Clientelismo

Os capataces da hexemonía conservadora

 [Fotografía de Anxo Iglesias, El País-Galicia]

Que traballo me dá ser eu! José Luís Baltar Pumar, como Frankie Machine, o killer mafioso nacido da imaxinación de Don Winslow, pode queixarse do fatigoso que lle resulta ser el mesmo. Agora non se lle permite a bondade dun retiro tranquilo. O epílogo da súa vida política complícase pola imputación nun delito continuado de prevaricación. O minúsculo vértice dun inmenso iceberg, apenas un centenar de contratos irregulares, realizados en 2010, nas vésperas do Congreso do PP de Ourense, como investimento paternal para que seu fillo, Xosé Manuel Baltar, fose líder dos conservadores na súa provincia.

“Que é un cacique bo?” –preguntoulle naqueles días o xornalista de El País, José Precedo–, e Baltar deuse á sinceridade: “Que político non é un cacique!” e, de seguido, matizouse: “Se se entende como solucionar problemas, eu fágoo desinteresadamente e atendo igual ás persoas influentes e as que non o son. Iso non é caciquismo e menos caciquismo malo.” Antes, coa mesma convicción, declarara: “Eu non vendo os favores, nin llos boto en cara a ninguén, entre outras cousas porque non hai favores, son prazas conquistadas por merecemento.” Boa parte da opinión pública galega tiña outra idea. Púxolle palabras F. J. Arias, traballador da Deputación desde 1998: “Entramos todos igual, enchufados.”

En 2011, cando o relevo dinástico na Deputación, José Luís Baltar exhibía, fachendoso, un historial con 37 rotundas vitorias electorais. Nas municipais dese mesmo ano apañou o 49,5% dos votos, o 60% dos concelleiros e 68 das 92 alcaldías. Un palmarés que levou a Rajoy a enxalzalo: “Baltar ti es o Partido Popular”. El tiña, porén, outra idea que desvelou aos xornalistas de El Mundo, Ana Bravo Cuíñas e Marcos Sueiro: “Un 50% da xente vota por min e o outro 50% polo PP.” A metade do dominio conservador debíase, en modesta repartición, ao seu indiscutible liderado persoal.

Algunhas estimacións apoucadas sinalan agora que, entre 1987 e 2012, Baltar contratou unhas 1.500 persoas. A cifra do PSdeG é máis rotunda, falan da colocación de 5.000 persoas na Deputación e en entidades dependentes ou relacionadas con ela. Unha mesta rede de fieis na que se recoñecen as máis ilustres liñaxes da nova e vella dereita que ocupou o poder político en Ourense tras a deleiba da UCD, a creba de Coalición Galega, en 1985, e a absorción dos Centristas de Galicia polo PP en 1991.

Na homenaxe tributada na súa despedida, en abril de 2012, Baltar Sénior entregouse á franqueza: “Vós sodes os meus traballadores, non os traballadores da Deputación”. Baltar era Caudillo, Pai e Patrón. A trindade do liderado conservador. Desde a Deputación, exerceu, sen controis políticos, sindicais, mediáticos e xudiciais, como un rudo e populista condottiero e, con diñeiro público, recrutou e pagou un exército profesional dedicado ao mantemento da hexemonía da dereita e ao coidado da súa xefatura. Unha eficaz milicia privada, agradecida e incondicional, especializada en abonar submisións e en carretar votos e mobilizar adhesións nos períodos electorais.

Este Gangs Clientelar Style, tras a denuncia do fiscal, é o centro dunha apoteótica atención informativa, tanto como antes o foi dunha mesta e impenetrable indiferenza mediática. As hemerotecas conservan algunha incisiva reportaxe que denunciaba que as Deputacións galegas estaban cangadas por 160 asesores e peritos de obediencia partidaria e na que se daba a palabra a Baltar Pumar para proclamar que na de Ourense só había dous cargos de libre designación: un xefe de prensa, que coordinaba tamén a información del PP, e un asesor en materia deportiva que era igualmente concelleiro na capital. As árbores non deixaban ver o bosque.

