Feijóo e as teses de abril

Feijóo, presidente eivado, acudiu ao Parlamento para certificar que abril é o mes máis triste no que a memoria se mestura co desexo. A memoria de Feijóo é fráxil, o seu desexo de poder infinito. Unhas fotografías comprometedoras bateron coa súa ambición. Compareceu para compadecerse. Escudouse nunha medida ignorancia e atacou cegamente á oposición.

Agardando que o escándalo se apague antes que tarde, Feijóo enrocouse nas teses de abril. A saber:

1) Foi un erro de mocidade.

2) Descoñecía quen era Marcial Dorado e a que se dedicaba.

3) Dorado non era narcotraficante nin el era presidente daquela.

4) Cando soubo que Dorado tivera problemas coa xustiza, preguntou a unha persoa de confianza, Manuel Cruz, íntimo do contrabandista, que lle asegurou que estaba limpo.

5) Foi Cruz, home (tamén) de confianza de Romay Beccaria e militante do PP en Ferrol (onde era coñecido polas súas credencias democráticas como Manuel Cruz Gamada), quen o introduciu na dolce vita de Dorado & Cia.

6) Cruz negoulle ser un home de palla de Dorado.

7)  Con Dorado só compartía o seu ocio e (teoricamente) ían a escote nos gastos das viaxes e esmorgas xuvenís.

8) Feijóo non tiña, daquela, responsabilidades políticas, non era militante do PP e cumpría unha modesta función técnica na Consellería de Sanidade.

9) Rompeu toda relación con Dorado en 1997 aínda que persistiron contactos esporádicos até 2003, certificados polas escoitas telefónicas ordenadas polo xuíz Vázquez Taín.

10) Non incorreu en ningún delito por tratar con Dorado.

11) Nunca asinou contrato ou concesión ningunha que beneficiase a Dorado.

12) O goberno que deu máis subvencións ás empresas de Dorado é, segundo as contas de Feijóo, o de Touriño.

13) A publicación das fotos ten como obxectivo lograr que se amedrente politicamente.

14) Non é a primeira vez que intentan chantaxealo por causa desas fotografías.

15) Advertiu da existencia das fotos a Manuel Fraga e a Mariano Rajoy que lle quitaron toda importancia e ratificaron a súa confianza na decencia de Feijóo.

16) Todo é unha infamia.

17) Feijóo obrou con absoluta transparencia, honestidade e humildade.

18) A única preocupación da oposición son unhas fotos de hai vinte anos e non os problemas auténticos dos galegos.

19) BNG, AGE e PSdeG só perseguen facerlle dano persoal xa que non hai delito nin responsabilidade política ningunha.

20) Feijóo gañou as eleccións por maioría absoluta en 2009 e repetiu con maioría agrandada en 2012 e isto é un aval indiscutible ao seu recto proceder.

21) A verdade asístelle, a oposición fai insinuacións que a realidade desarma contundentemente.

22) É máis probable que incerto que o PSdeG sexa responsable da difusión das fotos.

23) El País argalla esta campaña de desprestixio movido por escuros intereses.

E 24) Feijóo está moi orgulloso do seu pasado e do seu presente.

As 24 teses do noso presidente non impiden que queden á vista algunhas evidencias:

1) Feijóo, como Romay e Cruz, sabía perfectamente quen era Dorado aínda que facía esforzos considerables por non querer saber.

2) O PP e os clans do contrabando e, despois, os primeiros narcotraficantes galegos formaban parte do mesmo ecosistema de poder.

3) A industria do dobre F (Fume e Fariña) contribuíu decisivamente a financiar a hexemonía conservadora nas Rías Baixas e na Costa da Morte no prefraguismo e no fraguismo e, a pouco que se investigue, no posfraguismo.

4) Feijóo mente e tortura habilmente os feitos para defender actitudes política e éticas reprobables.

5) Os medios dominantes en Galicia están dispostos a comprar calquera versión que exculpe a Feijóo e minimice danos na súa imaxe política.

6) As escasas simpatías que suscita as súas ambicións en Génova 13 explican que a cobertura do PP fose de moi baixa intensidade (en comparación coa despregadas con Camps, Ana Mato ou Bárcenas).

