Porta xiratoria ou Reino de Taifas?

Un pato coxo compadeceuse onte no Parlamento. Feijóo fixo o que mellor saber facer: mallou rabiosamente na oposición parlamentaria. Gañouse o aplauso dos propios e a complicidade dos medios amigos. Puxo a funcionar a máquina do lixo para minimizar danos na súa carreira política e desacreditar aos partidos do bipartito e mais o piano e os estudos na Sorbona de Beiras. O desconto electoral en Galicia serálle cativo, entre nós non se penaliza o cinismo. Ao contrario, o nihilismo canalla recoñécese como un don dos poderosos. A ética non cotiza. Mal que ben Núñez Feijóo zafou e, non obstante, comezou a súa conta atrás como presidente. A súa ambición política maior resulta a día de hoxe inalcanzable. As ociosas fotografías con Marcial Dorado botárono fóra da carreira cara á Moncloa. Como se dedicou a xibarizar o autogoberno galego terá que xogar na Autonomía de Rexional Preferente o que queda de tempada. Como cando coñeceu a Dorado, Feijóo está diante dun dilema: daquela tiña que elixir entre o diñeiro fácil ou a política fácil. O seu padriño Romay Beccaría tomou a decisión: foi abrindo portas ao prometedor e ambicioso tecnócrata.

O noso presidente eivado ten que comezar a remoer noutros futuros alternativos. Tomar a porta xiratoria que o leva ao diñeiro fácil no consello de administración dunha podente corporación ou aferrarse á roda da política? Onte tiña que elixir entre ética ou poder a calquera prezo, elixiu poder, por iso Feijóo deixarase levar pola ambición maior. Tentará repetir os logros de Manuel Fraga pelexando por unha terceira maioría absoluta. Fará das urnas de 2016 unha fermosa lavandería onde branqueará os trapos sucios da súa convivencia ociosa co narcontrabando. Intentará asinar un éxito político clamoroso que o devolva ao top ten do Partido Popular. Para triunfar converterá a Galicia no seu Reino de Taifas e terá que acaudillar unha política de submisións fixas discontinuas con Genova 13 que lle permita aleitar un poder autónomo, persoal e intransferible.

Feijóo debera revisar as biografías de Xosé Luís Barreiro e Xosé Cuíña para non reeditar erros. Tamén terá que vixiar aos principais damnificados polo seu recunque en Galicia: ao amigo que intimamente aspiraba a sucedelo tras o seu salto ao hiperespazo madrileño (Carlos Negreira) e ao colaborador necesario no Non-Goberno (Alfonso Rueda). Estará obrigado igualmente a ser brutal cos que queiran aproveitarse da súa convalecencia para mellorar posicións (Baltar Jr.) e non deberá tensar demasiado a corda cos marianistas crepusculares que, a pouco que sexan amolados, poden activarlle un rival galeguista e rexeneracionista (Xosé Manuel Barreiro) ou unha killer tecnocrática (Ana Pastor), que poden instalarse comodamente en Galicia para facer cirurxías maiores na orde do poder popular. Se triunfa, volverá estar na carreira da Moncloa. Se fracasa, sempre está a tempo de tomar a porta xiratoria do diñeiro fácil. Cal pode ser o peor escenario? Que en 2016 Marcial Dorado sexa un narcotraficante rehabilitado e Feijóo non sexa presidente. Non hai mal que por ben non veña, poderán volver compartir sol, fotos e paisaxes nevadas; e ser amigos para sempre.

About

5 Comentarios
  1. Manuel di:

    Excelente! Creo que che falta un escenerario, pouco realista iso si, que é que Feijoo abrace o galeguismo, aínda que só sexa tan limitado como o de Fraga e pola mesma razón que este, por frustración.

    En calquera caso, benvido á política real de novo, aínda que sexa política con minúsculas. Brincadeira: Onde se sitúa esta reflexión dentro da irremediable caída do sistema e/ou da etapa de restauración borbónica que algúns predican?

  2. Madrid queda moi lonxe, si; Santiago aínda non está en perigo. Ora que quedo pouco conforme coa explicación de que o segundo se debe ao carácter e hábito político dos galegos. A xente é moi precavida, pero os grupos parlamentarios da oposición fomentan constantemente o escepticismo falando en exclusiva para as súas parroquias. Por que alguén coma Feijoo chegou a ter afinidade, a que fose, con alguén coma Marcial Dorado?

    Alguén se fixo en alto esa pregunta, de modo que fose oída por multitudes? Parece obvio que non, malia ser ben razoable. E poder dar que pensar.