Hai quince anos, o Foro Luzes de Galiza fixo público Máis democracia para Galicia, un manifesto anticaciquil que conserva, hoxe, todo o seu valor crítico: “O conservadorismo local atopou na trama gobernamental, e apoiándose nas súas maiorías absolutas, unha maneira de racionalizar, centralizar e modernizar aquel vello caciquismo que non só marcou a historia de Galicia, senón que, unha e outra vez, condenou á súa sociedade ao inmobilismo, ao bloqueo das súas posibilidades. En Galicia, aínda hoxe, en 1998, as oportunidades dos individuos dependen en gran medida das súas conexións e vínculos a un poder político que posúe unha ampla marxe de discrecionalidade. Ademais, é obvio que ese clientelismo é perpendicular á democracia. O PP facilita, ao usar e estender eses medios, unha desvalorización da democracia.”

O caciquismo é noticia, mais non é novidade, e axuda a iluminar tanto unha realidade clientelar certa como a invisibilizar outras de igual ou maior intensidade corruptora. Así, por sinalar un caso homologable, Rafael Louzán fica, maiormente, fóra de foco das indagacións xornalísticas e nos faladoiros de Madrid sinálase o caciquismo como un  particularismo (galaico) que non se aprecia no PP en Madrid, Valencia ou Baleares. Os homes do presidente Feijóo alédanse de que Baltar renda contas nos tribunais e confían en aproveitar ao seu debilitamento para domar o PPdeOU baltarista, mentres que fan todo o posible para esquecer a imputación dun dos seus, Rogelio Martínez, superdelegado ourensán da Xunta, nuns supostos delitos de prevaricación, malversación e estafa relacionados con subvencións de fondos comunitarios. Transparencia e opacidade.

A realidade é moito máis sucia como vén poñer de manifesto a investigación da Audiencia sobre os delitos fiscais de Luís Bárcenas e o estoupido do affaire dos pagamentos en negro das nóminas do núcleo dirixente do PP, segundo a denuncia de El Mundo. No Partido Popular, o caciquismo de proximidade, local e familiar, compleméntase cun clientelismo de grande empresa que financia a contabilidade B dos conservadores e engraxa as súas relacións co mundo dos negocios.O caciquismo de proximidade permitiu ao Partido Popular a creación dunha sorte de Estado de benestar bastardo que redistribuía, deturpando a igualdade de oportunidades, cartos, concesións e contratacións públicas entre persoas politicamente afíns e valeu, tradicionalmente, para tecer unha sólida rede de adhesións como recurso imprescindible para afianzar o seu dominio político. A maiores, artellouse un mercado de favores para acomodar as políticas públicas ás preferencias das grandes corporacións económicas a cambio dunha xenerosa repartición de dividendos en negro e doazóns en gris que se converteron nunha fonte principal da tesourería partidaria.

Baltar Pumar tan só perfeccionou o sistema clientelar de proximidade, que herdou da Restauración e  o Franquismo, como un dos máis sólidos piares da hexemonía da dereita en Galicia. Luís Bárcenas ofrece un exemplo inmellorable de xestor da infraestrutura financeira do Aznarato e o Marianismo. E don Vito Correa e Gürtel infórmanos sobre como se operaba no mercado de favores e influencias artellados á sombra dos gobernos conservadores. Baltar, Bárcenas e Correa son os encofradores dos que se vale o PP para cementar o seu dominio político.

Daguerrotipos: Luis Bárcenas

Os sumidoiros de Génova 13 acabaron botando por fóra. As augas sucias chegan á porta de Rajoy. Os seus inimigos íntimos afían os coitelos. Luís Bárcelas, home forte do aparato durante décadas, caído en desgraza polo caso Gürtel, acosado por branqueo e delito fiscal pola Audiencia Nacional, non quere ser o comedor de pecados do PP. Para protexerse, fixo saber da contabilidade en negro de cartos procedentes do tráfico de favores e do pago de sobresoldos non declarados a dirixentes conservadores. O imaxinario do PP como “partido da España decente” recibe outro durísimo golpe. Rajoy e Cospedal agóchanse tras un “Non nos consta”. Triunfa a omertá, os panos de fume e a xestión mediática de danos. Rexeneración democrática: cero.

Tempos Novos, xaneiro 2013