algúns dos seus principais cargos públicos como os deputados Antón Sánchez e David Fernández Calviño.

Enfriar a concreción dese liderado compartido para o relevo é a opción dunha parte influente do grupo dirixente de Anova que ve como unha ameaza para a súa posición de poder a emerxencia de Noriega como referente dunha nova cultura política que vai alén das fidelidades orgánicas do Encontro Irmandiño e coa que mesmo empatizan, extramuros, amplos sectores de AGE. Que Beiras actúe como facilitador do relevo será, sen dúbida, determinante para atenuar a fractura política e xeracional que xa se enxerga en Anova.

Daguerrotipo: Elixir en aberto ou pechado

Elixir a dirección con listas abertas ou candidaturas pechadas é o debate organizativo máis vivo de Anova. As listas pechadas, aínda garantindo unha representación proporcional a cada candidatura, son rexeitadas por parte importante da militancia que cre que contribuirán a enquistar a política de pequeno comité na Coordinadora Nacional. A ninguén se lle escapa que Beiras, encabezando unha lista pechada, crea condicións de competición electoral moi desfavorables para calquera outra alternativa. Coas listas abertas moitos queren evitar que ningún grupo de poder poida abeirarse no prestixio de Beiras para limitar o control e a capacidade decisoria que Anova lle concede, estatutariamente, aos militantes nas asembleas territoriais.

Feijóo e as teses de abril

Feijóo, presidente eivado, acudiu ao Parlamento para certificar que abril é o mes máis triste no que a memoria se mestura co desexo. A memoria de Feijóo é fráxil, o seu desexo de poder infinito. Unhas fotografías comprometedoras bateron coa súa ambición. Compareceu para compadecerse. Escudouse nunha medida ignorancia e atacou cegamente á oposición.

Agardando que o escándalo se apague antes que tarde, Feijóo enrocouse nas teses de abril. A saber:

1) Foi un erro de mocidade.

2) Descoñecía quen era Marcial Dorado e a que se dedicaba.

3) Dorado non era narcotraficante nin el era presidente daquela.

4) Cando soubo que Dorado tivera problemas coa xustiza, preguntou a unha persoa de confianza, Manuel Cruz, íntimo do contrabandista, que lle asegurou que estaba limpo.

5) Foi Cruz, home (tamén) de confianza de Romay Beccaria e militante do PP en Ferrol (onde era coñecido polas súas credencias democráticas como Manuel Cruz Gamada), quen o introduciu na dolce vita de Dorado & Cia.

6) Cruz negoulle ser un home de palla de Dorado.

7)  Con Dorado só compartía o seu ocio e (teoricamente) ían a escote nos gastos das viaxes e esmorgas xuvenís.

8) Feijóo non tiña, daquela, responsabilidades políticas, non era militante do PP e cumpría unha modesta función técnica na Consellería de Sanidade.

9) Rompeu toda relación con Dorado en 1997 aínda que persistiron contactos esporádicos até 2003, certificados polas escoitas telefónicas ordenadas polo xuíz Vázquez Taín.

10) Non incorreu en ningún delito por tratar con Dorado.

11) Nunca asinou contrato ou concesión ningunha que beneficiase a Dorado.

12) O goberno que deu máis subvencións ás empresas de Dorado é, segundo as contas de Feijóo, o de Touriño.

13) A publicación das fotos ten como obxectivo lograr que se amedrente politicamente.

14) Non é a primeira vez que intentan chantaxealo por causa desas fotografías.

15) Advertiu da existencia das fotos a Manuel Fraga e a Mariano Rajoy que lle quitaron toda importancia e ratificaron a súa confianza na decencia de Feijóo.

16) Todo é unha infamia.

17) Feijóo obrou con absoluta transparencia, honestidade e humildade.

18) A única preocupación da oposición son unhas fotos de hai vinte anos e non os problemas auténticos dos galegos.

19) BNG, AGE e PSdeG só perseguen facerlle dano persoal xa que non hai delito nin responsabilidade política ningunha.

20) Feijóo gañou as eleccións por maioría absoluta en 2009 e repetiu con maioría agrandada en 2012 e isto é un aval indiscutible ao seu recto proceder.

21) A verdade asístelle, a oposición fai insinuacións que a realidade desarma contundentemente.

22) É máis probable que incerto que o PSdeG sexa responsable da difusión das fotos.

23) El País argalla esta campaña de desprestixio movido por escuros intereses.

E 24) Feijóo está moi orgulloso do seu pasado e do seu presente.

As 24 teses do noso presidente non impiden que queden á vista algunhas evidencias:

1) Feijóo, como Romay e Cruz, sabía perfectamente quen era Dorado aínda que facía esforzos considerables por non querer saber.

2) O PP e os clans do contrabando e, despois, os primeiros narcotraficantes galegos formaban parte do mesmo ecosistema de poder.