Todo indica que o desconto electoral que sufrirá Feijóo en Galicia por causa das narcofotos será cativo. Entre nós non se penaliza o cinismo e, moi ao contrario, o nihilismo canalla é valorado como un don dos moi poderosos. A ética non cotiza no noso mercado de valores electorais. Feijóo zafará e, no entanto, comezou a súa conta atrás como presidente de Galicia. A súa estratexia para acadar a súa ambición política maior (ser presidente do Goberno de España) resultou gravemente danada e as ociosas fotografías con Dorado botárono da carreira polo relevo de Mariano Rajoy.

Eivada a súa aspiración de poderes supremos, Feijóo ten que comezar a remoer noutros futuros alternativos. Basicamente ten que pensar se toma a porta xiratoria que o leve ao diñeiro fácil no consello de administración dunha podente corporación ou se se aferra con unllas e dentes á roda do poder. É improbable que Feijóo renuncie ás súas ambicións políticas e a súa única vía de supervivencia pasa por intentar repetir os éxitos de Manuel Fraga pelexando por lograr unha terceira maioría absoluta. Feijóo fará das urnas de 2016 unha fermosa lavandería onde branqueará os trapos sucios da súa convivencia ociosa co narcontrabando e nelas intentará asinar un éxito clamoroso que o devolva ao top ten do PP.

Para conservar opcións na loita sucesoria, Feijóo deberá facer de Galicia o seu Reino de Taifas e acaudillar unha política de submisións e rebeldías fixas-discontinuas coa autoridade central dos conservadores e, se é preciso, coa Moncloa. Para cementar en Galicia un poder autónomo, persoal e indiscutible, as políticas de austeridade non serán suficientes e precisará aumentar o gasto público para engraxar a hexemonía conservadora. Necesitará dun programa de fidelización política intensiva e a modesta acupuntura de investimentos actuais resulta pouco eficiente para evitar a drenaxe de lealdades políticas. Para sobrevivir Feijóo deberá conseguir financiamento e mellores condicións de gasto. Está será unha das súas primeiras batallas co PP e con Mariano Rajoy.

Ademais terá que vixiar aos principais damnificados polo seu acantonamento forzoso en Galicia: ao amigo que intimamente aspiraba a sucedelo tras o seu salto ao hiperespazo madrileño (Carlos Negreira) e ao colaborador necesario no noso Non-Goberno (Alfonso Rueda). Estará obrigado igualmente a ser expeditivo con quen queira aproveitarse da súa convalecencia para mellorar posicións (Baltar Jr.) e non deberá tensar demasiado a corda cos marianistas leais nin co aparato de Génova 13 que, a pouco que sexan amolados, poden activarlle un rival galeguista e rexeneracionista (Xosé Manuel Barreiro) ou unha killer tecnocrática (Ana Pastor) que poden operar comodamente en Galicia para socavar o seu liderado.

Se Feijóo consegue facer de Galicia o seu Reino de Taifas terá moitas opcións para volver á carreira pola Moncloa. Se fracasa, sempre está a tempo de tomar a porta xiratoria do diñeiro fácil axudado polo seu currículo como habelencioso xestor e pola súa axenda de favores e comenencias. Feijóo sábese moi tocado pero non fundido.

Daguerrotipo: Marcial Dorado Baúlde

Marcial Dorado Baúlde (Illa de Arousa, 1950). Iniciado no contrabando con Vicente Otero, Terito, aos 25 anos tiña xa gran fama como piloto de planeadoras. A comezos dos anos oitenta, ROS, a banda de Dorado e a de Sito Carnicero controlan o “negocio do fume”. Escapa a Portugal en 1983, volve en 1984 e queda en liberdade co pago dunha fianza de 20 millóns de pesetas. Será un dos capos que lidere a conversión do contrabando do fume en narcotráfico. Detido na Operación Nécora (1990), sen probas, sae en liberdade. En 2003 é condenado polo xuíz Vázquez Taín por contrabando de cocaína a 14 anos de cárcere. Daquela estimóuselle un patrimonio inmobiliario de 15 millóns e depósitos bancarios de 3 millóns de euros en Suíza, Portugal e Bahamas.

Tempos Novos # 191, abril de 2013

 

About

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Feijóo e as teses de abril

Posted on

Maio 27th, 2013

Tags