  3. dpaso61 di:

    Ola Xosé M. González

    Que non se castigue a corrupción e o cinismo político non é un trazo diferencial dos galegos, abonda en todo o Estado.

    Canto a pregunta sobre as razóns da afinidade entre Feijóo e Dorado non creo que chegase a multitudes pero está formulada e respondida en gran medida no artigo de Sonia Vizoso e Elisa Lois do domingo en El País na que se repasan as conexións entre contrabando /narcotráfico e poder político.

    A outra trama da historia para min pinta así. Dorado necesita contactos ao máis alto nivel, Feijóo está colocado nun posto decisivo da Consellería de Sanidade, Manuel Cruz gánase a confianza de Feijóo e, conseguidor e testaferro de Dorado como é, ponos en contacto. As afinidades de Feijóo non xiran ao redor da amizade, o empate con Dorado é porque é rico e poderoso. Feijóo é ambicioso e naquel momento non sabe moi ben que tipo de poder ambiciona, o da política ou o dos negocios.

    • Eu non sei por que Feijoo se achegou a Dorado. De postos a asentar no mundo económico, talvez houbese mellores contactos ca un contrabandista recoñecido; igual o motivo era ir montando alicerces de apoio para a súa carreira política; ou se cadra o vínculo radicaba no lecer de home solteiro. Desde logo, na prensa de papel e a rede especulouse a semana pasada sobre esa relación, orixe e motivos; pero nin “El País”, nin os blogs e redes sociais constitúen ámbito e plataforma adecuados para alcanzar o sector social que desta volta interesaba: o sector medianamente aberto ou permeable dentro do que se considera habitualmente ‘o electorado do PP’.

      Seguramente aí hai bastantes persoas que ante este caso teñen escrúpulos morais; e outras ás que se lles suscitaron dúbidas razoables. Era para eles que as forzas políticas da oposición tiñan que ter elaborado un discurso intelixente, para desenvolver no parlamento ou prensa galega, e que a militancia puidese difundir socialmente; con ‘intelixente’, neste caso, quero dicir menos composto de certezas apriorísticas, consabidas para a propia base social e electoral, e máis de estimulación da dúbida no outro campo: esa pregunta, “por que lles parece que alguén co retrato de Feijoo se achega a un personaxe coma Marcial Dorado?”.

      Na resposta, no debate, cando menos aparecerían os conceptos contrabando, droga, cartos, poder político. Paréceme que non todo o mundo reaccionaría de maneira cínica; nin moito menos.

  4. dpaso61 di:

    Manolo

    Se para consolidar Galicia como o seu reino de Taifas Feijóo precisa do galeguismo, será galeguista. Comezou a súa carreira á presidencia do Partido Popular de Galicia definíndose como galeguista, reformista e centrista.Para sobrevivir precisará consolidar o poder e un rexionalismo forte ou galeguismo será de utilidade.

    O da inevitable caída é moito dicir. Nalgures especulei con posibles escenarios. Dixen isto:

    Para a saída da crise da Segunda Restauración, diante de nós, deséñanse catro escenarios.

    Primeiro escenario. Continuísmo bipartidista. Ferraz optará por esperar e ver como o PP se coce só no caldo da corrupción. O PSOE confía en que o apodrecemento do PP creará as condicións de alternancia no Goberno. O relevo na Moncloa sería, na súa idea, condición suficiente para a rexeneración do sistema.

    Segundo escenario. Reformismo gatopardiano. Se a situación resulta insostible, as forzas benpensantes e benestantes do Reino pedirán unha Gran Coalición que irmande a PP e PSOE. Algo haberá que cambiar para que todo siga como antes. Haberá renovación cosmética e relevos na dirección dos partidos para refrescar a súa credibilidade e consensos mínimos para conter o malestar cidadán.

    Terceiro escenario. Segunda Transición. Coa procura dun consenso das forzas bipartidistas, ampliable aos nacionalismos gobernantes en Euskadi e Cataluña. Cun novo acomodo dos autogobernos na Constitución, mediante un federalismo asimétrico, cambios no sistema electoral e, mesmo, a remuda no trono coa coroación de Felipe VI.

    Cuarto escenario. Apertura dun auténtico proceso constituínte. Radicalización democrática. Reformulación confederal do Estado. Institucionalización de políticas de defensa dos bens comúns. Saída republicana para a recuperación da soberanía cidadá.

    Nin dicir ten que o cuarto escenario é o máis remoto.

Deixa una resposta a Manuel Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Porta xiratoria ou Reino de Taifas?

Posted on

Abril 11th, 2013

Category

Partido Popular

Tags