Política contenciosa

Contra o silencio do disenso

O Parlamento de Galicia deixou de ser o pavillón de repouso do PP. O enfrontamento político de alta intensidade retornou ás salas de comisión, ao Pleno e, mesmo, á tribuna de convidados. Desde a apertura da IX Lexislatura, as sesións parlamentarias son escoltadas por unidades de antidisturbios que cercan o Pazo do Hórreo. As beirarrúas son ocupadas por cidadáns que fan saber as súas protestas e esixen solucións aos seus problemas. Mal que ben, a orde do día da cámara faise eco do malestar da rúa e o Diario de Sesións rexistra, a cada pouco, enfrontamentos verbais, ameazas de sancións, apupos e abandonos, cando non expulsións, de deputados da oposición.

No ollo do furacán, os parlamentarios da Alternativa Galega da Esquerda e, un pouco máis timidamente, os do BNG. A autoridade democrática da presidenta Pilar Rojo vive horas baixas e os espasmos autoritarios do seu vicepresidente, Miguel Santalices Vieira, non conseguen domesticar aos deputados críticos. O PP, acantoado na Mesa e parapetado no Regulamento, fai todo o que pode por acalar a voz da protesta. Moi ao seu pesar, non todo é silencio, pero non falta quen se alporiza pola multiplicación de episodios de política contenciosa no noso Parlamento ao tempo que os despreza como banais transgresións da cortesía parlamentaria.

A cuestión ten moita máis fondura xa que, como ten sinalado Manuel Castells, en Europa “estase operando unha transición entre unha democracia liberal esgotada nas súas formas e procesos e unha nova democracia aínda por descubrir”. A crise de confianza nas institucións e os políticos profesionais abona a antipolítica e o populismo pero tamén chama por unha radicalización democrática e unha acción política transgresora e rebelde. Aguilloados pola crise, son moitos os cidadáns que transitan da indignación cara á asunción da necesidade dunha política contenciosa como vía para mudar o estado actual das cousas activando propostas colectivas disruptivas e desobedientes e dando voz á crítica dos déficits das institucións que se someten mansamente á democracia dos mercados ou ás retóricas baldeiras de significado do bipartidismo.

Hai tempo que McAdam, Tarrow e Tilly diferenciaron, en A dinámica da contenda política (2001), a política contenciosa contida da transgresiva. A primeira acomódase ao que denominamos política institucional. A  transgresiva identifica a política que actúa desde as marxes da oficialidade e excede ­–ou forza– o marco institucional. Como sinala o politólogo Raimundo Viejo, “a política contenciosa comeza alí onde acaba a ‘política institucional institucionalizada’ e se inicia o terreo da produción de novas formas de facer política; onde as institucións non responden xa necesariamente ás regras de xogo do réxime político en vigor e onde resulta posible a experimentación de alternativas ao devandito réxime”.

A política contenciosa contida non está exenta de conflito, pero este non ameaza consensos fundamentais do réxime nacido da Constitución de 1978. Cando menos, desde 2004, o xogo bipartidista do PP e do PSOE armouse con numerosas estratexias de tensión e distensión, máis agudas e delongadas as primeiras, nunha tirapuxa de acusacións e retruques que se deu en chamar “crispación” e que no terreo da comunicación política conduciunos de cabeza ao “negativismo” para privilexiar o ataque ao contrario antes que a defensa das alternativas propias. Esta política contenciosa contida que se resolve e se esgota nos marcos convencionais das institucións de representación e na guerra de papel, tinta e bytes está tan naturalizada como ritualizada e apenas preocupan os seus efectos empobrecedores sobre a política ou como catalizador da desafección cidadá. Malia a intensidade das retesías, as diferenzas das principais forzas políticas subróganse en amplos e asentados consensos respecto do que é posible, necesario e desexable e exprésase nunha deliberada vontade de acoutar ou negar de vez a existencia doutras alternativas practicables aquí e agora.

