RSS Feed
  1. Benvida: a praza pública estivo petada

    1 Febreiro 2012 por anpeca

    Hoxe milleiros de galegos e galegas foron á praza, foi tal a expectación e concentración de persoas que unha ducia de profesionais dos corpos de seguridade de A Navalla Suiza e de Dinahosting tiveron que actuar con todos os medios dispoñibles para canalizar o tráfico na praza, foron varias horas de angustia pero tamén de ilusión polas expectativas xeradas. Os responsables do evento estiveron informando continuamente por Twitter e pedindo calma as persoas que se achegaban á praza, aseguraban que estaban poñendo todos os medios existentes en Galiza para que se desenvolvera con normalidade o evento.

     

     


  2. Tempo de reflexión: dúas razóns para quedarse e cento delas para deixar o BNG

    30 Xaneiro 2012 por anpeca

    A forza que Galiza precisa ¿?

    Na asemblea extraordinaria de maio de 2009 quedou evidente a división do BNG, ao meu entender, en dous bloques (ApU e MGS) e (+Galiza e EI) case ao 50%; até o peche da asemblea do BNG este domingo 29 de xaneiro sentíame obrigado a manter o meu compromiso persoal de dar os pasos e o tempo necesario para que, de se non lograr a unidade, que si polo menos acadaramos unhas regras e practicas cotiás nas que todos e todas poderamos sentirnos incluídos. Estes case 3 anos e a propia asemblea desta fin de semana demostraron que este obxectivo esta hoxe moito máis lonxe incluso que no ano 2009.

    Agora xa rematado ese tempo tócame reflexionar sobre que fago (facemos) no BNG, atopo dúas razóns de moita importancia para quedarme e cento delas para deixar o Bloque:

    A primeira razón para quedarme é o forte convencemento de que Galiza e a esquerda necesita unha forza unitaria para parar á dereita, para impedir os despropósitos de Rajoy e Feijóo, e que a división polo menos a corto prazo só favorece ao Partido Popular.

    A segunda razón é o bo traballo que están a facer moitos compañeiros e compañeiras en moitas das institucións onde temos presenza, en especial nos concellos nos que estamos gobernando, nos que estamos transformando a realidade; teño a sensación que irme agora é unha pequena traizón a toda a ilusión que poñen, aínda que en calquera caso os apoiarei, desde dentro ou desde fóra.

    Polo outro lado en cambio atopo un cento de razóns para deixar o BNG, a primeira é a forte constatación de que a dirección actual do BNG non é incluínte; no 2009 saímos divididos e en vez de ter por primeiro obxectivo interno reducir as diferenzas que nos separaban, estes tres anos foron unha demostración de que as maiorías -con razón democráticas- podían acrecentar ás diferenzas (ideolóxicas, representativas ou formais). Por exemplo, pasamos dun reparto das cabezas de lista das 7 cidades de 4 para a UPG e 3 para o resto no 2009 a 6 para a UPG e 1 para +Galiza no 2010. As teses defendidas e aprobadas pola maioría nesta última asemblea tiñan por obxecto afondar nas diferenzas e en ningún caso reducir as mesmas.

    O “novo” BNG -e digo novo por parecerse pouco ao da anterior asemblea ordinaria do 2006- non me convence e, o que é peor, creo que non convence a maioría dos antigos votantes e que dificilmente pode convencer a maioría dos galegos e galegas. A oferta que realiza é de oposición, de negación ás políticas do PP, pero sen alternativa de goberno, sen capacidade de transformación da sociedade, sen ilusión e, polo tanto, sen credibilidade. Este tipo de postulados son unha opción lexitima pero non son os meus e creo que tampouco gustarán a unha parte importante dos galegos e galegas que se cansan de esperar por un BNG forte e ilusionante e aos que ofrecemos un proxecto enferruxado.

    Non me convence este “novo” BNG que en vez de intentar entender as razóns e achegar posicións cando hai discrepancias dalgún voceiro ou conxunto de alcaldes e alcaldesas prefire regular mediante unha emenda a comisión de garantías para limitar o dereito á discrepancia pública.

    Tampouco acredito no xeito de relacionarse cos movementos sociais, é certo que no BNG nunca me sentín cómodo neste aspecto, non é algo novo pero creo que a distancia acrecentouse nos últimos meses, existe un abismo entre a miña posición e as posicións expresadas pola UPG sobre as ideas e movemento do 15M.

    Será esta “a forza que Galiza precisa.” ¿??

    Agora é tempo de reflexión, de valorar as actuacións post asemblea, é tempo de poñerme en “stand by”.


