RSS Feed
  1. #primaveravalenciana #primaveiraestudiantil

    21 Febreiro 2012 por anpeca

    Unha cascada de manifestacións por todo o estado en solidariedade cos estudantes do Lluis Vives de Valencia, en Compostela estivemos na praza do Toural, aquí podedes ver algunhas das imaxes.

    Unha imaxes das que máis me chamou a atención foi a lectura do comunicado de apoio e denuncia das cargas policiais por parte de tres rapazas pero a diferencia doutras manis onde levamos follas impresas con letra en corpo 24 puntos, elas levaban un móbil co texto que foron pasándose entre as tres, sentín durante un minuto que mis 48 anos pesaban algo, só fopi un minuto logo volvín a gritar os lemas, … …

    Licencia Creative Commons
    Fotografías de Antonio Pérez Casas libres e baixo unha Licenza Creative Commons Reconocimiento-CompartirIgual 3.0 España.


  2. Entroido Ensino Público no Obradoiro

    16 Febreiro 2012 por anpeca

    Hoxe nunha convocatoria semi espontánea do Ensino Público Galego iniciada no IES de Melide, fomos convocados a un entroido no Obradoiro, unha pequena representación de estudantes, PAS e PDI da Plataforma Unitaria en Defensa da Universidade Pública (PUDUP) decidimos aparecer polo obradoiro. A verdade é que ademais de compartir os motivos da concentración, desgustar as orellas “do conselleiro” ás que nos invitaron, tiñamos ganas de estrear a pancarta que nos deron pola maña na imprenta, aquí deixo unha pequena colección de fotos e sobre todo unhas estrofas reivindicativas que cantamos na concentración.

    Que dirán os rumorosos sobre a nosa educación? Faltan mestres, faltan voces, sobran malas intencións.

    Se ti queres bailareire farei o que ti me mandes pero trinta nunha aula segue sendo un desmadre.


     

     


  3. Praza Pública e Universidade Pública.

    7 Febreiro 2012 por anpeca

    Hoxe aparece en Praza Pública un extenso e completo artigo sobre a Universidade Pública, no que por certo tiven a honra de ser entrevistado entre outras moitas persoas. Si ben o artigo é completo posiblemente non é capaz de mostrar a capacidade e riqueza da Universidade, é un deses espazos do que ningún País -e menos Galiza- pode prescindir, é un espazo complexo e rico, non escapa ás miserias da sociedade na que se inclúe pero a súa vez é capaz de dar a maioría das veces moito máis do que recibe.

    Sen ser exclusivo en ningún dos ámbitos que a continuación cito, si podemos dicir que a universidade é un espazo de formación, un espazo de investigación, un espazo de cultura, un espazo de ideas, un espazo de liderado de persoas pero tamén de colectivos, un espazo de encontro, un espazo de lecer, un espazo de convivencia, un espazo deportivo, …

    Creedes que pode haber alguén que pode imaxinar un País sen unhas Universidades Públicas fortes?  Pensabamos que NON pero SI o hai ou polo menos actúa como si así fora: O Goberno do PP na Xunta de Galicia. Nota: non sabemos si son incapaces de pensar na Universidade ou en Galicia ou tal vez en ningún dos dous conceptos.

    O penoso borrador de Lei de Universidades de Galicia, que os nosos reitores non sabían por onde coller xa que é moi difícil aportar suxerencias a un texto de tan baixa calidade, demostra as escasas neuronas que poñen no tema. Podo ser moi duro, pero como digo na entrevista a non resposta alta e clara en contra do financiamento e a inxerencia da Xunta nas Universidades nos convirte en cómplices do Partido Popular e a súa política de derribo das Universidades Públicas, neste caso as Galegas.

    Podedes ver o artigo completo en: http://praza.com/ciencia-e-tecnoloxia/89/a-falta-de-financiamento-pon-en-perigo-o-modelo-de-universidade/

    nota: Nesta ocasión en vez dunha foto da miña autoría utilicei un descritivo cartaz sobre os recortes.


  4. A estratexia do bisturí e o coitelo de matanza.

    5 Febreiro 2012 por anpeca

    Tanto Rajoy como Feijóo veñen de anunciar esta semana un importante paquete de medidas de recortes e saneamento, en ambos casos adórnanse cun corte fino de bisturí co que se pretende ocultar o groso das medidas coas que utilizaran un coitelo de matanza.

    Bisturí para altos cargos da Xunta e directivos de entidades bancarias, coitelo de matanza para o resto.

