Kapuscinski

Kapuscinski e a fotografía

Cando caeron as cabeceiras de Xornal de Galicia,Galicia-Hoxe e Público, a miña quiosqueira sinaloume: «Os xornais que vostede merca, cerran todos.» O día que Cebrián decidiu clausurar a edición de Galicia de El País non me dixo nada, pero teño para min que confirmou que eu era gafe.

Hoxe, por vez primeira na miña vida, fun comprar ABC. Ela agachou o seu abraio con amabilidade, mais seguro que quedou coa sospeita de que estou argallando algo contra o xornal monárquiconservador de Bieito Rubido. Pagueille 1,8 euros por un artigo de Ryszard Kapuscinski co que dignificaron o seu suplemento cultural.

@ABC_cultural anunciou «La aventura de la fotografía» como «texto inédito» aínda que é a mesma peza que, co título «Mi aventura con la fotografía», introduce o libro Desde África (Altair: Barcelona, 2001). Nota para a axenda: o próximo 4 de abril, a Casa do Lector, en colaboración do Instituto Polonés de Cultura, inaugura en Madrid a exposición «O solpor do Imperio» con fotografías das viaxes que Kapuscinski fixo a Rusia en 1989 e 1991. Non é a primeira vez que as súas fotografías circulan entre nós. En 2010, a Asociación de Xornalistas Europeos organizou unha mostra, África na ollada, na que catalogou 75 fotografías de Ryszard Kapuscinski.

En «La aventura de la fotografía» Kapuscinski fai memoria das súas relacións coa fotografía. A súa iniciación, da man do fotógrafo Janus Zarzycki, nas véspereas de emprender a súa viaxe a India como reporteiro de Sztandar Młodych en 1956. A compra con diñeiro emprestado dunha cámara Zorki, o prezo estratosférico das películas e o perigoso que era ir por Varsovia adiante facendo fotos porque, inevitablemente, atraías cara ti a atención da policía.

Fálanos, tamén, das condicións necesarias da súa creación fotográfica («Tirar unha boa fotografía implica un esforzo e unha vivencias similares aos que acompañan ao nacemento dun bo poema. Require concentración, perseveranza e imaxinación semellantes»). Da necesidade do bo humor para enfrontase á fotografía («Para tomar fotografías necesítase estar de humor, ter gañas, vontade, entusiasmo»). E da súa incapacidade para reunir material simultaneamente para un relato xornalístico e unha reportaxe fotográfica («Non sei simultanear a actividade de reporteiro e de fotoxornalista. No meu caso, trátase de dúas facetas totalmente arredadas, que se exclúen mutuamente, e débese a que como reporteiro e como fotógrafo vexo o mundo de dous xeitos totalmente distintos»).

Kapuscinski acredita que «a fotografía é, por natureza, sentimental, porque con cada toma captamos un breve instante da realidade, apenas unha fracción de segundo. Ao ver a fotografía máis tarde somos conscientes de que o momento que representa xa pasou, de que nos estamos asomando a un pasado que xa non existe».

Aquí o último parrafeo co que remata «A aventura da fotografía»: «Cada fotografía é unha lembranza, e á vez non hai nada que nos faga máis conscientes da fraxilidade do tempo, da súa natureza perecedoira e efémera. Por este motivo, ao abrir a miña cámara sinto sempre a alegría de poder capturar con ela o tempo que pasa, e tamén a tristura, porque, pronunciadas estas palabras, tan só queda na miña man un anaco de papel tintado».