  3. Asemblea do BNG – Domingo 29/01/2012

    29 Xaneiro 2012 por anpeca

    Continuamos coa Asemblea, hoxe tocan as votacións e discursos. Intentarei recollelo en imaxes en vez de caracteres, xa na vindeira semana con maís repouso tocará falar do resultado e das súas consecuencias. Galería de onte.


  4. Asemblea do BNG – Sábado 28/01/2012

    28 Xaneiro 2012 por anpeca

     

    A asemblea do BNG desenvolvese estes días no mercado de Amio en Compostela, moitos tweets, entradas no facebook e comentarios nos xornais van a escribirse estes días e posiblemente sexa imposible dicir nada que non estea xa dito, así que intentarei recollela en imaxes en vez de caracteres.


  5. Cores no mercado de abastos

    27 Xaneiro 2012 por anpeca

    O mercado de abastos de Santiago de Compostela pode presentar unha interesante gama de cores. As fotos fixéronse cunha cámara Canon EOS 350D no mes de xuño do 2007, véspera de San Xoán. Visita a Galería :


  6. Recortes na USC

    26 Xaneiro 2012 por anpeca

    Onte deuse unha situación bipolar na USC, á entrada do Consello de Goberno tiñamos dous colectivos da USC manifestándose polo recortes que estamos a facer nas últimas semanas, dous colectivos moi distinto e teoricamente en extremos moi distantes:

    Por un lado o colectivo de Investigadores “Parga Pondal” e “Ramón y Cajal”, investigadores que despois dun importante esforzo económico e bastantes anos de traballo coa promesa de estabilización agora están na encrucillada dos despidos -realmente 17 deles xa recibiron a carta de despido o pasado 28 de decembro-, moi formados, capaces de captar proxectos e diñeiro para a investigación na USC.

    Por outro lado o colectivo de traballadoras e traballadores da limpeza da USC contratados a través da empresa Clece. A aplicación dos recortes do financiamento da Xunta ás universidades parece que tamén lles vai a chegar a elas dun xeito moi importante, falase dun ERE de até un 30% do salario. Neste caso aportan á Universidade a experiencia, como dixo un decano no Consello do Goberno, algunhas xa estaban cando cheguei a estudar á Facultade.

    Ambos os dous colectivos que semellan distantes en cambio están moi próximos para o mercado, nun caso non tiñan contratos estables, noutro o contrato o teñen a través dunha empresa intermediaria. Ambos son os eslavóns mais febles da cadea, por onde é máis sinxelo pasar o coitelo.

    Queda unha marxe á esperanza: a resposta de maioría de nós no consello de goberno de onte foi expresar a súa condición de membros da USC independentemente da súa condición laboral, e declarar que si finalmente temos que facer os recortes aos que nos están forzando estes deberán ser graduais en función do salario e non función do noso contrato (funcionario, laboral, PDI, PAS) ou a relación contractual coa USC (precario, asistencia técnica, interino ou capitulo VI).


  7. Cidade da Cultura

    26 Xaneiro 2012 por anpeca

    Museo de Galicia na Cidade da Cultura

    A Cidade da Cultura naceu co mal de pedra, un proxecto mal nacido, con demasiadas incertidumes e falta de definición nos contidos. Xa cando naceu pechamos os ollos e oídos sen que en ningún momento conseguira que a miraramos ou escoitaramos.

    O problema é que 10 anos despois temos a metade dos edificios construídos e agás a función de Biblioteca e Arquivo Nacional que levará o seu tempo pero en calquera caso acabarán cumprindo a súa función, o resto segue sen definición, sen que ninguén do mundo da cultura se interese, permitindo por exemplo que un dos edificios acabe converténdose nun almacén de ordenadores –tamén chamado Centro de Proceso de Datos- cos seus correspondentes técnicos informáticos -sitio frío e incomodo para os meus colegas-, ou que teñamos metros e metros cadrados construídos para o Museo de Galicia e sexa descoñecida completamente a súa función e contido.

    Os actuais xestores só teñen interese en xustificar o gasto e a estatística de usuarios, suma calquera visita, as culturais, a visita dos que nos gusta a arquitectura contemporánea, as visitas arrastradas, as que camiño do funeral de Fraga fixeron unha parada, … Proxecto cultural ou educativo ZERO, pero propostas alternativas tamén ZERO. En parte se entende polo mal de pedra inicial, pero o problema é que o PP segue a facer a súa Cidade da Cultura e os demais miramos a outro lado ou volvemos ao pecado orixinal. Algún día a integraremos entre as barbaridades que temos que refundir pero mentres segue medrando.