    Feijóo anuncio a semana pasada que rebaixaría en 80 millóns de euros o custe do persoal na Xunta, centrouse en explicar que vai a conxelar de xeito temporal o plus de altos cargos, plus que nunca tería que terse aprobado, pero que só afecta actualmente a 142 persoas cun custe de 1 millón de euros anuais, con este corte de bisturí pretende ocultar o recorte de 79 millóns de euros aos funcionarios de a pé, para estes non vai a utilizar un bisturí se non un coitelo de matanza.

    E gravísimo a eliminación da retribución durante os tres primeiros días de baixa por enfermidade e que dende o cuarto só se cobre o 60% das arcas da Seguridade Social completando a Xunta só a partir do día 21. Máis tendo en conta que nos últimos anos non hai practicamente ningún contrato de substitución para as baixas por enfermidade inferiores a un mes.

    A eliminación de 3 días de asuntos propios é un deses foguetes que a efectos do orzamento non ten ningunha repercusión, non se recorda a última vez que se contratou a alguén para substituír a un funcionario que estivera de asuntos propios, as propias normativas internas xa impiden que os servizos queden descubertos por mor destes días.

    Aínda non coñecemos con detalle o decreto sobre o sistema financeiro que vai a aprobar o consello de ministros deste venres, pero xa sabemos o recorte de bisturí: os directores e altos cargos das entidades bancarias con axudas non poderán cobrar máis que 600.000 euros, e os altos cargos das entidades nacionalizadas (é dicir traballadores públicos) só poderán cobrar un máximo de 300.000 euros, as cifras de por si xa son obscenas, pero aínda é máis obsceno querer con esta medida ocultar o rexeitamento popular ás novas axudas bancarias de miles de millóns de euros, aquí vai o coitelo da matanza, xa que acabaremos pagando dalgún xeito ditas axudas.

    Todos temos ademais a certeza de que Castellanos non vai a deixar de gañar 600.000 euros ni Rato deixara de gañar 1.700.000 euros, xa buscarán o xeito de  recuperar ditas gratificacións por outras vías.


  5. Casas sen xente, xente sen casas?

    3 Febreiro 2012 por anpeca

    Onte Luis De Guindos nos obsequiaba cunha magnifica proposta dentro do terceiro axuste de reordenación do sistema financeiro: “O obxectivo número un da reforma financeira é poñer no mercado o maior número de vivenda posible e ao mellor prezo” cree que “facilitará o acceso dos cidadáns ao mercado inmobiliario e traerá pisos a prezos reducidos”, é dicir vivenda máis barata, sacando todas as vivendas á rúa.

    A realidade vai ser ben distinta, os que necesitan unha vivenda para vivir non teñen acceso aos créditos bancarios.

    Na situación actual cóntanse con poucas mans os que necesitando unha vivenda e tendo cartos non a mercaron xa. Outros posibles compradores das vivendas de “De Guindos” serian os investidores, pero como van a investir nun produto que froito da especulación e a irresponsabilidade do sector bancario non se coñece o prezo real e siga baixando até non se sabe cando. Como imos a animarnos a mercar si cada día hai centos de novos parados (17 parados novos por cada hora en Galiza) e temos o medo metido no corpo.

    Mentres os bancos e caixas seguen executando as hipotecas e aos seus propietarios mediante desahucios diarios para así ter máis pisos que “mal” vender, a solución é aplicar a lei aínda que sexa inxusta coas persoas, aínda que a súa aplicación agrave o problema bancario e logo todos e todas teñamos que poñer máis diñeiro para o seus saneamentos por que incrementaron os seus activos inmobiliarios.

    A Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) na proposta de iniciativa lexislativa popular propón a dación en pago con efectos retroactivos, a moratoria inmediata dos desahucios e a reconversión das hipotecas en aluguer social, como medida de mínimos destinadas a garantir o dereito á vivenda das persoas afectadas polas execucións hipotecarias.

    Foto: A.P.C. Rúa de Bonaval, Barrio de San Pedro. Santiago de Compostela.


  6. Benvida: a praza pública estivo petada

    1 Febreiro 2012 por anpeca

    Hoxe milleiros de galegos e galegas foron á praza, foi tal a expectación e concentración de persoas que unha ducia de profesionais dos corpos de seguridade de A Navalla Suiza e de Dinahosting tiveron que actuar con todos os medios dispoñibles para canalizar o tráfico na praza, foron varias horas de angustia pero tamén de ilusión polas expectativas xeradas. Os responsables do evento estiveron informando continuamente por Twitter e pedindo calma as persoas que se achegaban á praza, aseguraban que estaban poñendo todos os medios existentes en Galiza para que se desenvolvera con normalidade o evento.

     

     


  7. Tempo de reflexión: dúas razóns para quedarse e cento delas para deixar o BNG

    30 Xaneiro 2012 por anpeca

    A forza que Galiza precisa ¿?

