Desafección

[Peixe do día:] Desafección

O Reino dos 5 millóns de parados suma 20 millóns de abstencionistas. O Barometro electoral e social  de Celeste-Tel sinala que, de celebrarse hoxe as eleccións, apenas acudiría ás urnas o 45% do censo. A participación o 20-N atinxiu o 69% e, daquela, quedaron na casa sen votar algo máis de 11 millóns de cidadáns.

A cata demoscópica de Celeste-Tel ofrece tamén un desagregado xeracional da abstención. A deserción electoral é sensiblemente maior entre os cidadáns novos (de 18 a 30 anos) onde chega ao 61,5% e nos de maior idade ­(máis de 65 anos­) nos que atinxe o 55,9%. É de interese salientar que a franxa de idade máis activa no exercicio do voto é a dos 45-64 anos e que nela se inclúen aquelas persoas que estaban na preadoslecencia, eran adolescente ou adultos novos cando se aprobou a Constitución de 1977, é dicir, sinala a aquelas xeracións máis novas que viviron en directo o tardofranquismo e a transición cara á democracia no Reino de España.

O luns 11 de marzo, na Tribuna do Club Araguaney, Fermín Bouza insistiu en presentar as altas cotas de desafección actual como unha suma da desafección estrutural (vinculada á desconfianza, ou desprezo, do sistema democrático e da falta de accesibilidade dos partidos políticos­) e dunha nova desafección que xermola como consecuencia da crise económica.

Na idea de Bouza, os altos índices de deserción electoral actuais son debidos a emerxencia dunha nova desafección que atopa o seu motor na crise económica que deteriora as condicións de vida de moitos de nós. Noutras palabras, súmase unha desafección de natureza político-crítica con outra que bota as súas raíces nas condicións materiais nas que se exerce a cidadanía. Na súa previsión, a medida que remita a crise, minguará esa desafección «materialista» para retornarmos aos niveis doutrora da desafección estrutural.

Enxergo un resultado distinto, máis preocupante. De igual modo que as xeracións que participaron, cando eran (eramos) novos, na democratización de 1974 a 1982, agora fan gala dun maior activismo electoral, non é difícil predicir que as xeracións novas que, actualmente, padecen o proceso de desdemocratización e a crise de lexitimidade da Segunda Restauración Borbónica, van afianzar nunha actitude distante e non implicada respecto da política institucional.

O retorno destas xeracións ao activismo político mínimo (como electores) ou máis comprometido (cunha acción militante) só será factible se callan doutro tipo de organizacións políticas ou se produce unha (re)politización dos movementos sociais (nos que moitos aínda se referencian). O desafecto da crise amalgamado coa creba de lexitimidade democrática de institucións e partidos situará aos abstencionistas de hoxe nas marxes da política durante moito tempo. Serán precisos novos partidos e prácticas políticas para a recuperación as persoas que se están afiliando ao Partido da Abstención desde a esquerda. E a experiencia apunta, pola contra, que resultará moito máis doada a mobilización daqueles que se suman desde a dereita ao Partido da Abstención como xa ocorre en moitos países de Europa cando abrollan movementos populistas ou as novas dereitas.

A segunda nota destacada da sondaxe é que as dúas forzas do bipartidismo apenas recibirían o 52,7% dos votos emitidos. No último Barómetro de Metroscopia (marzo, 2013), o PP e o PSOE sumaban aínda menos: o 47,4% dos votos válidos, un resultado semellante rexistrado no seu Barómetro de febreiro e que confirma a tendencia á baixa que se arrastra desde 2012.

Celeste-Tel pinta un cadro con máximos de desafección e mínimos de adhesión cidadá aos partidos de Rajoy e Rubalcaba. Unha lectura apresurada pode levarnos a unha conclusión enganosa; a saber, que a crise do bipartidismo aleita a abstención. Si, pero non só engorda coa falta de confianza no PP e PSOE. A sondaxe dinos que, neste momento, dos seus electores de 2011 ao PSOE se lle abstería o 26,8%, ao PP o 43,1% e a Izquierda Unida o 32,2% a pesar de ser a forza que ten unha porcentaxe máis alta de fidelidade electoral (63,7 fronte ao 57,9 do PSOE e o 45,3% do PP).

A fuga de antigos electores de Izquierda Unida cara á abstención apunta tres elementos claramente preocupantes: unha fráxil sintonía cos electores máis novos; as dificultades para tornar o malestar cidadá inmediato en fidelidade a un proxecto de resistencia e de transformación ao medio e longo prazo; e a volatilidade dunha expansión electoral prometedora pero que semella que ten febles raíces na sociedade civil.

Máis peixe do día

Na patela de hoxe había moito máis peixe de interese: a nova estación do Via Crucis de José Blanco, a primeira e marrada sesión do cónclave vaticano ou a noticia sobre o colapso financeiro da Sanidade catalá. Coa última descarga, a heroica vitoria do Barça ante o Milán e o anuncio de que Carlos Aymerich abandona o Grupo Parlamentario do BNG. E esta nova na que se formulan en voz alta algunhas das directrices darwinistas da Nova Orde.