Dereito a decidir

O dereito a decidir

O dereito a decidir está no primeiro plano da axenda política en Cataluña e, entre nós, preside a convocatoria da XIV Asemblea do BNG. O 77% dos deputados do Parlament aprobaron o mércores unha moción para que Cataluña poida exercer o seu dereito a decidir, unha iniciativa apoiada por CiU, ERC, ICV e o PSC que sumou 104 votos ­coa oposición do PP, Ciutadans e a abstención dos tres parlamentarios independentistas da CUP. A cámara xa refrendara, a finais de xaneiro, unha declaración soberanista favorable a iniciar un proceso de autodeterminación e que contou, daquela, co voto de 85 deputados de CiU, ERC, ICV e un dos tres representantes da CUP e co rexeitamento do PSC, PP e Ciutadans.

Hai uns meses, José María Ruiz Soroa ocupou unha tribuna de El País para criticar que «o dereito a decidir como idea borrosa coa que os nacionalistas gustan de esconder as arestas máis ferintes da súa proposta». Daquela sinalou: «Secesión e independencia son palabras ‘malas’, asustan ao elector medio; soberanía ou dereito a decidir son palabras ‘boas’. E o debate político está dominado por unha regra de ouro: facer provisión das palabras boas para a posición propia. Cando se celebrou o referendo quebequés en 1998 [ foi en 1995] os estudos sociolóxicos mostraban que o apoio á proposta separatista baixaba 20 puntos se se utilizaba o termo ‘independencia’ en lugar de ‘soberanía’. Probablemente sucedería o mesmo se no canto de ‘decidir’ falásemos de ‘separarse’».

Para Ruiz Soroa o dereito a decidir é a pel de cordeiro baixo a que se agacha o lobo arredista. O seu empeño en reducido a unha simple camuflaxe de combate non lle resta validez á súa apreciación sobre o carácter borroso do dereito a decidir (DD), nin quita razón ao feito de ofreza un relato moito máis amigable que o tradicional dereito á autodeterminación.

A seguir algunhas das cuestións nas que debería reparar o debate sobre o Dereito a Decidir.

1 | A redución do Dereito a Decidir (DD) ao Dereito de Autodeterminación (DA)

Ninguén discute a identificación entre DD e DA. No contexto específico de Cataluña e o seu proceso de «Transición nacional», o dereito de decisión é o dereito á autodeterminarse como nación e poder elixir libremente a forma de relación e/ou inclusión de Cataluña noutros espazos políticos supranacionais, sexa o Estado español ou a Unión Europea.

Atendendo á crise da Segunda Restauración Borbónica e á desdemocratización que se está a avivecer ao abeiro das política contra-reformistas do Partido Popular e a troika, o DD pode (e debe) reposicionarse como un elemento central das estratexias de radicalización democrática.

A expropiación da soberanía dos cidadáns por parte dos Gobernos, dos sottogobernos, as grandes corporación económicas e dos señores dos mercados fai do DD un dereito e unha esixencia máis global como deixou ben en claro a reforma express da Constitución para fixar o teito de gasto e déficit pactada por PP e PSOE ou como exemplifica a petición dun referendo para avalar ou rexeitar as políticas de recortes e austeridade social.

Poñamos o problema no tellado dos veciños: as dificultades para facer efectiva unha democracia máis participativa e frear a expropiación da soberanía cidadá non desaparecerán nunha Cataluña independente. A DD é o DA e mais a construción dunha democracia na que sexa efectivo o poder dos cidadáns, dúas causas da radicalidade democráticas que se complementan e reforzan mutuamente.

2 | No DD non todo o que reloce é soberanismo.

O apoio ao DD (como DA) non supón (automaticamente) un compromiso a saída máis soberanista ou independentista. Sabemos que en sociedades democráticas máis maduras hai moitos «unionistas» que son partidarios do DD; para non darlle máis voltas o caso de Quebéc é dabondo ilustrativo.

As cousas non son simples nin en Quebéc, nin en Galicia. Tampouco en Cataluña. Unha das últimas sondaxes do Centro d’Estudis d’Opinió bota algunha luz (ou sombras) sobre esta cuestión: o 19% de votantes das CUP, organización independentista, descartan votar ‘sí’ nun hipotético referendo de autodeterminación e entre os electores de CiU suman o 16%.