    Na asemblea extraordinaria de maio de 2009 quedou evidente a división do BNG, ao meu entender, en dous bloques (ApU e MGS) e (+Galiza e EI) case ao 50%; até o peche da asemblea do BNG este domingo 29 de xaneiro sentíame obrigado a manter o meu compromiso persoal de dar os pasos e o tempo necesario para que, de se non lograr a unidade, que si polo menos acadaramos unhas regras e practicas cotiás nas que todos e todas poderamos sentirnos incluídos. Estes case 3 anos e a propia asemblea desta fin de semana demostraron que este obxectivo esta hoxe moito máis lonxe incluso que no ano 2009.

    Agora xa rematado ese tempo tócame reflexionar sobre que fago (facemos) no BNG, atopo dúas razóns de moita importancia para quedarme e cento delas para deixar o Bloque:

    A primeira razón para quedarme é o forte convencemento de que Galiza e a esquerda necesita unha forza unitaria para parar á dereita, para impedir os despropósitos de Rajoy e Feijóo, e que a división polo menos a corto prazo só favorece ao Partido Popular.

    A segunda razón é o bo traballo que están a facer moitos compañeiros e compañeiras en moitas das institucións onde temos presenza, en especial nos concellos nos que estamos gobernando, nos que estamos transformando a realidade; teño a sensación que irme agora é unha pequena traizón a toda a ilusión que poñen, aínda que en calquera caso os apoiarei, desde dentro ou desde fóra.

    Polo outro lado en cambio atopo un cento de razóns para deixar o BNG, a primeira é a forte constatación de que a dirección actual do BNG non é incluínte; no 2009 saímos divididos e en vez de ter por primeiro obxectivo interno reducir as diferenzas que nos separaban, estes tres anos foron unha demostración de que as maiorías -con razón democráticas- podían acrecentar ás diferenzas (ideolóxicas, representativas ou formais). Por exemplo, pasamos dun reparto das cabezas de lista das 7 cidades de 4 para a UPG e 3 para o resto no 2009 a 6 para a UPG e 1 para +Galiza no 2010. As teses defendidas e aprobadas pola maioría nesta última asemblea tiñan por obxecto afondar nas diferenzas e en ningún caso reducir as mesmas.

    O “novo” BNG -e digo novo por parecerse pouco ao da anterior asemblea ordinaria do 2006- non me convence e, o que é peor, creo que non convence a maioría dos antigos votantes e que dificilmente pode convencer a maioría dos galegos e galegas. A oferta que realiza é de oposición, de negación ás políticas do PP, pero sen alternativa de goberno, sen capacidade de transformación da sociedade, sen ilusión e, polo tanto, sen credibilidade. Este tipo de postulados son unha opción lexitima pero non son os meus e creo que tampouco gustarán a unha parte importante dos galegos e galegas que se cansan de esperar por un BNG forte e ilusionante e aos que ofrecemos un proxecto enferruxado.

    Non me convence este “novo” BNG que en vez de intentar entender as razóns e achegar posicións cando hai discrepancias dalgún voceiro ou conxunto de alcaldes e alcaldesas prefire regular mediante unha emenda a comisión de garantías para limitar o dereito á discrepancia pública.

    Tampouco acredito no xeito de relacionarse cos movementos sociais, é certo que no BNG nunca me sentín cómodo neste aspecto, non é algo novo pero creo que a distancia acrecentouse nos últimos meses, existe un abismo entre a miña posición e as posicións expresadas pola UPG sobre as ideas e movemento do 15M.

    Será esta “a forza que Galiza precisa.” ¿??

    Agora é tempo de reflexión, de valorar as actuacións post asemblea, é tempo de poñerme en “stand by”.


  8. Asemblea do BNG – Domingo 29/01/2012

    29 Xaneiro 2012 por anpeca

    Continuamos coa Asemblea, hoxe tocan as votacións e discursos. Intentarei recollelo en imaxes en vez de caracteres, xa na vindeira semana con maís repouso tocará falar do resultado e das súas consecuencias. Galería de onte.


  9. Asemblea do BNG – Sábado 28/01/2012

    28 Xaneiro 2012 por anpeca

     

    A asemblea do BNG desenvolvese estes días no mercado de Amio en Compostela, moitos tweets, entradas no facebook e comentarios nos xornais van a escribirse estes días e posiblemente sexa imposible dicir nada que non estea xa dito, así que intentarei recollela en imaxes en vez de caracteres.


  10. Cores no mercado de abastos

    27 Xaneiro 2012 por anpeca

    O mercado de abastos de Santiago de Compostela pode presentar unha interesante gama de cores. As fotos fixéronse cunha cámara Canon EOS 350D no mes de xuño do 2007, véspera de San Xoán. Visita a Galería :