Feijóo non ten pasado

[Fotogalería de El País]

Zafará desta. Se fose sueco, alemán ou inglés a súa carreira na política remataría de vez o 31 de marzo e a súa estampa necrolóxica sería a información asinada por Xosé Hermida e Elisa Lois en El País. É un político galego dos que sabe que nunca choveu que non escampase e que os medios amigos están para abrir o paraugas protector en tempos de dioivo. Sobraralle abeiro e os asesores seguro que lle lembrarán a sabedoría de McNulty en The Wire: «Poden mastigarte, pero terán que cuspirte.» Feijóo está sendo remoido nas redes sociais e non medios de comunicación que non lle renden honras pero, finalmente, será cuspido. Doído, enfurecido, envelenado de rabia, mais será cuspido… e zafará.

O grande éxito de imaxe de Núñez Feijóo foi consagrarse como un político sen pasado. A garantía do seu brillante presente e glorioso futuro era a desmemoria. Desmemoriouse de Fraga e o fraguismo para non cargar con ningunha pexa do pasado. As follas do almanaque sonlle unha devasa insuperable. Non rende contas dos negocios de Crespo e Gürtel en Galicia porque el non se afiliou ao Partido Popular até 2002. Cando interesa, o calendario feijoniano sinala o seu primeiro ano triunfal co seu nomeamento como presidente do PPdeG en 2006. Antes das datas  sinaladas, case nada, apenas retallos biográficos dun brillante xestor público que apuntaba submisas maneiras, intelixencia tecnocrática e ambición sen límite.

O affaire Dorado é incómodo porque permite esculcar na cara oculta de Núñez Feijóo (se os paraugas protectores do presidente deixan enxergar algo de luz). En Monte Pío non hai lugar para o desacougo. Nos próximos días o único que quedará en claro é que o que está a proba é o cinismo de Feijóo (e os medios amigos), non a súa credibilidade. Comezamos: segundo o xornal galego de referencia, Feijóo tiña tan só unha «relación indirecta» con Dorado antes das súas condenas. Para El País o presidente mantivo nos anos noventa unha estreita amizade con Marcial Dorado, un sabido contrabandista de, cando pouco, tabaco. As fotografías do paseo náutico ilustran claramente unha «relación indirecta».

O empate persoal entre o contrabandista e Feijóo foi facilitado por Manuel Cruz López, home de palla de Dorado en numerosos negocios, militante do PP e chofer de influentes conselleiros de Manuel Fraga, de Romay Beccaría, entre outros. Antes de finar, Cruz López argallou a compra de diversas empresas de comercialización de combustible que, finalmente, acabaron en mans de Dorado Baúlde a quen Galicia Confidencial sinala como un dos provedores de combustible da Consellería de Sanidade no tempo en que Feijóo era secretario xeral. O pasado peta molestamente na porta do presidente Feijóo.

As «relacións indirectas» ou a «estreita amizade» de Feijóo con Dorado son un reflexo crepuscular das «estreitas relacións de amizade indirecta» que o Partido Popular mantivo historicamente cos contrabandistas do tabaco nos anos oitenta e noventa nas Rías Baixas. Daquela comentábase con sorna que cando alguén aparecía nas listaxes electorais do PP como «industrial» había que ler «contrabandista». Eran os anos do contrabando do fume e dos «contrabandistas bos» que cultivaban a amizade cos «caciques bos». Non hai moito Laureano Oubiña declaraba, sen maior escándalo, que el financiara con diñeiro do contrabando aos partidos de Suárez e Fraga a finais dos anos setenta.

A biografía de Dorado exemplifica a metamorfose do contrabando do fume en narcotráfico. A pegañenta tea de araña tecida por empresarios do fume e narcotraficantes coa política agarda maiores investigacións e o episodio vacacional de Feijóo no iate de Dorado vén remover vellas e silenciadas afinidades afectivas. Pero Feijóo zafará porque sobrará quen venda e compre toda esta historia como un erro de mocidade (delongada) ou a cándida ignorancia dun home de terra dentro que non sabe con que patrón compartía derrotas náuticas e alegres festas jolgorio.

O paseo en iate sairalle máis barato que a Anxo Quintana, entre outras razóns porque moitos votantes do BNG foron convencidos de que a amizade con Jacinto Rey era comprometedora e, como castigo, se abstiveron o 1-M, mentres que entre os electores do PPdeG vaise impoñer unha paternal comprensión coa malas compañas do honesto presidente e, como no 21-O, daranlle unha segunda oportunidade malia ter desbaldido apocalipticamente a primeira. A máquina da desmemoria traballa para que todo volva ao seu curso. Marcial Dorado é pasado e o noso presidente non ten pasado. A desmemoria é o opio dun pobo despreocupado do seu presente e do seu futuro. Feijóo sábeo ben.

About

7 Comentarios
  1. Santo di:

    Non, os votantes non deixaron de votar a Quintana por aquelo. Se non queremos que algúns medios se enganen co de Feijoó, non nos enganemos nós primeiro. Aquelo foi feo. Esto é moi feo.

    • dpaso61 di:

      Ola Santo

      Non igualo os dous casos. Nin creo enganarme co uso político que fixo La Voz de Galicia nun caso e que non vai facer noutro. Pero, desgraciadamente, cónstame que electores do BNG se abstiveron e que o affaire do iate de Quintana influíu na súa decisión, non só foi por iso, en moitos dos casos chovía sobre mollado e o desencontro ía máis alá diso como ben indicaba as mobilizacións de Galiza Non Se Vende e non o soubemos ver a tempo.

    • dpaso61 di:

      Ola, de novo

      Unha última cousa. Aquilo non é que fose feo, non foi bonito. O caso Feijóo-Dorado é, efectivamente, moi feo.

      Apertas

  2. santi di:

    “mentres nós, inxenuos e respectuosos demócratas, nos asustamos co financiamento en B (de Bárcenas), eles xa levan tempo na seguinte dimensión, a C (de Contrabando)”

    Narco-Presidente
    http://wp.me/p1NuYX-c2

    • dpaso61 di:

      Ola

      Si, van no dobre C de Contrabando e Corrupción… e traballan activamente no D de Destrución do país e as nosas liberdades e dereitos. Pero estou certo de que imos paralos. Apertas e parabéns polo teu Narcopresidente. A ver se temos ocasión de «desvirtualizarnos« e tomarlle unha cervexa xuntos.

  3. Pode que Feijoo se mova en Galicia con certa comodidade, aínda que non sen certo incomodo social de orixe ética. Pero en Monte Pío debe haber desacougo: como mínimo, na medida que dá o “Süddeutsche Zeitung”.

    http://www.sueddeutsche.de/politik/fotos-kompromittieren-spanischen-politiker-im-urlaub-mit-dem-drogenhaendler-1.1637911

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Feijóo non ten pasado

Posted on

Abril 1st, 2013

Tags