O BNG entre o continuísmo e a renovación

 

Nos congresos partidarios a autocrítica é materia reservada para o oitavo día da semana. A escenografía congresual adoita a trucar os espellos e a cegar as fiestras das organizacións políticas. As ventás tapiadas impiden ver as demandas que existen fóra do espazo de decisión doméstico e os espellos devolven unha imaxe compracente dos fracasos, distorsionada non poucas veces por unha épica enchoupada en vitimismo. Os erros só existen porque a prensa insiste neles para magnificalos. O inferno son os outros e eses outros pretenden, teimudos, a destrución dos xustos. A Asemblea do BNG non foi unha excepción a este males pero tampouco é de xustiza esixirlle ao Bloque a apertura autocrítica que ningún outro partido practica.

A XIV Asemblea non foi unha cita para airear discrepancias, tratábase de pasar páxina das consecuencias cismáticas da XIII Asemblea, acabar coa sensación de baleiro estratéxico e repoñerse colectivamente da desmoralización causada polo revés electoral do 21-O. Nela afondáronse nalgunhas directrices saídas da Asemblea Extraordinaria de 2009, na que se axustaron contas co quintanismo e a experiencia de goberno do bipartito, e radicalizouse asemade o relato político de Amio.

Habendo trazos continuístas, hai tamén sinais inequívocos de renovación. Continuísta é a despluralización ideolóxica e organizativa do BNG. A abdicación á discrepancia construtiva por parte de Abrente é a última manifestación da perda de voces claramente diferenciadas na organización. A hibernación do colectivo liderado por Carlos Aymerich priva ao BNG dunha referencia de esquerda democrática que empobrece á fronte. O envés da despluralización é o reforzamento do dominio da UPG. A súa identificación co BNG nunca foi tan acusada; o seu peso político nas bases, nos cadros intermedios e nos representantes institucionais nunca maior. Os contrapesos ao seu poder son liviáns e as referencias ideolóxicas moito máis monocordes.

A UPG fixo valer a súa condición de partido guía na fixación do campo de acción posible e nos criterios de elección do portavoz nacional. A súa Conferencia Política, en xaneiro, sinalou con dous meses de antelación as liñas vermellas dos aliñamentos políticos fundamentais. Na remuda do voceiro acoutou o perfil dun candidato sen vencello orgánico coa UPG, pero que, como no caso da escolla de Guillerme Vázquez en 2009, carecese de ascendencia política sobre o aparato e o grupo parlamentario.

Non hai xa marxe para inocencia política nin para o maniqueísmo, o papel dirixente da UPG non é unha superprodución de maquiavelismo, é un resultado democrático debido a súa potencia militante e influencia política no Bloque. A súa capacidade para artellar coalicións internas, solidamente maioritarias, permítelle determinar o que o BNG vai dicir e facer ou, se as circunstancias o aconsellan, deixar maior liberdade discursiva e operativa.

No relatorio político da Asemblea a UPG exerceu menor control que en Amio e a achega dos independentes, con Vence ou Goretti Sanmartín á cabeza, na definición da estratexia foi substancial pero sen pretensión ningunha de emendar ou sobardar o posicionamento marco da Conferencia Política da UPG. Con todo, o destacado papel dos “independentes” na redacción e defensa das teses políticas foi un elemento clave para afianzar unha renovación moi destacada da Comisión Executiva e confirmar a Xavier Vence como o seu portavoz.

Xavier Vence é un potente reforzo na dirección do BNG nun momento delicado por mor do seu devalo electoral. Achega unha solvente formación como economista e unha gran solidez ideolóxica que o capacitan non só para interpretar o novo relato político do Bloque senón tamén para facelo máis propositivo. A Vence concédeselle amplo crédito para dotar de maior eficacia electoral á política do nacionalismo frontista e confíase nas súas habilidades relacionais para callar unha alianza con outras forzas soberanistas. Non se dubida da súa valía para ser voceiro, pero a ninguén se lle escapa o complicado que será dar proxección pública ao seu liderado estando ausente do cara a cara con Feijóo no Parlamento de Galicia.

