Escrache

Os escraches e o Partido da Orde

 

Hai séculos que roubaron unhas palabras a Goethe para bordalas nas súas bandeiras: «Prefiro cometer unha inxustiza antes que soportar a desorde.» San Anastasio fixou o seu credo: «A desorde é sinal de ausencia de autoridade.» O Partido da Orde decretou a mobilización xeral. Acoden en auxilio do PP que está a piques de perder as rúas e as prazas. Acantonados no Pazo convertido en búnquer, os estrategos de Génova 13 confían en que o Partido da Orde e os medios amigos lles permitan quitarse de enriba aos cidadáns indignados coma se fósemos piollos.

A xeneralización dos escraches acendeu as luces de alarma. A protesta sae dos guetos, ocupa as beirarrúas da sociedade decente e perturba a seguridade doméstica da nomenklatura conservadora. O espanto fai garda na porta das súas casas. É un exercicio de coacción intolerable. Unha vileza. Unha variante pérfida da kale borroka. Unha chantaxe antidemocrática inaceptable. Un convite á violencia. Rosa Díez e Cristina Cifuentes repártense os papeis de gobernadora civil e militar para restablecer a paz social dos benpensantes e dos benestantes.

O escarche é unha acción de denuncia no límite. O escrache e os piquetes son os irmáns rabudos da folga e da manifestación. Guillem Martínez cualíficao como «un dereito onde non o hai» e unha forma de «coacción democrática». É un sinalamento político invasivo. Un medio de alta tensión. Esixe sentido da medida e contención. Sitúa aos activistas da PAH ao bordo do abismo. Fainos extremadamente vulnerables á provocación. Se deriva nun único caso de violencia devastará a lexitimidade da causa.

O escrache é unha arte contenciosa de xestión delicada. Determina que a protesta entrou nunha fase de conflito con pouca marxe para a negociación. Andrea Fumagalli formulou unha crúa ecuación coa que nos enfronta a actual crise: «O prezo que as futuras xeracións terán que pagar é inversamente proporcional á súa capacidade de mobilización e conflito.» Mobilizacións a emprender en situación de clara desvantaxe cultural.

Saul Alinsky recórdanolo no seu Tratado para radicais: «Conflito é outra fea palabra aos ollos da opinión pública. Isto é consecuencia de dúas influencias que operan na nosa cultura: unha é a organización relixiosa, que adoptou a retórica de «poñer a outra fazula» [...] A segunda influencia é probablemente a máis subversiva e insidiosa [...] as relacións públicas estilo Madison Avenue, a hixiénica moral da clase media, que fixo do conflito ou da controversia algo negativo e indesexable. Todo isto forma parte da cultura publicitaria que salienta que ningún cheiro debe saír das nosas bocas nin das nosas axilas.»

O medo ao conflito que se apodera de moitos progresistas patricios amplía o campo de manobra do Partido da Orde. O seu medo é maior que o peso da evidencia: dos 198 métodos de acción non-violenta, que alguén tivo a santa paciencia de catalogar, a inmensa maioría serían proscritos polo Partido da Orde. Desenganémonos, aos poderosos unicamente lle resultan aceptables a mansedume, o asentimento ou a resignación dos cidadáns do común, calquera outra actitude é un desafío ao estado de excepción.

Atención á retórica do medo e da inseguridade! Cando o Partido da Orde conclúa a súa campaña difamatoria contra o escrache, os xexúns de Mathama Ghandi van parecer unha incitación á violencia ou un acto de coacción intolerable na sociedade de farturas que a saída neoliberal da crise nos promete.