En ERC, que ten electorado máis homoxeneamente independentista, rexístrase un 10% que prefiren unha solución federal (e non a independencia). Máis aínda, o agregado de votantes autonomistas e federalistas nas CUP supón un 28% e en CiU chega ao 30%.

3 | A liña de tensión soberanismo vs. unionismo, dificultades de demarcación

A maiores da pluralidade de gradación soberanista que se dá nos espazos electorais das forzas partidarias do DD-DA, hai outras razóns que obrigan a matizar: non todo o que non é soberanismo é unionismo. A evolución das preferencias sobre os modelos de organización do Estado desde 1984 a 2012 ofrece datos para repensar as fronteiras entre unionistas, autonomistas, federalistas e independentistas.

As sondaxes detectan, desde 2003, un crecemento sostido do unionismo forte na opinión pública do Estado español. Os partidarios dun Estado sen autonomías en 2003 era de tan só o 10%; en 2010 chegou ao 26% e en 2012 acadou o 30%. O unionismo forte ou centralista ten no presente niveis de adhesión cidadá semellantes aos que tiña cando botaba andar o Estado das autonomías (en 1984, por exemplo, representaba o 29%).

A opción do autonomismo inmobilista (conxelar o actual marco competencial) era a opción maioritaria (51%) en 2003 ­–coincidindo co mínimo do unitarismo centralista (10%)–. Desde ese ano o autonomismo inmobilista recúa até o 30% en beneficio dos partidarios do Estado unitarista. O autonomismo progresivo (dotar as actuais CC.AA. de maiores competencias) e o federalismo recúan suavemente desde 2010, pero a súa caída favorece as posicións pro-independentistas tan só en 2012.

4 | Galicia, soberanismo de mínimos, unionismo centralista en máximos

Podemos ollarnos canto queiramos no espello catalán ou vasco, pero o estado de opinión cidadá de Galicia seméllase máis ao de Madrid ou Valencia como queda en claro nos datos procesados por Metroscopia para o informe Pulso de España 2011-2012.

Sumamos a porcentaxe de apoio ao unionismo centralista máis alto (38%) por diante de Valencia (26%) e Madrid (30%). Tras da Comunidade de Madrid, somos quen expresa un maior apego ao autonomismo inmobilista (37%)e unha das adhesións máis baixas ao independentismo (5%) e ao autonomismo progresivo máis baixa (5%). A opción federalista sitúase nun 11%.

A nosa tradición do nacionalismo e o galeguismo político é unha pobre fábrica de independentismo e federalismo. Se baixo a etiqueta soberanista agregamos (xenerosamente) o independentismo, o federalismo e o autonomismo progresivo, en Galicia sumamos o 21% das preferencias; temos peores valores que en Valencia e Madrid onde representa o 24%, estamos lonxe de Andalucía (30%) e moi lonxe de Navarra (50%), Cataluña (62%) e Euskadi (64%).

Coda

A conclusión máis feliz de todo o anterior non é que en Cataluña o DD é unha vía practicable e en Galicia unicamente un slogan, senón que precisamos unha estratexia que permita crear condicións para o exercicio do noso dereito a decidir antes que tarde. A falta de criterio de autoridade mellor, ten razón o capitán Jack Sparrow: «O problema non é o problema. O problema é a nosa actitude fronte ao problema.»

Hai algúns cambios de actitude que poderían mellorar os termos do problema e a súa solución:
1 | Esforzarse en construír un relato do DD que non se esgote na cuestión indentitaria e que se enriqueza como un elemento clave de radicalidade democrática para a recuperación, tamén, da soberanía dos cidadáns para enfrontar o autoritarismo e desmocratización que abeiran as políticas neoliberais.
2 | Non caer na tentación de instalarse na liña de tensión soberanismo vs. unionismo como unha reedición mecánica da clásica contradición nacionalismo vs. españolismo.
3 | Non obcecarse en facer do dereito a decidir un recurso tacticista co que tirar vantaxes no curto prazo na competencia interpartidaria e asumilo como un programa de longo alcance.
4 | Formular o soberanismo non só como a política practicable do independentismo senón tamén en diálogo coas outras formulacións que, como o autonomismo progresivo e o federalismo, aspiran a dotar a Galicia con maiores cotas de autogoberno.
5 | Non confundir o unionismo centralista cos autonomistas pola simple razón de que, na vida e na política, non son o mesmo os inmobilistas que os reaccionarios.