A unanimidade incontestada coa se que aprobou as teses políticas garante a estabilidade e deixa pouca marxe para a discrepancia nunha Comisión Executiva moi renovada nas responsabilidades (cunha remuda do 80% dos seus membros) e xeracionalmente (ninguén supera a idade do voceiro nacional, 52 anos). O calendario axuda. Hai tempo abondo de rodaxe antes das eleccións europeas de 2014.

Oficialmente insístese en negar novidade á definición soberanista do BNG, o que non quita que a proclama independentista para facer efectivo o dereito a decidir e dotar a Galicia dun Estado propio introduza un cambio estratéxico de alcance. Historicamente, o independentismo non foi un sinal de identificador do BNG, referenciado discursivamente á defensa da soberanía nacional e ao dereito de autodeterminación sen precisar, maiormente, cal era o  horizonte último de soberanía que se perseguía nin como se concretaría o encaixe institucional de Galicia no Estado español ou en Europa.

A reorientación soberanista e a elección do dereito a decidir como elemento condutor da estratexia do BNG formula dúas grandes dúbidas. Primeira: en que medida é factible unha estratexia soberanista á luz da escasa adhesión que teñen as propostas independentistas (e mesmo as federalistas) e o moi consolidadas que están en Galicia as opinións favorables ao proceso de recentralización que anima o PP. Segunda: se será o seu electorado tradicional quen de metabolizar a viraxe independentista tendo en conta que a autolocalización ideolóxica do seu votante medio é sensiblemente máis moderada en termos identitarios que a eles atribúen ao BNG.

En Amio, o BNG estragou a súa condición de casa común do nacionalismo. Para recuperar centralidade avógase agora pola construción dun polo soberanista que asuma a confrontación política co centralismo e faise convite a todas as forzas nacionalistas sen exclusións. O dereito a decidir sinala o novo horizonte unitario. Nos-UP e Causa Galiza empatizan coa iniciativa. Compromiso por Galicia vén de facer un chamamento para materializar unha alianza con BNG e Anova para concorrer xuntos ás eleccións europeas. Estas ofertas teñen escaso engado en Anova que non quere circunscribir as alianzas ao campo delimitado polo nacionalismo e reitera a necesidade dunha Fronte Ampla que sume as forzas xa coaligadas en AGE, ao BNG e a Compromiso por Galicia.

O BNG pasa páxina cunha solución de continuidade e renovación coa que aspira a recuperar audiencia, mais crear un clima de confianza favorable á unidade non lle será doado. Por veces a política de alianzas parece deseñada como unha continuación da guerra de Amio por outros medios. Parece que é demasiado tarde para retomar o deseño do Novo Proxecto Común que fracasou en Amio. E é demasiado pronto para atopar un común denominador unitario que proscriba de vez toda tentación hexemonista.

Daguerrotipos: Xavier Vence

Cuarto portavoz do BNG desde a súa fundación. Dirixente destacado no BN-PG e secretario xeral de ERGA (1980-81) pasou á  reserva tras a liquidación da AN-PG (1982). No segundo plano na vida orgánica do BNG, a partir da Asemblea Extraordinaria de 2009 Xavier Vence gañou peso político. Brillante economista, tornouse nun referente imprescindible na crítica das políticas neoliberais. Incorporouse ao Consello Nacional na Asemblea de Amio (2012) como independente na candidatura de APU que promoveron a UPG e o MGS. Sinalado como un dos principais redactores da estratexia política da XIV Asemblea, gañouse a confianza maioritaria dos frontistas para comandar a súa posta en práctica.

 

Tempos Novos # 190, marzo de 2013

 

About

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

O BNG entre o continuísmo e a renovación

Posted on

Abril 19th, 2013

Category

BNG, Politica, Soberanismo

Tags