3) A industria do dobre F (Fume e Fariña) contribuíu decisivamente a financiar a hexemonía conservadora nas Rías Baixas e na Costa da Morte no prefraguismo e no fraguismo e, a pouco que se investigue, no posfraguismo.

4) Feijóo mente e tortura habilmente os feitos para defender actitudes política e éticas reprobables.

5) Os medios dominantes en Galicia están dispostos a comprar calquera versión que exculpe a Feijóo e minimice danos na súa imaxe política.

6) As escasas simpatías que suscita as súas ambicións en Génova 13 explican que a cobertura do PP fose de moi baixa intensidade (en comparación coa despregadas con Camps, Ana Mato ou Bárcenas).

Todo indica que o desconto electoral que sufrirá Feijóo en Galicia por causa das narcofotos será cativo. Entre nós non se penaliza o cinismo e, moi ao contrario, o nihilismo canalla é valorado como un don dos moi poderosos. A ética non cotiza no noso mercado de valores electorais. Feijóo zafará e, no entanto, comezou a súa conta atrás como presidente de Galicia. A súa estratexia para acadar a súa ambición política maior (ser presidente do Goberno de España) resultou gravemente danada e as ociosas fotografías con Dorado botárono da carreira polo relevo de Mariano Rajoy.

Eivada a súa aspiración de poderes supremos, Feijóo ten que comezar a remoer noutros futuros alternativos. Basicamente ten que pensar se toma a porta xiratoria que o leve ao diñeiro fácil no consello de administración dunha podente corporación ou se se aferra con unllas e dentes á roda do poder. É improbable que Feijóo renuncie ás súas ambicións políticas e a súa única vía de supervivencia pasa por intentar repetir os éxitos de Manuel Fraga pelexando por lograr unha terceira maioría absoluta. Feijóo fará das urnas de 2016 unha fermosa lavandería onde branqueará os trapos sucios da súa convivencia ociosa co narcontrabando e nelas intentará asinar un éxito clamoroso que o devolva ao top ten do PP.

Para conservar opcións na loita sucesoria, Feijóo deberá facer de Galicia o seu Reino de Taifas e acaudillar unha política de submisións e rebeldías fixas-discontinuas coa autoridade central dos conservadores e, se é preciso, coa Moncloa. Para cementar en Galicia un poder autónomo, persoal e indiscutible, as políticas de austeridade non serán suficientes e precisará aumentar o gasto público para engraxar a hexemonía conservadora. Necesitará dun programa de fidelización política intensiva e a modesta acupuntura de investimentos actuais resulta pouco eficiente para evitar a drenaxe de lealdades políticas. Para sobrevivir Feijóo deberá conseguir financiamento e mellores condicións de gasto. Está será unha das súas primeiras batallas co PP e con Mariano Rajoy.

Ademais terá que vixiar aos principais damnificados polo seu acantonamento forzoso en Galicia: ao amigo que intimamente aspiraba a sucedelo tras o seu salto ao hiperespazo madrileño (Carlos Negreira) e ao colaborador necesario no noso Non-Goberno (Alfonso Rueda). Estará obrigado igualmente a ser expeditivo con quen queira aproveitarse da súa convalecencia para mellorar posicións (Baltar Jr.) e non deberá tensar demasiado a corda cos marianistas leais nin co aparato de Génova 13 que, a pouco que sexan amolados, poden activarlle un rival galeguista e rexeneracionista (Xosé Manuel Barreiro) ou unha killer tecnocrática (Ana Pastor) que poden operar comodamente en Galicia para socavar o seu liderado.

Se Feijóo consegue facer de Galicia o seu Reino de Taifas terá moitas opcións para volver á carreira pola Moncloa. Se fracasa, sempre está a tempo de tomar a porta xiratoria do diñeiro fácil axudado polo seu currículo como habelencioso xestor e pola súa axenda de favores e comenencias. Feijóo sábese moi tocado pero non fundido.

Daguerrotipo: Marcial Dorado Baúlde

Marcial Dorado Baúlde (Illa de Arousa, 1950). Iniciado no contrabando con Vicente Otero, Terito, aos 25 anos tiña xa gran fama como piloto de planeadoras. A comezos dos anos oitenta, ROS, a banda de Dorado e a de Sito Carnicero controlan o “negocio do fume”. Escapa a Portugal en 1983, volve en 1984 e queda en liberdade co pago dunha fianza de 20 millóns de pesetas. Será un dos capos que lidere a conversión do contrabando do fume en narcotráfico. Detido na Operación Nécora (1990), sen probas, sae en liberdade. En 2003 é condenado polo xuíz Vázquez Taín por contrabando de cocaína a 14 anos de cárcere. Daquela estimóuselle un patrimonio inmobiliario de 15 millóns e depósitos bancarios de 3 millóns de euros en Suíza, Portugal e Bahamas.

Tempos Novos # 191, abril de 2013