Un dos logros máis duradeiros da Cultura da Transición foi a exaltación (case relixiosa) do consenso para convertelo nunha fórmula máxica coa que desproblematizar debates políticos substanciais ou encaixalos comodamente no inmobilismo constitucional. Esta democracia de consensos condena o disenso e o pluralismo. En A trampa do consenso (2005), Thomas Darnstädt analiza a dinámica política en Alemaña e conclúe que o seu Parlamento xa só vale para bendicir a posteriori compromisos negociados previamente polas forzas maioritarias; na súa idea, este consenso fáctico fai inviable a democracia en Alemaña. Nos nosos incertos tempos, a política contenciosa denuncia que o consenso  baleira de sentido a democracia como expresión das diferenzas.

O caso de Galicia é singular. O consenso é unha práctica desaparecida da vida política e do Parlamento. As iniciativas lexislativas que tiveron o aplauso de todos os grupos parlamentarios foron ben poucas na VIII lexislatura e serán aínda máis contadas na IX. Ao goberno cordial de Feijóo bástalle coa súa maioría absoluta e demostra unha incapacidade total para acordar coa oposición. Das 1.066 emendas que PSdeG, BNG e AGE presentaron ao Orzamento de 2013, o Partido Popular aprobou, xenerosamente, tres. Desterrado o consenso, o PP aspira acadar unha unanimidade uniformizadora e para iso precisa anular o disenso e limitar a capacidade de crítica e discrepancia da oposición. O ultradominio neoconservador pasa por non practicar ningún consenso e por desterrar todo disenso.

Ao finado de Noberto Bobbio gústaballe lembrar que “o disenso é unha necesidade democrática xa que é o que pode facer posible as promesas non cumpridas pola democracia”. A transgresión, a rebeldía e o disenso son materias necesarias para a redemocratización das nosas institucións nacionais de autogoberno, pero para que a política contenciosa que as visualiza non deveña nunha escenografía esterilizante precisa dun proxecto alternativo, de propostas de cambio e de novas estratexias cooperativas para lograr o empoderamento efectivo dos movementos da sociedade civil e a recuperación da soberanía cidadá.

A quen queira o cambio político en Galicia e lle incomode a política contenciosa debería reparar nas valiosas achegas que, segundo McAdam, Tarrow e Tilly, nos fai: “crea incerteza e incita a repensar e a buscar novas identidades; revela liñas defectuosas e posibles realiñamentos dentro do corpo político; ameaza e anima aos desafiadores a emprender novas accións; forza ás elites a reconsiderar os seus compromisos e as súas lealdades; e deixa un residuo de cambio nos repertorios de acción política, nas prácticas institucionais e nas identidades políticas en nome dos cales as xeracións futuras formularán as súas reivindicacións”.

Para impedir que o silencio do disenso empobreza a nosa democracia, precisamos de ruído no Parlamento e na rúa e será ese ruído transgresor o que nos permitirá recuperar a palabra para que unha nova maioría cidadá poida decidir soberanamente o noso futuro.

Daguerrotipos: Pilar Rojo

53 anos. Arquitecta. De 1996 a 2001 foi delegada provincial en Pontevedra da Consellería de Cultura e Comunicación Social que dirixía o todopoderoso Xesús Pérez Varela. Deputada na cámara do Hórreo na VI , VII, VIII e IX Lexislatura. Conselleira de Familia, Xuventude e Deporte (2003-2005) con Manuel Fraga. É dos poucos altos cargos do fraguismo que acadou relevancia institucional con Feijóo. Presidenta do Parlamento de Galicia desde 2009, no saúdo da súa web fai votos “para que, nos debates e demais traballos que se desenvolven nesta casa, se impoña a concordia en beneficio de Galicia”. Sempre pendente dos caprichos da bancada do goberno, nese obxectivo, até o momento, Pilar Milagros Rojo Noguera tivo escasos logros.

 

Tempos Novos # 189, febreiro 2013